00:48 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-04-2011

En termos xerais, enténdese por copyleft a renuncia voluntaria a algúns dos dereitos estabelecidos polas leis de propiedade intelectual

Cultura sen copyright

Valorar (8)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



Woody Guthrie foi un cantante e compositor de folk norteamericano de ideoloxía progresista nado en 1912. Nos seus concertos, adoitaba saír ao escenario cunha guitarra na que levaba escrito "This Machine Kills Fascists" ("Esta máquina mata fascistas") Unha das súas cancións máis populares foi "This Land Is Your Land", cuxa versión de Bruce Springsteen acompañou en 2008 a campaña electoral de Obama cara á presidencia de Estados Unidos. Alén de constituír a inspiración musical dos demócratas norteamericanos, Guthrie tamén é considerado un precursor adiantado do movemento pola cultura libre. A declaración que Guthrie engadía ás súas gravacións musicais na década de 1940 resume ao seu xeito provocativo as ideas que alicerzan aínda hoxe a filosofía do copyleft:

Esta canción está protexida por dereitos de autoría nos Estados Unidos, ao abeiro da Lei de Copyright #154085, por un período de 28 anos. Calquera que sexa descuberto cantándoa sen o noso permiso vai ser considerado un moi bo amigo noso, porque non nos importa un carallo. Publícaa. Escríbea. Cántaa. Báilaa. Cántaa ao estilo tirolés. Nós escribímola, e iso é todo o que queriamos facer.

En termos xerais, enténdese por copyleft a renuncia voluntaria a algúns dos dereitos estabelecidos polas leis de propiedade intelectual. No copyleft, a persoa autora da obra declárase lexitimamente beneficiaria dos privilexios que lle recoñecen as leis de propiedade intelectual, pero autoriza a copia e a distribución libre da súa obra, sen renunciar á súa autoría, isto é, ao privilexio de que se lle atribúa a creación da obra. Nalgúns casos, a persoa autora da obra pode permitir tamén a creación de obras derivadas da súa obra (ampliacións, modificacións ou mesturas), ou mesmo a posibilidade de facer un uso comercial dela. En calquera caso, no copyleft esíxese sempre que as copias ou obras derivadas manteñan as mesma condicións de copyleft que a obra orixinal e inclúan de maneira explícita unha declaración da autoría. As licenzas de copyleft máis empregadas para a distribución de produtos culturais son as licenzas Creative Commons, utilizadas por exemplo na Wikipedia.

No noso actual marco económico, o copyleft constitúe de certo o modelo de distribución de produtos culturais máis axeitado para o desenvolvemento do sector. A sociedade post-industrial na que vivimos caracterízase por uns procesos económicos fortemente baseados nos fluxos de información que canalizan as tecnoloxías da comunicación. Porén, canto maior é o fluxo de información, máis difícil é vendela, polo que a rendibilidade hai que buscala non tanto na venda mesma da información, como nos servizos proporcionados e nos valores engadidos. Deste xeito, os novos modelos de negocio ligados ás industriais culturais non poden seguir baseándose nas leis de propiedade intelectual que limitan a democratización do coñecemento e favorecen os abusos dos intermediarios en detrimento da creación artística e cultural e da libre circulación de contidos, senón que deben reorientar ás súas estratexias de comercialización nun ámbito de distribución de contidos baseado en licenzas libres.

As características dos novos modelos de negocio das industriais culturais difiren en cada sector deste mercado. Os cambios necesarios para a adaptación das industrias do libro, da música ou do cine ao novo marco son específicos de cada sector, se ben apuntan todos na mesma dirección. En Galicia, como no resto do mundo, o mercado da música é o que se move máis rapidamente por estes vieiros, ao tempo que o sector do libro evoluciona con moita máis parsimonia mentres observa con cautela a imparábel penetración do libro electrónico. No estado español, pola dependencia dos lobbies cinematográficos estadounidenses e talvez tamén por unha mala comprensión do que significa unha economía baseada na información, tentan botar o freo á ineludíbel adaptación da industria do cine con medidas extemporáneas como a polémica Lei Sinde. Sexa como for, xa non hai volta atrás e o único que pode variar é o tempo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña