08:11 Sabado, 13 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-04-2011

Zapatero deixou ben claro que vai continuar as políticas antisociais que leva perpetrando

A saída de ZP, renda solta ao social-liberalismo español

Valorar (15)

XABIER PÉREZ IGREXAS



José Luís Rodríguez Zapatero anunciou esta fin de semana a súa decisión de non volver a candidatarse á Presidencia do Goberno español en 2012. De seguro que este asunto ha ocupar inxentes páxinas de xornais, minutos de radio e de televisión, e será obxecto de sectarias tertulias políticas nas que se diseccionará até o máis mínimo matiz deste anuncio. Ábrese ademais a veda interna no grande franquiciado electoral que é hoxe o PSOE para ver quen sucederá ao inda Presidente.

Pero ZP vaise a medias. A medias, porque non renuncia ao control orgánico sobre o partido, posto que non dimitiu como Secretario Xeral. A medias, porque non adiantará as eleccións e amosou a súa intención de esgotar a lexislatura. E tamén a medias, xa que os principais nomes das quinielas da súa 'sucesión' política máis que refresco o que achegan é un indiscutíbel continuísmo.

Con todo, e obviando os factores máis evidentes que xustifican a decisión de Zapatero (fundamentalmente electorais), é preciso reparármonos nos aspectos derivados que nos afectan.

Partamos, como ben dixo o portavoz nacional do BNG de que 'o importante non é o cambio de persoa, senón de políticas'. ZP encargouse na súa intervención perante o Comité Federal do PSOE, de deixar ben claro que o goberno español vai continuar, e mesmo aprofundar, nas políticas antisociais que leva perpetrando, ao ditado do neoliberalismo, desde os inicios da crise sistémica, tendo protagonizado o maior retallamento de dereitos sociais e laborais da nosa historia recente. En resumo: de corrección nada, inda maior teima nas mesmas receitas.

O PSOE de Zapatero agora liberado da presión electoral, dado que o Presidente non volverá ser candidato, poderá actuar xa sen ningún freo aplicando o programa político, económico e social da oligarquía española. Se algo podía 'parar' ou alixeirar a deriva dereitosa do goberno socialista era o temor a un desastre electoral que o fixese abandonar o poder. Dando por amortizado electoralmente a ZP, xa non haberá ningunha resistencia interna importante que poida moderar a liña antiobreira do executivo español, nin tan sequera por oportunismo. En síntese, o PSOE perde un candidato -ou renuncia a el- e o capital (FMI, BM, UE, oligarquía española...) afianza o marxe de actuación do social-liberalismo español ao seu servizo.

Dixo tamén con acerto Guillerme Vázquez que o goberno ZP "nos temas fundamentais para o noso país foi semellante a un goberno do PP". Non lle falta nin razón, nin argumentos.

Porén, o que ha de sobrevivir a ZP non apunta maneiras diferentes. Os principais nomes que soan para sucedelo comparten un sólido e indiscutíbel denominador común: todas e todos, sen excepción, son ou foron activos copartícipes das políticas de quen aspiran a suceder. Ulo cambio? Ulo refresco? A elección dun novo candidato, ou candidata, no PSOE, volverá anovar a vixencia daquel axioma de "cambialo todo para que nada cambie". Mudarán as facianas das e dos protagonistas da primeira liña política, mais ningún dos aspirantes -declarados ou oficiosos- pretende cambiar ren na liña política da última década. Non haberá diverxencias ideolóxicas, nin tan sequera de matiz. Apenas unha disputa interna pola cabeza da organización. Emilio Botín pode durmir tranquilo; sexa para quen sexa a vitoria electoral nas eleccións xerais 2012 gañarán os seus.

Con este panorama é indispensábel non caer na trampa dos espellismos. O social-liberalismo español (PSOE) fica entregado de cheo aos intereses do grande capital financeiro e e empresarial, e nesta altura ten no esencial o mesmo perfil antisocial que o propio Partido Popular, posto que ambos comparten o neoliberalismo por programa. Non é algo conxuntural, a súa aposta é ideolóxica e ten calado estratéxico.

Xa que logo, neste contexto difícil a esperanza para o pobo traballador galego pasa por fortalecer social e electoralmente o proxecto político que defende os seus intereses como maioría social, desde o compromiso en chave nacional con Galiza e desde posicionamentos netamente de esquerdas; o proxecto político que encarna o Bloque Nacionalista Galego. Pois, para refutar o prognóstico que hoxe facía a inefábel Leire Pajín de que 'o legado político de ZP será o futuro', é preciso alargar e reforzar en todos os ámbitos a esquerda real que se compromete co pobo traballador da nosa nación, principiando polos concellos o vindeiro 22 de maio.

A vitoria electoral do BNG, sexa onde for, será sempre a derrota do neoliberalismo do PPSOE e unha batalla gañada a favor das clases populares.


1 2 seguinte

[10-04-2011 08:45] Para por fa comentou:

Polo que dis, parece como se o BNG non plantase cara desde os concellos a todo iso que dis... E iso que a veces é a única voz discordante. Que teima co BNG, meu deus...

[10-04-2011 00:30] Por fa comentou:

Para "Que alianzas?"; Parece como se desde os concellos -con alcalde do PSOE e coalición- non se tomasen decisións tamén en contra dos galegos e galegas: urbanismo especulador e corrupto, traballo a prol de grandes construtores, apertura de centros comerciais, etc. Ademais os concellos non fan nada pola democracia participativa nin pola creación de emprego.
Ou sexa non vale só enfrontarse co PSOE no Congreso. O PSOE do goberno español, do Congreso e dos concellos é o mesmo partido, o mesmo de corrupto e ten o mesmo programa.
Deixémonos de politiqueo barato, por fa.

[06-04-2011 10:10] Xabier Pérez Igrexas comentou:

Como 'Bloque e Bloco' me aludiu directamente, e malia que non acostumo intervir nos fíos de comentarios dos meus textos, quería simplemente tentar dar resposta á súa cuestión.

O BNG representa un proxecto político absolutamente antitético ao do Partido Popular, ergo o nacionalismo galego debe impedir sempre que poida o acceso ao goberno do PP. Non por partidismo electoralista, senón porque ben coñecemos todas e todos os efectos directos das súas políticas. No que se refire á aritmética post-electoral eis un dos principios que eu coido fulcrais.

A respecto dos gobernos de coalición, nomeadamente no ámbito municipal, pois entenderás que as decisións concretas deben partir da análise concreta que emana do coñecemento empírico e directo. Isto quere dicer que serán as asembleas locais do BNG as que decidirán após o 22-M se a fronte se integra nun goberno de coalición co PSOE ou con outra forza política de signo "progresista" (as comas non son casuais). Digoo porque os acordos nacionais BNG-PSOE tan só prevían (até onde eu coñezo) o mutuo apoio nas investiduras de alcaldes/alcaldesas mais non necesariamente pactos de goberno. Dito isto, opinar sobre que facer desta volta podería facelo a respecto do meu concello, Vigo, mais hasme permitir que non o faga nun fío de comentarios, senón en todo caso nos órganos democráticos do propio BNG de Vigo e cando toque, isto é após as eleccións.

Porén, como me pides que me molle, e fico certo de que a miña resposta até agora non te serverá de moito, persoalmente en termos xerais son contrario á política de pacto xeral ou pacto automático. Haberá que velo concello a concello, caso a caso, situación por situación, mais sempre procurando que o resultado sexa coherente coas nosas propostas, polo que deberan ser sempre pactos programáticos globais e non un mero reparto de mini-áreas. E se non se dan as condicións para ser goberno, exercermos de oposición firme para defender as propostas e liñas que o noso electorado respaldou.

[04-04-2011 23:24] Que alianzas? comentou:

O BNG será aliado do PSOE nos concellos galegos, pero aló onde o PSOE toma todas as decisións negativas para nós, no Congreso, fomos dos poucos que nos opuxemos a todas as súas "reformas"...

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña