00:21 Mércores, 21 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-04-2011

A palabra “moro”, como tamén pasou coa de “gallego” e outras, outorgaránselle connotacións negativas

O equívoco dos “mouros”

Valorar (18)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Tendemos  a caer na provocación, na resposta animal, instintiva, irracional: a ensinar os dentes, á violencia, a coller as armas, a enguedellarse na guerra, en "bombardeos humanitarios" (¿?), .... que non sementan máis que iso mesmo, destrución e morte. Para concluír hipocritamente no de sempre, que son batallas nas que se defende a Xustiza, que se fan en nome dunha ética que non é máis que inmoralidade. Mátase tamén dende principios relixiosos e en nome de Deus, unha cruzada ou unha Yihad. E agora faise abusando da Democracia, mediaticamente e interesadamente adulterada. Xustiza reversible que cadaquén usa con comenencia para interferir en nome da súa verdade noutras economías e culturas. O que subxace no fondo son razóns económicas, clientelares, máis que éticas, as que tendemos a usar con dobre  moral e como escusa teórica. O posmoderno feudalismo dos señores da guerra campa dende os despachos. Hoxe son as atractivas fontes de enerxía coas que se condicionou o movemento do mundo, as  que queren uns e os outros, os poderosos e tamén os máis débiles, os que despois de tantos anos de escravismos, máis ou menos sofisticados, toman conciencia da súa situación de dependencia integral. Riqueza pola que se crearon e fenderon vencellos de interesada, paternalista amizade. Velaí a exótica "morofilia" ou a "morofobia", caras da colonización dos quedamos en chamar "mouros".

No folclore, que é a expresión cultural dun pobo e que acolle as tradicións, en Galiza e nun mundo dividido entre o ben e o mal, entre o ceo e o inferno, os fieis e os infieis, sempre se puxeron purgatorios, sabios puntos intermedios. Entre esas tradicións trátase de incrustar en que "os mouros" son os morochos, os de pel morena, polo tanto os do sur, os islámicos tocados de turbante, sedas e ouros, os que asociamos cos tesouros, cao alquimia, coa maxia, con Alí Babá e cos infieis opostos ós cristiáns. A palabra "moro", como tamén pasou coa de "gallego" e outras, outorgaránselle connotacións negativas. Respecto ós mouros na tradición galega, tan aculturada, coidamos que poida existir, e de vello, un equivoco: así mesmo os mouros asócianse popularmente cos habitantes de antes, ós que se lles atribúe a construción de cidades desaparecidas, de ruínas, de covas, pozos, lagoas ou fontes misteriosas... polas que de cando en vez se cree ver a unha moura, como unha fada, a peitear os seus cabelos con peite de ouro. Señora enfeitizada, encadeada á lembranza do pasado. Entendemos que iso dos mouros e das mouras, tan escoitado no mundo rural dos devanceiros,  a carón do lume e das sombras das lareiras, ten na psicoloxía popular unha aceptación amable, cómplice, endexamais metemedo, en relación co pasado, coa memoria colectiva  (mouros, moiros ou monoiros, do verbo latino moneo=avisar, lembrar, advertir...) Son pois os avisadores, seres bos que escollen os lugares de antes, herdos de difícil explicación, abandonados. Seres que aparecen e desaparecen entre as pedras, a fonte, o bosque, parte do "genius loci" do apracible  "locus amoenus". Os mouros son como outra Santa Compaña ou as Señas  paganas, para dar consellos aproveitables. Como os de aquel señor mouro que habita entre as ruínas do Castro do Mosteiro, en terras do Carballiño e que de cando en vez botaba entre o pardiñeiro e as brétemas para deixar ecoar a sentencia: "si souberades da riqueza que tendes aquí non emigrariades... Moitas paisaxes están presididas por algunha "Pena Moura", de "Moureiras", como fachos, faros, penas orientadoras, avisadoras entre a incerteza do labirinto dos camiños.

O mal  pode vir e furar por calquera banda, pero tamén se nos meteu nos miolos que case sempre o fai por abaixo, polo inferno, "a morte ven polos pes", así é que os inimigos naturais da  Hispania Católica, Apostólica e Romana, con monarcas designados "Pola Gracia de Dios" sempre entrarán polo Sur. Eran eses outros mouros, os que atopaban paso por África e Xibraltar, os que nun abril do 711, ó mando do bérber Tariq Ibn Ziyad, con preparativos, prospeccións e sedicións previas, entraron para penetrar nun verxel de augas e plantas, o Reino Visigodo, acosado demograficamente polas pestes e a fame, fendido entre clans, entre xerarcas  ansiosas de poder, debilitado entón. Egica, Witiza e Rodrigo, así, sen coroa e sen Don, foron os tres últimos reis godos dun listado interminable co que  noutrora ocupamos inutilmente o noso espazo memorístico. Así é que neste ambiente crebado, fendido, os bérberes islámicos atoparon incluso como aliados a algúns clans descontentos e oportunistas, entre eles grupos de negociantes xudeus que se sentían oprimidos, escravizados pola monarquía goda, especialmente nos tempos de Égica. O senso oportunista e clientelar é un ingrediente que endexamais falta na espiral histórica  dos gazpachos compartidos coas ansias de poder. Mesmo o sabio Isidoro de Sevilla, quen non daba puntada sen fío, informado polas comunidades cristiáns do Norte de África, non mostraba receo cos grupos invasores, pola contra persistía na ansia misioneira de sumalos á causa cristián co sermón, como xa tiñan experimentado nas comunidades norafricanas outros sabios bispos. Así se foi formando Al-Andalus, e en case quince anos, por pactos, batallas e o auxilio de contrareforzos os árabes, chegaron a ter dominado o mapa da pel de touro ibérica, agás os núcleos de resistencia herdeiros do reino Suevo, os dos "pelaios" ou paios, os que  entre tanto movemento herético, arriano, priscilianista retomarían como lábaro a cruz. O motor está acollido nas covas das montañas do noroeste peninsular, entre comunidades asentadas en vales de silencio e ribeiras sacras, onde incluso se manteñen relacións con comunidades das ribeiras do Mediterráneo oriental e cunha nómina importante de misioneiros e santos: Asturias, León Galicia, Norte de Portugal, onde non se dubida en buscar e dar propaganda á sepultura do Apóstolo Santiago para afervoar ate facelo santo adaíl "Matamouros".

Compre contrastar as crónicas duns e dos outros, liberalas dos mitos, os que teñen como obxectivo afervoar irracionalmente. Aínda así non faltarán os historiadores que asenten con calzador eses setecentos anos de desencontros e encontros ós que insistimos en etiquetala como a Reconquista. Reiterada Historia de imperio contra imperio.

Fixemos, milis, campamentos, manobras e sempre cavilando en inimigos naturais que viñan  e atacaban polos flancos do sur. Nesas seguimos e de xeito posmoderno, aínda máis cando as fontes da enerxía que ate hoxe moven o mundo, o ouro negro, o petróleo e o gas, veñen deste noso Oriente. Orientarse, occidentalizarse, velaí a cuestión.


[16-04-2011 12:23] Antonio das Mortes comentou:

Unha vella no tempo dos mouros
fixo da cona unha praza de touros.
E fixo ben, e fixo ben,
na cona da vella non manda ninguén!

[15-04-2011 21:54] braisiño comentou:

"Gallego" segue a ser despectivo en Latinoamérica. E tamén "galego" en Portugal é igualmente despectivo. Curiosmente os conservadores portugueses seguen a nos ver como zafios, incultos, pailáns, "saloios". Por iso sempre responden ao galego en español e ignoran a nosa cultura. Teñen un dito: "a fome faz o gado galego". Espero os galegos nunca esquencermos da inxuria o rudo encono e non chamar despectivamente a pobos enteiros por seren pobres ou incultos, caso dos magrebíes hoxe.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña