11:58 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-03-2011

O himno é de todo o pobo, e cantas máis persoas –da clase que foren– se sentiren identificadas plenamente con el e o que representa

De bandeiras, puños e outros símbolos nacional populares

Valorar (75)

ROBERT NEAL BAXTER



Desta vez quería comentar unhas actitudes expresadas recentemente en certas redes sociais (foro ideal para o debate interno se os hai...). O certo é que estou algo farto de que me traten de 'sectario' (entre outras cousas) por non coincidir cunha determinada posición ideolóxica, e pode ser que estea a sacar as cousas fóra dos eixos, mais non o creo, ao se tratar neste caso dos nosos símbolos nacionais e aos que o Partido dedica un capítulo dos seus Estatutos.

Seguindo a moda de crear leas e polémicas onde non as había co único propósito de enredar e crear confusión e enfrontamentos artificiais (exemplificado á perfección polo caso do veo islámico de Arteixo), agora tamén hai quen -tal un Quixote moderno (referencia española intencionada pola conta que lles trae a algunhas persoas que se darán por aludidas ou non...)- lida contra outros muíños de vento: seica agora hai militantes do BNG que lles amola ver como outr@s compañeir@s erguen o puño durante o canto do himno nacional que, no seu afán de insultar para encubrir a súa carencia de argumentos, algúns 'imbéciles escuros' mesmo chegan a comparar subrepticiosa e insidiosamente (por non dicir odiosamente) co saúdo falanxista ou nazi...

Entendámonos, estas persoas din estar molestas tanto polo feito de outras persoas levantaren o puño como pola paranoica crenza de que a aquelas que si levantan o puño non lles guste que outr@s non o fagan. E se resulta difícil de entender, é porque os propios feitos e argumentos son dificilmente entendíbeis.

O primeiro que lles diría a estas persoas tan interesadas en saberen o que fan os demais e o que os demais poderían pensar do que fan ou deixan de facer aquelas persoas que opten por non ergueren o puño do himno é moi sinxelo: deixade de preocuparvos tanto polo que fan os outros e facede o que a vós mellor vos conviñer (dentro dos límites do decente, claro está...). Éche moi fácil: só fai falta ollar para os gaiteiros no palco, no canto de se preocupar tanto de mirar ao seu redor. Vamos: menos paranoia.

E, pregúntome, que dirían logo aquelas persoas que tan rapidamente recorren ao grito de 'sectarios! e que din sentirse perseguidas (miraríanas mal...) por ondearen a bandeira 'oficial' da Galiza (sic. léase, sen a estrela vermella que tanto medo suscita en calquera reaccionario) -disque prohibida pola UPG (?!)- do acoso verbal sufrido por dúas compañeiras (nin sequera militantes da UPG, dito sexa de paso), agredidas verbalmente por outro 'compañeiro' que coxeaba do pé que se pode imaxinar, por levaren un par de bandeiras do Partido logo da manifestación do Día da Patria? Espero que se sentirían, polo menos, tan ofuscadas polos actos sectarios reais como polas súas propias fantasmadas. Ás veces, abofé que é máis doado ver a palla no ollo do seu irmán que a trabe no seu...

O que fai falta é un pouco máis de cordura e tolerancia desta que tanto predican. Que cada un/ha leve a bandeira que queira e fique sen erguer o puño se así se atopa máis a gusto, mentres eu siga levando a miña -quer a estrelada da Patria, quer a vermella do Partido- co puño ergueito e sen que ninguén me trate de sectario. E non vaian pensar que a min me importe, nin que me fixe no que el@s están a facer. As citas bíblicas están ben, mais acho tamén moi acaído un dos nosos refráns máis enxebres: Que cada can lamba a súa caralla!

Mais entrando xa un pouco máis nos 'argumentos' que se esgrimiron para non levantar o puño, disque o himno é de tod@s os galeg@s, mentres o erguer o puño sería o símbolo da loita obreira e, por tanto, só dunha parte do pobo galego... A primeira aseveración é de todo certeira: o himno é de todo o pobo, e cantas máis persoas -da clase que foren- se sentiren identificadas plenamente con el e o que representa, mellor: eis o labor polo que foi creada a Fronte patriótica. A segunda afirmación, porén, é froito ou ben dunha intencionalidade maniquea de distorsionar os feitos ou ben da simple ignorancia (de tipo 'férido' e 'duro').

Pois, se ben algunhas fontes sitúan as súas orixes na Rotfrontkämpferbund, organización paramilitar do Partido Comunista da Alemaña antes da Segunda Guerra Mundial, hoxe por hoxe o símbolo do puño levantado, lonxe de representar a loita obreira en exclusiva, simboliza a 'resistencia' e a 'unidade' (de clase e/ou de nación). Diso atesta o feito de se ter utilizado por varios movementos e grupos, desde a liberación das mulleres, até os Panteras Negras que se asociarán para sempre co puño con luva negra levantado no podio das Olimpíadas do 68, pasando polos reaccionarios do Otpor! que loitaron ao abeiro dos EUA para derrocaren Milošević, ou mesmo (por desgraza, e de xeito deturpado) a extrema dereita sionista e criptofascista do (hoxe defunto) Partido Kach e a (actualmente activa) Jewish Defense League, entre moitos outros.

Símbolo de solidariedade: solidariedade co pobo galego que sofre a dominación colonial allea. Símbolo de unidade: unidade co pobo concienciado que se une na Fronte patriótica que defende os seus intereses. Símbolo de resistencia: a de tod@s @s que se negan a ser asimilad@s cultural e lingüisticamente.

Así que vos podedes asegurar que, con ou sen o seu visto e prace -e sen a máis mínima preocupación por saber o que fan ou deixan de facer @s outr@s, sempre que non leven unha bandeira española (por moi republicana que for...)-, eu seguirei resistindo a 'inxuria o rudo encono', puño en alto, e os 'bos e xenerosos' a miña voz entenderán.


1 2 seguinte

[01-04-2017 03:00] manuel lopez comentou:

pois eu seguirei erguendo o puño.

[04-04-2011 18:47] Non aos oportunistas no BNG comentou:

Os oportunistas e as oportunistas que están na política non son bos para ningunha organización. Era mellor que estivesen na súa casa, porque por pensar no seu beneficio propio son capaces de ir en contra do colectivo.
Oxalá non houbese traficantes de droga nin oportunistas. O Estado español é o de maior concentración de oportunistas por metro cadrado do mundo. Así nos vai.

[04-04-2011 11:48] Anxodoceo comentou:

Non podemos andar nestas parvadas mentres nos desgoberna o PP e anda a desfacer a Nación Galega. É un tópico, mais falta moita xente no proxecto nacionalista e non sobra ninguén. O Nacionalismo é a alternativa a dereitización e españolización de Galiza, e temos unha responsabilidade histórica. Temos que triunfar

[01-04-2011 10:13] Stalis comentou:

Eu tampouco non vexo a miña necesidade de levantalo, creo que as cousas como estas hai que facelas cando son precisas, non de xeito rotineiro. Que mo proíban ou censuren: logo si o farei....

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña