00:45 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2011

O Pote, emigrado con 18 anos, foi libreiro e así comezou a súa fortuna

Habana: cabodano 90 de Pote

Valorar (9)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Ponte de Pote


Durante algún tempo, en diversos anos, teño cruzado a capital cubana en bicicleta. Dende a casa de Marelita Suzarte na Habana Vieja ata a casa de Pedro Muñiz, Tomás Gutiérrez Alea e Mirta Ibarra en Miramar. Xa non había tranvías na Habana mais eu seguía os seus raís. En Kasalta, no quiosco, parabamos a  comprar, cando había, o Gramma.

Para cruzar o río Almendares na ida iamos, despois de baixar por 26, pola Ponte de Ferro e a volta polo Túnel de Calzada, antes e sempre a Ponte de Pote, levadizo de dúas direccións, onde era necesario agardar cando tiña que pasar algún barco (ver postal).

A Ponte de Pote, que unía a rúa Calzada coa que sería logo 5ª Avenida de Miramar, inaugurouse o 28 de febreiro de 1921. Será derrubada en 1958 para construír o Túnel de Miramar en1959, por onde tantos días felices temos pasado camiño de Cero entre Primeira e Terceira.

Tamén en Miramar, entre Quinta e Dez,  construíuse a Torre do Reloxo, obra de George H. Duncan, onde as  catro campás do reloxo teñen gravado o nome de José López Rodríguez, "Pote" (pola súa parcialidade polo caldo). Hoxe é un símbolo do municipio habaneiro de Playa.

Ando seguindo, dende hai máis de 20 anos, a pista do emigrante galego José López Rodríguez (Maside, Ourense, 1862 - La Habana, 1921). O Pote, emigrado con 18 anos. Foi libreiro e así comezou a súa fortuna. Dende 1890 era o dono da librería La Moderna Poesía. Despois crearía un imperio que abarcaba imprenta, La Casa del Timbre, impresor dos billetes da Lotería en exclusiva dende 1908, representante da casa de automóbiles Buick, empresas inmobiliarios, cementeiras, centrais azucreiros, e sobre todo controlaba o Banco Nacional de Cuba, conseguindo dende 1911 desbancar ao capital norteamericano. O Pote foi un firme soporte do presidente cubano José Miguel Gómez. As contrapartidas na urbanización de Miramar foron importantes.

Fixo moitos cartos, coa chamada danza dos millóns ou vacas gordas, debido sobre todo a alza dos prezos do azucre, debido ao afundimento da industria remolacheira europea por mor da I Guerra Mundial, pero despois da Gran Guerra, viñeron as vacas fracas e a quebra do prezos do azucre...o crac bancario de 1921 e a conseguinte crise económica.

Solteiro, recoñeceu ao seu fillo, que tivo coa mulata e viúva Ana Luísa Serrano Ponce, cando este tiña 15 anos, o 18 de marzo de 1921, é dicir dez días antes do seu suicidio por aforcamento en moi estrañas circunstancias.

A pesar do crack e das dificultades o seu fillo José Antonio López Serrano, avogado, foi quen de ampliar o negocio familiar.

Por exemplo en 1926 unifica a Librería Cervantes, que fora fundada en 1910 por Ricardo Veloso, con La Moderna Poesía, creando o grupo  Cultural S.A. que fará un gran negocio sobre todo cos libros de texto. Era propietario de hoteis como  o Comodero Yacht Club, un laboratorio farmacéutico (Laboratorios Lex S.A), accionista en diversos bancos como o Banco de Fomento Comercial ou do The trust Company of Cuba.

Construíu un edificio extraordinario, de estilo Chicago, no Vedado (rúa 13, número 108) realizado polos arquitectos Ricardo Mira e Miguel Rosich en 1932. Na Torre de López Serrano vivía Eduardo Chibás (1907-1951), o dirixente do Partido Ortodoxo, onde militou Fidel Castro, que tiña como símbolo a escoba para varrer a corrupción e os corruptos do réxime neocolonial.

A pesar do seu enorme capital o fillo de Pote non foi admitido no elitista Havana Yach Club, por mulato, e entón creou o seu propio club: O Comodoro.

O edificio actual de La Moderna Poesía,  na rúa Obispo, foi obra súa tamén,  datando de mediados da década dos trinta do século XX. Por certo na  mesma rúa Obispo pero no número 35 o tamén galego José María Bouza Bello era copropietario dunha librería e imprenta moi potente Rambla y Bouza, que imprimía a Gaceta oficial de Cuba e o Diario de sesiones del Congreso. Aínda había na mesma rúa, número 35 outra librería, máis modesta, do tamén galego Severino Trinquete.

Algún día non moi lonxano sairá a luz algún documento que nos axudará a saber do suicidio de Pote no ano en que Raúl Capablanca foi proclamado campión mundial de xadrez.


[08-04-2011 21:53] Mario Solinho comentou:

Sendo moi grande o mundo, aínda topa por onde medrar, mesmo polos currunchos máis pequechos....

Moito obrigado polo artigo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña