23:17 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-03-2011

As cifras de persoas paradas segue medrando sen parar, cun Goberno do Estado inútil e coa Xunta mirando para outro lado

As políticas laborais e as componendas de partidos e sindicatos estatais

Valorar (10)

PAZ ABRAIRA SOBRADO


Lugo (termas)


Nos últimos anos estamos asistindo a unha escalada de recortes de dereitos laborais e sociais nunca vivida no Estado español desde a chegada desta suposta e presunta democracia. E digo suposta porque a democracia é outra cousa. Nunha verdadeira democracia os representantes políticos e sindicais non se dedicarían a negociar e a desenvolver recortes sempre negativos para os cidadáns, sexan estes ou non traballadores/as en activo, en base a non se sabe que pretendidas demandas dos célebres e invisíbeis mercados.

Semana tras semana, as novas están centradas, á parte da crise nuclear de Xapón e do mediaticamente manipulado ataque a Libia, na situación económica e nas negociacións entre o Goberno e os sindicatos estatais para dinamitar a negociación colectiva. CCOO e UXT xa asumen a posibilidade de maquillar as cifras de paro, o PP propón que os salarios se liguen tamén coas taxas de desemprego e a OCDE recoñece as baixadas nas nosas pensións de até o 9% como consecuencia da reforma promovida polo PSOE e bendicida polos "sindicatos" estatais. Unha baixada que xa denunciaban o BNG e a CIG, pero que agora certifica un dos propios actores do proceso.

Non erraremos se concluímos a relación existente entre unhas medidas e outras, piares distintos dunha mesma estratexia global. O PSOE aprobou unha "reforma" laboral encamiñada fundamentalmente a eliminar dereitos laborais, facilitar o despedimento e reducir as indemnizacións aos traballadores/as despedidos, poñendo nas mans das empresas unha serie de armas legais que lles permiten mandarnos á rúa de maneira practicamente gratuíta. Unha mal chamada reforma apoiada polos sindicatos estatais, polo PP e pola patronal.

Despois veu a reforma das pensións, e agora xa son eles mesmos os que recoñecen que van baixar máis dun 9%, o que no noso País, coas pensións a día de hoxe máis baixas do Estado, vai representar unha verdadeira bomba na economía e no benestar dos nosos pensionistas e familias.

As cifras de persoas paradas segue medrando sen parar, cun Goberno do Estado inútil e coa Xunta mirando para outro lado. No canto de buscaren solucións, optan por manipular as estatísticas, por falsearen os números para intentar que perdamos a consciencia da gravidade da situación. Só a CIG, e os sindicatos nacionalistas de Euskadi e Cataluña denuncian o que está pasando, mentres que os estatais asumen, aplauden e incluso promoven medidas que van deixar moitas familias na máis absoluta miseria.

E o PP aproveita esta política de destrución masiva para ampliar a campaña e xa aposta abertamente por ligar os salarios co índice de paro. Que con tanto desemprego non se pode seguir "cobrando tanto". O único que non aclaran é que asalariado ou asalariada, segundo eles, cobra tanto. A empregada do supermercado do barrio, o traballador da construción, o empregado do bar no que tomamos un café, a empregada de fogar que limpa casas, ... A todas estas persoas aínda queren baixarlles máis os salarios, como si se puidese vivir con menos do salario mínimo. Porque todos e todas sabemos que quen lles dera ser "mileuristas" a boa parte dos traballadores e traballadoras galegos.

Toda unha campaña de destrución do público e das coberturas sociais e de apoloxía do dominio das políticas especulativas nas que tamén se insire a dilapidación de Novacaixagalicia, coa vergoñenta e submisa actitude dos representantes en Galiza dos partidos estatais, e do goberno galego, que van deixar que o noso país quede sen unha caixa propia, sen un control mínimo da administración pública galega. Nunha estratexia definida para malvender e poxar o apetecíbel "nicho de mercado" que representamos para a banca tradicional, esa á que lle demos cartos públicos para que sanee as contas privadas dos seus accionistas no canto de facilitar a concesión de créditos a particulares a autónomos.

A verdade é que non podo deixar de indignarme ante cousas así, porque tanto PSOE coma PP, coa conivencia e apoio manifesto dos sindicatos estatais, están deseñando e aplicando a maior restra de políticas antisociais e contrarias aos dereitos máis básicos que se poden lembrar.

O gran problema de hoxe para os cidadáns é o desemprego, ese que en Galiza medra cada día ante a aleivosa e premeditada pasividade da Xunta. É certo que crear emprego neste momento non é tarefa fácil, pero o que nunca pode facer un goberno é tirar a toalla a resignarse coa que temos enriba. A non ser que a estratexia sexa tan retorta que o que pretendan é que todo vaia a peor no Estado, -e demostrado teñen que para eles Galiza só é un recullo do Estado sen moito valor-, para alimentaren a caída definitiva do PSOE e de Zapatero. Pretenden converternos nas vítimas, nos efectos "colaterais" da súa batalla electoral. E iso si que non hai auga que o lave.

O goberno galego, en lugar de poñerse á fronte das reclamacións máis básicas para Galiza (Decreto do carbón, sector pesqueiro, lácteo e naval, Decreto bancarización,...) o que fai é agochar a cabeza e coa boca pequena dicir que non temos competencias e que por iso non se pode facer nada. Para defender neste momento os nosos intereses e os nosos cidadáns, fan falta competencias políticas e administrativas, é certo, pero sobre todo o que fai falta é competencia en que ten que dirixir os gobernos, sexa na Xunta, nas deputacións ou nos concellos. Fai falta competencia, ideas, proxectos e unha visión clara das necesidades reais dos cidadáns, que hoxe non pasan, cando menos en Lugo, por vendernos día si e día tamén as mesmas infraestruturas que levamos reclamando anos e anos.

Cada vez que o Ministro de Fomento vén de visita a Galiza, pretende alardear do que nin é agora nin foi nunca no pasado, un home orgulloso de ser galego e consciente das necesidades do noso país. E aínda así parece que todo o mundo pretende que o gabemos e que o poñamos de exemplo do que debe ser un "ministro galego". Desde logo non vou ser eu quen o faga, quen premie a súa figura e as súas actuacións políticas. Pepe Blanco non é máis que o máximo reflexo do colonizado que anulou o seu propio idioma das intervencións que fai en Galiza, sexan aos medios de comunicación ou directamente aos cidadáns. Alguén así non merece loanzas senón reprobacións. Compromisos de fume é o que sempre trae, adobados iso si coa parafernalia baleira de promesas coa terra que o viu nacer.

E nin Galiza nin os galegos precisamos sinais de fume. Necesitamos alternativas concretas que xeren emprego e saídas para nosa economía, que nos permitan manter e incrementar o grao de benestar social que fomos logrando coa loita e o traballo de moitos anos. Con xente que crea no noso e no noso futuro. E o 22 de maio é un bo momento para empezar coa rexeneración democrática que realmente se necesita.


[28-03-2011 16:04] Ei Praza do Campo comentou:

Aínda non te decataches de que o BNG en Lugo está na oposición? Le o seu programa electoral para ver o que propón facer se entra no goberno.

[28-03-2011 12:43] Desde Lugo comentou:

O BNG de Lugo xa levaba no seu programa de goberno das pasadas municipais a creación dunha empresa municipal pública de turismo e estando no goberno constituise EVISLUSA, que é a empresa municipal de vivenda e solo. Por certo que non chega con crear empresas públicas, despois hai que garantizar que funcionen acaidamente e que sexan activadoras da economía, cousa que non fai hoxe Evislusa, en mans do PSOE.

[28-03-2011 03:56] Praza do Campo comentou:

Gostaría saber se o BNG de Lugo ten propostas concretas para a creción de postos de traballo estables desde o propio Concello. Ou sempre se vai botar balóns fóra e adxudicar ese labor só ao goberno central e á Xunta?
Non me parecería serio este planteamento, partindo ademais de alguén que se declara de esquerda e comunista.
Señores e señoras "marxistas" de Lugo ofrecen empresas municipais de capital público ou mixtas que potencien a creación de emprego alí onde non hai iniciativa privada?
Pois saiban que xa comezamos a estar no tempo no que á "esquerda" se lle ten que pedir máis que xestionar en galego o pouco que queda do estado de benestar sen cuestionar cos feitos o sistema económico vixente. Nun tempo no que día a día se reduce o espazo público para privatizalo, teñen pensado para contrarrestalo tomar medidas económicas desde o Concello de Lugo para aumentar algo o peso do sector público creando empresas municipais?
Pois decátense de que se fan iso, serían verdadeiramente de esquerdas e darían aos lugueses o que reclaman, que xestionar simplemente as migallas que dá o sistema con actividades en galego ou para a terceira idade non palia moito os graves problemas sociais e ilusiona cada vez menos.
Non facer nada desde os concellos, cos presupostos municiapais, é inxustificábel nesta epoca. E non me refiro só a organizar cursos, eh?
Hai algo novo e verdadeiramente transformador no horizonte?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña