07:20 Martes, 20 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-03-2011

Resulta abafante e esmagador o discurso único, tendencioso e manipulador da mediática imperante

Resistir a onda de cretinización

Valorar (68)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



A mediática imperante cretiniza. Resulta abafante e esmagador o seu discurso único, tendencioso, manipulador, acorde cos ditados da gobernanza global. Tómanos por parvos e opta por aumentar a nosa parvicie sen consideración ou rubor. O resultado desexado é o cretinismo social. Descóbrennos de súpeto o seu sentimento humanitario perante os sufrimentos que infrinxe ao seu pobo o ditador, o sátrapa, o tirano, en escalada ascendente, até chegar a terrorista, falan de Gadafi, hai pouco, para eles, simplemente o coronel. Corolario: para salvar o pobo libio da tiranía, inxerencia nos asuntos internos -provocar unha guerra civil-, apoiando a un bando rebelde misteriosamente armado; como non abonda, ataque militar, violación da soberanía, guerra desde o ar e o mar, co pretexto de salvar vidas humanas da cruel represión interna; de non lograr o obxectivo central, o cambio de réxime, a invasión sobre o terreo, a ocupación militar terrestre, única forma de protección para garantir a liberdade do pobo libio, que, liberado do tirano, por fin!, entrará na felicidade desexada. As anxelicais potencias de Occidente, USA na chefía, Franza e Gran Bretaña, de acompañantes, forman a triade da que emana o lume libertador contra Satán... Contan coa sección de acólitos, aí está España. Que mareo na cabeza e que latexos no corazón!!

Vaiamos ao mundo das realidades. Son afectos á escenificación teatral e grandilocuente. Congregáronse en París para solemnizar a decisión. Alí chegou radiante a artífice principal, Hillary Clinton. O seu rostro, con espléndido sorriso e os seu brazos abertos dirixíndose a Sarkozy, para abranguelo, con entusiasmo de matrona, como a un Peter Pan de cartón, valen máis que mil palabras. Atacaron con rapidez. Axiña apareceron a desorganización, a descoordenación, os feitos consumados e a acción unilateral, evidenciándose o papel de comparsas da maioría dos colaboracionistas, todos eles otánicos, misteriosamente incapaces de actuar como OTAN, e algúns deles arrastrados por covardía a unha decisión que non comparten. O distanciamento previo da Alemaña coa súa abstención no Consello de Seguridade da ONU foi todo un síntoma. Non quixo avalar unha estratexia unilateral, deseñada sen a súa participación, exclusivamente ao servizo dos intereses xeoestratéxicos dos USA, inzada de perigos de toda índole para o futuro, estupidamente daniña para os negocios e inversións da maioría dos países europeos en Libia, a comezar por Italia. A aguda crise política que vive este país viuse afondada polo seu voto favorábel á agresión e o seu forzado colaboracionismo no ataque. A votación no Parlamento italiano para sancionar a participación italiana foi esperpéntica, facendo de salvadores o Partido Democrático na oposición, naturalmente cretinizados. A maioría gobernamental, se estaba mal, agora está peor. Gas, petróleo, contratos asinados e investimentos de capital libio en empresas italianas en crise... todo lle era favorábel a Italia na súa relación coa excolonia. Todo polo chan, brama Bossi, denunciando que franceses e ingleses queren quedarse co seu gas e o seu petróleo. Algo así, como un quítate ti para entrar eu. O desacougo italiano ameaza agora con prohibir o uso das súas bases, co pretexto de que a acción militar non está baixo o mando da OTAN. Estase a producir unha explosiva perversión moral, consoante cunha política de tafures matóns que, mesmo á hora de repartírense o botín, usan das malas artes entre eles. Os medios de cretinización recorren sen pudor á censura monda e lironda (permítaseme a españolada) mesmo para non dar debida conta desta crise interna. A referencia á crise interna italiana aparece, por exemplo, timidamente na información dixital de El País, agora xa absolutamente USA, conforme ao capital que manda, mais é debidamente anulada no xornal en papel. Existe politicamente a Unión Europea? Ula?

E a madre patria? Que papelón o de España!! Aquí exacerban a vea sentimental para convencer. Porén, a decisión acaba coa pouca credibilidade de Zapatero, ao que, supúñamos, lle quedaría algunha honestidade. O seu non á guerra de Iraque foi simplemente unha xogada electoralista. Significa a súa total ruína moral. É difícil promover e avalar máis políticas negativas en menos tempo. Aparece como un discípulo submiso dos tres mosqueteiros, no seu papel de mozo de cuadras, sen a menor autonomía política, ao servizo dos Estados Unidos e de Franza. Vendo o que vemos, empeñado con sublime misticismo en xustificar, como un mártir cínico, as súas torturadoras decisións contra outros polo ben de España, parece estar pensando, como os seus antecesores no cargo, en como gañar un retiro na banca, nunha grande empresa multinacional ou nalgún deses organismos internacionais inservíbeis, que arroupan e xustifican coas súas salmodias moralistas os atropelos imperiais. O debate e a votación no Congreso dos Deputados para autorizar, a touro pasado, a participación española, foi digna dun colexio de monxas, cun rabaño ben domesticado polos pastores, non da Igrexa católica, senón da cretinización. Avalouse entre máis dilixencia, señores, e coidado con pasarse, todo co arrecendendo desa falsa superioridade que dá pertencer ao clube dos que confunden verdade con forza. Só tres non seguiron os ditados, dous deles, deputados nacionalistas galegos, os que temos, Francisco Jorquera e Olalla Davila. A intervención de Francisco, en nome do BNG, foi contundente e clara, auténtica, un contraste fronte á cretinización, na súa obrigada brevidade. Nela vímonos reflectidos moitos galegos e galegas, e moitos homes e mulleres do Estado español que, como adoita suceder en máis dunha ocasión, non os representaron aqueles a quen votaron.

Os intereses a curto prazo posibelmente minguaron a sensación de covardía de Rusia e China ao abstérense na votación do Consello de Seguridade da ONU. Discrepan abertamente agora, máis tarde, cinicamente, como se non soubesen antes que a a resolución 1973 agochaba no seu eufemismo a lexitimidade dun ataque a Libia, o apoio a un bando rebelde contra outro, hoxe por hoxe, o goberno lexítimo de Libia, e a antesala mesmo dunha invasión terrestre para derrubar o réxime pola forza. Por inhumano? Non. Por obsoleto e inservíbel para o novo deseño de control das fontes de enerxía, de superación da crise capitalista e de xeostratexia que USA definiu, neste caso co protagonismo militar de Franza e Inglaterra. Espero non ter que convencer a ninguén de que nunca se actúa para salvar poboacións indefensas fronte a réximes opresivos nin represións brutais, se estes cumpren a función adecuada para os intereses dos Estados Unidos ou Occidente, en xeral. Arabia Saudita e Bahréin, estes mesmos días, serven de poderoso contraste sobre a hipocrisía dos discursos cretinizantes, por non falarmos da continua masacre que se perpetúa contra os palestinos, bombardeos incluídos, que pasan informativamente sen pena nin gloria, por estas mesmas datas.

Permítaseme alertar, especialmente a nacionalistas con dificultades para resistir a cretinización, que fronte a un imperio que quer ser ilimitado, absoluto, e por iso cheo de contradicións, malia ninguén se atreva a lle facer fronte, non cabe máis que estar coa soberanía plena dos pobos que son agredidos. Os agresores entoan, nada menos, salmos salvadores con bombas, sufrimento, agresións, dominio e deseños de democracia e liberdade vixiadas, fraudulentas, opresivas, de dependencia e subordinación plenas do exterior, para o futuro. Non consiste nisto o dereito dos pobos a autodeterminárense, nin unha democracia merecente de tal nome. Unha nova colonización non pode traer nada bo, por moito que se recobra dos sublimes valores occidentais, xa tan maltratados nos países de orixe como para pretender exportalos con violencia armada a outros. Pensemos por nós mesmos. A realidade e a experiencia vivida arroxan elementos dabondo para poder facelo, malia tanta onda cretinizadora. Permanezamos distantes e críticos co que se nos conta masiva e oficialmente. Comecemos por acreditar en que a guerra imperialista non ten nunca xustificación. A verdade é que repugna á razón, ao sentimento e á mínima humanidade, por máis que os poderosos e omnímodos medios de cretinización pretendan facela pasar por música celestial.


1 2 3 seguinte

[27-03-2011 13:40] Un cidadán comentou:

Moi interesante a información que proporciona esta entrevista
http://www.correntroig.org/spip.php?article2578&lang=ca


[26-03-2011 14:04] O pito dobre. comentou:

Non sei se por upegallo ou polo que sexa, pero o artigo paréceme unha boa foto da realidade.
Unha cousa é que Gadafi e familia sexan unha banda, que o serán dende hai corenta e dous anos, non é cousa nova(hai poucos días viamos como Obama, ZP e outros xefes de estado e presidentes de governos occidentais fotografábanse ao seu carón con mostras de cariño), e outra, pensar que o fin da intervención militar sexa liberar ao povo libio.
So pretenden liberar intereses enerxéticos, precisamente a costa do povo.
Quen son os rebeldes non o sei, pero ao ver a foto de onte na Voz( páxina 26), fixeime no individuo armado que aparece no centro da imaxe, coa cara tapada por un pasamontañas e unhas gafas de sol(os demais tras del van desarmados, de paisano e coa cara descuberta), fixádevos na gorra e a chaqueta, son novas e da mesma textura e cor que as usadas polos militares occidentais, á súa dereita hai outra persoa deitada, tamén con chaqueta militar e o pantalón de camuflaxe do uniforme USA, seguindo a imaxe cara á dereita vese unha perna dun terceiro sobre a que destaca o canón dunha arma, fixádevos que noviña esta a bota militar que calza(aínda brila), igual que a do primeiro individuo. A min,contrariamente ao que di o pé de foto, será por defecto profesional, non me parecen simples cidadáns libios armados, "combatentes rebeldes", máis ben parecenme militares occidentais infiltrados para dirixir(axitar) aos insurxentes, dai a necesidade de tapar tanto a cara, os uniformes sen distintivos pero novos, as botas con brillo militar, etc.
Se verdaderamente houbera unha intención, por parte de occidente, de España, de axudar ao povo a se liberar, tiveran empezado polo Sahara, ou xa esquecemos cal foi o posicionamento de occidente ante a represión do xenocida marroquí, e no caso Libio non tiveran deixado que Gadafi poidera reaxir ante o avanzo dos rebeldes, mais non foi así.
Sadam, Ben Laden(se é que existe), Mubarak, MohamedVI, etc, etc, todos colodos pola CIA ao servizo dos USA, mentres interesaron , poideron asasinar a quen lles deu a gana, que non pasaba nada, daquela non doia a liberdade dos povos. Pero se até a revolución en Irán foi encetada pola CIA(logo saliulles o tiro pola culata).
Cal é a coerencia dos intervencionistas, guerras imperialistas si loitas de liberación e revolucionarias non?
Por certo, se o BNG vaixa non será pola perda do apoio de "intervencionista", en calquera caso non é unha grande perda, cualitativamente falando.

[26-03-2011 12:49] LPC comentou:

Corren tempos nos que outravolta e coma sempre a lucided da razon bate contra a cada vez mais "unanimidade" do discurso do centro do poder. Pero se tiramos a cabeza un chisco para arriba e vemos no horizonte otra cousa que non sexa o noso embigo, veremos povos asoballados, imperios reinventandonse, xogos de xeoestratexia imperialista...e moita xente no mundo morrendo por enfermidades, fame, opresión...O de sempre.
E loita social, tamén, reisitencia, movilizacións baixo múltiples formas e contidos,
É a historia que revive da tumba onde a queren enterrar!.
Revelémonos!!, si. Outravolta e coma sempre. A Historia segue sendo a historia da loita dos oprimidos contra os opresores, e cada quen escolle bando, algúns ainda nn se decataron, pero a Historia sempre é implacable cos tontos úteis

[25-03-2011 17:29] Antonio das Mortes comentou:

O que lle pasa a "intervencionista", entre outras cousas, é que fixo a "jodalla" o día que ensinaron a propiedade transitiva na súa escola...
Por outra banda, semella estar invadido por algunha caste de resquemor; será cousa de bombardealo e liberalo, digo eu...

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña