10:48 Domingo, 26 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2011

Se “queremos galego” tamén nos nosos computadores, témolo a un clic a nosa disposición

O idioma galego e a informática

Valorar (24)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Mentres a Xunta paga por unha tradución parcial e trapalleira do Windows á transnacional dominante, centos de voluntarias e voluntarias traducen ao galego centos de aplicacións para normalizar o uso do galego na informática

A ninguén se lle escapa que o idioma galego non está a pasar os seus mellores momentos: cada vez hai menos falantes, e, por se fora pouco, decisións políticas da Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, están atacándoo furibundamente, cando é unha obriga legal protexelo e normalizar o seu uso en todos os ámbitos da vida das galegas e galegos.

Un deses ámbitos onde a escasa presenza do galego é preocupante, é no ámbito da informática, dos programas informáticos que usamos a diario nas nosas casas ou no noso traballo. As sucesivas versións dos programas informáticos, sobre todo do sistema operativo, que é o que lle dá vida ao ordenador, sen o cal sería un trasto inútil, sucédense cada poucos meses por cuestións de mercado, é dicir, de facturación das grandes transnacionais do software, fai moi difícil que se sucedan coa mesma rapidez as traducións ao galego deses sistemas operativos.

A ninguén se lle escapa que a transnacional Microsoft ten unha posición dominante no mundo dos computadores persoais. A primeira vez que se traduciu ao galego unha versión do sistema operativo desta transnacional foi para o Windows XP, unha tradución trapalleira, xa que non estaba traducido na súa totalidade, e tiña certos problemas de compatibilidade con outros programas que se podía instalar no computador. Esta tradución pagouse con cartos públicos, cando debía ser unha obriga legal da empresa fornecer en galego esta ferramenta informática. Con todo, a tradución non viña de serie, había (hai) que facela aparte, descargándose un arquivo desde a páxina web da citada transnacional, o que, obviamente, é un problema engadido para aquelas persoas menos habilidosas no mundo da informática.

Despois de Windows XP veu o Windows Vista para o que non había tradución ao galego, nin de serie nin de nada; e co último lanzamento da transnacional americana do software, Windows 7, o goberno da Xunta do Partido Popular, volveu a repetir a mesma operación do Windows XP, isto é, pagarlle a Microsoft para que traduza parte do sistema operativo, que quedará obsoleta co próximo lanzamento da nova versión do Windows 8, prevista inicialmente para este ano.

En resumidas contas, o PP volve a tropezar na mesma pedra, volve a dilapidar cartos públicos engordando a conta de resultados dunha transnacional, nun aplicativo que traducirá ao galego parcialmente o seu último sistema operativo, deixando en castelán partes importantes da aplicación, nunha sorte de bilingüismo harmónico no mundo da informática; en definitiva, unha chapuza.

Mais se queremos que o noso computador estea en galego, mesmo aqueles aplicativos que usamos habitualmente como programas ofimáticos, navegadores de internet, programas de retoque fotográfico, etc, non temos que pagar por el, nin do noso peto nin cartos públicos, que ben se poderían adicar a outras cuestións, agora que está tan de moda iso da autoridade. Por certo, pregúntome eu se o Estado Español paga a Microsoft pola tradución ao castelán dos seus produtos? Non, verdade.

Desde hai máis de 10 anos a comunidade de usuarias e usuarios Trasno.net, localiza ao galego -para entendernos, traduce-, entornos de escritorio e outro tipo de aplicativos con licenza GNU, é dicir, software libre, que se pode distribuír e modificar libremente, e, como se pode comprobar até traducir, cousa que cos programas da transnacional dominante é imposíbel.

O entorno de escritorio como GNOME ou KDE, que nada teñen que envexar ao Vista ou Windows 7, aplicativos ofimáticos como OpenOffice, ou distribución linux como Ubuntu, Debian ou Fedora non estarían en galego sen o traballo incansábel desta comunidade de usuarias e usuarios, que, sen apoio público de ningún tipo, poñen a disposición de todas e todos nós, unha inmensa listaxe de programas informáticos traducidos impecabelmente ao noso idioma.

Mais tamén hai que destacar o traballo feito pola comunidade de usuarias e usuarios g11n.net, que tamén traducen de aplicativos como o coñecido navegador Firefox ou o cliente de correo Thunderbird, ferramentas imprescindíbeis hoxe en día en calquera computador que se precie.

En resumo, da Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular non agardo que mova un dedo a prol do noso idioma, máis ben o contrario, como xa ten demostrado sobradamente. Daquela se "queremos galego" nos nosos computadores xa o temos á nosa disposición, non hai que pagarlle a ningunha transnacional. Non só o temos a nosa disposición na rede, senón que, se temos os coñecementos axeitados podemos colaborar na tradución dos aplicativos informáticos que usamos habitualmente.


1 2 3 seguinte

[24-03-2011 00:35] eu comentou:

Xa sei que microsoft non deixa traducir os seus produtos, pero se os deixase (hai outros moitos programas privativos que si que se poden traducir) trasno non colaboraría na tradución por unha cuestión de principios opensourcistas. E que conste que eu uso linux.

[23-03-2011 20:06] Xosé Manuel Baños García comentou:

Eu, non é tan sinxelo nin cuestión de dogmas. Microsoft non che deixa traducir o seu software, e o mesmo pasa con Adobe. Ambas empresas producen software privativo, pechado a cal e canto; En cambio o software libre non só se permite a libre tradución, senón a modificación do programa. Aí está a vantaxe do software libre fronte ao privativo para idiomas minorizados como o galego.

[23-03-2011 18:47] Xosé Manuel Baños García comentou:

Abraiante, sí se fala do proxecto Trasno no artigo.

A respecto da tradución do Windows Vista, efectivamente, haina, teño que recoñelo, debín comprobalo antes. De todos os xeitos, chegou tarde, mal e arrasto, como todas as traducións que fai Microsoft, que chegan cando xa hai outras versións a poucos meses vista.

Tamén esquecín mencionar a Apple, que tampouco ten tradución ao galego.

Saúdos.

[23-03-2011 18:26] eu comentou:

Pois non estou dacordo, na tradución do Facebook colaboraron centos de voluntarios. Trasno a quen eu apoio non deixa de ser un grupo que traduce programas que chegan xeralmente ao 1% dos posibles usuarios. O software debe solucionar problemas á xente e se é libre mellor pero non debería ser un dogma. Xa me gustaría que estivesen ben traducidos ao galego o W7, o photoshop e moitos outros a quen Trasno non lle presta ningunha antención porque non son software libre. Abramos a mente.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña