02:12 Xoves, 03 de Decembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-03-2011

Que os movementos insurxentes non verifiquen transformacións de calado é a orientación da inxerencia occidental

Atacan loitas populares, non ditadores

Valorar (40)

MARTIÑO SANTOS CANOSA



Empecemos por constatar que os que estamos destoutra "parte" do mundo, após semanas de rebelións e conflitos, carecemos de información directa sobre as características e obxectivos dos levantamentos populares que se veñen producindo nos países do norte de África e Medio Oriente. Constatemos primeiro que vivimos nun mundo de sobreinformación coidadosamente manipulada. Constatemos que unha mediática -de escasas axencias monopolísticas de información internacional- intervida e ao servizo do imperio está a ocultarnos as verdadeiras voces dos pobos en loita.

Estamos, iso si, a falar de estados, monarquías e dirixentes "aliados", con beizón "occidental", perfectamente inseridos na orde económica internacional, no mercado capitalista transnacionalizado, en condicións competitivas mais con disposición a servir todo tipo de intereses xeoestratéxicos estranxeiros que debilitan a súa soberanía. Onde a clásica definición marxista da teoría do estado adquire dimensións exacerbadas; o estado como superestrutura ao servizo exclusivo dunha elite privilexiada e denigrada, fose cal fose a súa procedencia e evolución histórica (a dun Gadafi ensalzado como teórico por Anthony Giddens -cerebro da terceira vía de Tony Blair-, ou a de membros da Internacional Socialista como Mubarack e Ben Alí). A maioría da poboación é vítima e non beneficiaria da explotación de ricos e cobizados recursos naturais, sometida a deterioradas condicións de vida e a réximes políticos e poderes relixiosos -tamén- que subxugan dereitos e liberdades elementais. Hai condicións, xa que logo, para o estoupido de rebelións sociais obxectivamente fundamentadas nas limitacións das condicións materiais de existencia do pobo, loxicamente con realidades diferenciadas entre eles.

A loita pola liberdade, a democracia, a xustiza social e a soberanía dos pobos no Magreb e na Península Arábica non nos debe ser furtada, nin filtrada polo prisma dos obxectivos dos EUA e das potencias "occidentais" axeonlladas á incisiva estratexia exterior da Casa Branca. A loita pola liberdade, a democracia, a xustiza social e a soberanía deses pobos debe espertar a nosa solidariedade e adhesión, na coherencia histórica do apoio á loita palestina e saharaui que tanto "demócrata" no mundo ten pisoteado ao longo de décadas.

Nos últimos días esquécense as revoltas populares aínda vivas en moitos dos países destas zonas, e céntranse todos os esforzos nunha operación militar e propagandística sobre Libia de regusto aínda fresco na nosa memoria.

A río revolto...
 
Os levantamentos populares provocan inestabilidade. Controlala unha vez creada pola acción autónoma de movementos populares nuns casos, e instigala para ao fin tamén controlala noutros, é o que está a romper a cabeza á administración estadounidense e o que a levou a despregar a ofensiva diplomática que rematou con 10 votos a favor e 5 abstencións (Brasil, India, Rusia, China e Alemaña) na resolución sobre Libia do pasado xoves no Consello de Seguridade da ONU.

Onde pode controlar a evolución do réxime político desde dentro, contribúe a desinflar as revoltas e cega, enxordece e enmudece a súa represión. Onde non pode controlar o réxime, intervén militarmente. Algún día aprenderemos após ducias de intervencións militares de Estados Unidos. Algún día non deberían conseguir resetear na nosa mente as leccións da historia pasada e vivida. Nin razóns humanitarias, nin democracia, nin liberdade: bombardean exclusivamente por intereses económicos.

Non se vai tolerar, e velaí o obxectivo primordial, que zonas de destacada importancia xeoestratéxica con inxentes recursos naturais queden en mans dunha revolución popular que hipoteticamente poda pór en cuestión o papel deses países na orde internacional imperante. Mellor favorecer cambios, polas boas ou polas malas, que manteñan ou melloren o statu quo imperial no territorio. Que os movementos insurxentes non verifiquen transformacións de calado é a orientación da inxerencia "occidental", incluída a intervención militar sobre Libia. Que non se lles vaia das mans a zona e, de paso, metastasear a revolución social a algún réxime incómodo aos seus intereses directos. As manobras dos EUA e da UE constitúen unha ameaza contra a loita e o levantamento dos pobos. Só eles deben merecer o noso apoio.

Das teorías da conspiración a Wikileaks

25 anos despois desclasificáronse os papeis relativos ao golpe chileno contra Salvador Allende e demostrouse a implicación política e empresarial estadounidense. Pasaran 25 anos e foi desapercibido.

Xa non hai que agardar 25 anos. As recentes revelacións de Wikileaks deitaron luz e taquígrafos sobre os métodos de inxerencia e extorsión empregados pola 'diplomacia' ianqui en distintas partes do mundo nos últimos meses e anos. As empresas de comunicación que recibiron eses datos (como El País no Estado español) ocultaron a mantenta parte desa información.

Recentemente foi descuberto o encargo polas Forzas Aéreas de Estados Unidos de América a varias empresas tecnolóxicas dun software denominado Metal Gear que permite a manipulación masiva das redes sociais de internet.

As prácticas que Hollywood normaliza e periodicamente explica como excesos individuais ou xustifica en virtude de salvagardar causas superiores, xa non son teorías conspirativas de lunáticos antiamericanos. Mais ben hai que aseverar que non dar creto á baixa catadura moral da política exterior da primeira potencia económica e militar mundial, é cousa de persoas rematadamente parvas ou colaboracionistas a mantenta.

Do Amencer en Bahrein á Odisea libia

A Secretaria de Estado Hillary Clinton defendía o sábado en París á monarquía de Bahrein ao tempo que xustificaba a intervención militar en Libia. Son cara e cruz para evidenciar a hipocresia e as verdadeiras intencións da estratexia estadounidense.

Bahrein leva semanas protagonizando mobilizacións populares reprimidas pola monarquía que queren derrocar. O país no que está radicada a Quinta Flota da Armada dos EUA promulgou marcialmente o "estado de seguridade nacional" e requeriu a entrada de tropas estranxeiras, 1.000 soldados da veciña ditadura de Arabia Saudí, para reprimir duramente as revoltas.

Confesarei que días atrás, este desinformado observador ficou coa mosca detrás da orella vendo a Obama negando a participación dos EUA "nin doutra potencia" na rebelión interna de Libia. Hillary Clinton á súa beira asentía ostentosamente con verticalidade marcial. Negueime a simplificar aplicando instintivamente o excusatio non petita, acusatio manifesta. As imaxes sobre a revolta que enchían portadas respondían a idéntico esquema: home adulto -ou non tanto- de aparencia autóctona portando fusil de asalto e posando diante de armamento pesado diverso segundo a toma (tanque, lanzamisis, ...). Sendo contraditoria esta imaxe co discurso pobo humilde contra ditador sanguinario, comprendín que a mensaxe era para o réxime libio decatarse dun levantamento serio e ben armado, para o réxime libio valorar o seu abandono negociado do poder diante da que se aveciñaba.

Revelacións da corresponsalía de The Independent en Oriente Medio implicaban hai dúas semanas ao Goberno de Obama no transporte secreto de armas estadounidenses para os rebeldes libios en Bengasi a través de Arabia Saudí. Outras informacións desvelaban a división provocada na disidencia libia pola inxerencia externa. Distintos movementos e líderes opositores denunciaban a presenza de mercenarios e militares norteamericanos en territorio libio. En particular apuntábase cara a soldados a soldo das empresas Halliburton e Blackwater misionados para o control dos pozos petrolíferos na rexión de Bengasi.

Este tipo de accións xunto co levantamento armado de sectores militares e a distribución indiscriminada de armamento, provocou unha situación de guerra civil en Libia que, diante do risco de perdela pola categórica resposta militar do réxime de Gadafi, deixou de ser civil por medio dunha nova instrumentalización e desfiguración da ONU. No camiño ficou a aceptación de Libia á formación dunha Comisión Internacional de Paz proposta por Venezuela, e o ofrecemento para que a Comisión de Dereitos Humanos da ONU inspeccionase in situ o cumprimento das condicións da resolución do Consello de Seguridade, que Libia manifestou aceptar como país soberano membro das Nacións Unidas que é. Con cinismo por medio ou sen el, o mesmo imperio amigo de Gadafi con cuantiosos negocios en Libia negouse de plano a explorar outras vías.

A intervención en Libia responde a idéntica esencia e obxectivos que as de Afganistán e Irak. A diferenza da administración Obama coa de Bush e anteriores, é o esforzo por escenificar artificiosamente a lexitimidade e respaldo das inxerencias e intervencións militares. Obama é un imperialista 2.0, unha versión máis sofisticada que a anterior. Pretendeu, e non conseguiu, que a oposición libia solicitase a intervención. Pretendeu escenificar unha intervención por "petición popular" dunha poboación cruelmente masacrada. É como nolo presenta a mediática internacional, mais non se produciu tal reclamación. Ningún movemento popular con aspiracións sociopolíticas democráticas pode someter ao seu pobo a un bombardeo exterior pisoteando a súa soberanía e a súa vida. Menos se ese movemento contén faccións ideolóxicas de carácter nacionalista reacias a unha inxerencia exterior. Con que ollos un movemento islámico vai ver a intervención militar de "occidente" no seu país?

As características destes movementos opositores en Libia e noutros países é un dos secretos mellor gardados polos medios de comunicación. É intuíbel que na composición das masas que saen ás rúas existan unha diversidade de motivacións nas que conflúan a defensa de dereitos sociolaborais e liberdades democráticas, mais tamén aparecen expresións críticas co papel deses réximes no escenario internacional que non responden exactamente ao que o sistema homologa como "ansias de occidentalización".

Finalmente a extorsión diplomática conseguiu a cobertura internacional da operación militar en tempos de crise e de calificacións de débeda, que fan gardar a decencia na gabeta e bombardean o multilateralismo imprescindíbel para unhas relacións internacionais máis equilibradas e xustas. Este apoio limítase ao Consello de Seguridade da ONU, furtouse o debate a moitos máis países e a Unión Africana oponse abertamente ao ataque. Apoiar o deseño imperialista non é sequera un xeito posíbel de apoiar ás poboacións que protagonizan e sofren a súa propia loita. O primeiro que afoga a propaganda mediática e a intervención militar son as voces populares da rebelión. Estar nestes momentos do lado do pobo e opoñerse aos excesos e manobras do imperio non é unha contradición, é o único camiño para construír un mundo máis xusto.


[21-03-2011 21:24] miguel abelaira comentou:

Creo que ben a conta co que está a suceder: A petición do senador Pérez Bouza de unha fábrica de avíóns non tripulados da OTAN para a Limia, é un esperpento que bota por terra anos de oposición aos intereses militaristas da OTAN por parte do nacionalismo-popular. Este senador para min que debería dimitir e irse para un partido mais ao seu xeito, onde poda defender coherentemente a súa ideoloxía, pero está claro que distorsiona e desmoraliza.

[21-03-2011 08:07] Eu comentou:

U-las zonas de exclusión aérea sobre Palestina ou Afganistán, onde os reximes sionista e estadounidense asasinan civís cada semana? Por que non nos amosaron nin unha soa imaxe das supostas atrocidades do goberno libio (ao que non defendo) contra a poboación civil? Non é moita casualidade que as zonas controladas polos rebeldes sexan onde está o petróleo? Se alguén cre que a OTAN se move por motivos altruístas, está pecando de inxenuo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña