00:53 Xoves, 27 de Xuño de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-03-2011

«El norte es una quimera» é canción popular venezolana de comezos do século XX

El Salvador, exportador de homes, importador de pobreza

Valorar (11)

XURXO MARTIZ CRESPO



«El norte es una quimera» é canción popular venezolana de comezos do século XX. Podería ser cantada e composta en pleno século XXI. Con 7 millóns de habitantes e unha área 2/3 a de Galiza (21.041 km2), El Salvador ten máis de 3 millóns de emigrantes. A moeda oficial é o dólar estadounidense, que substituíu o colón en 2001.

Tradicionalmente, a emigración salvadoreña marchou aos Estados Unidos de América (EUA). A prolongada guerra civil (1980-1992) entre a Fronte Farabundo Martí para la Liberación Nacional (FMLN) e o goberno da dereita saldouse con máis do 10% dos salvadoreños no estranxeiro.

Os acordos trouxeron paz pero non xustiza social. Así, o pobo salvadoreño sofre as políticas neoliberais que agudizaron a inseguridade, o desemprego, as maquilas e o traballo sen dereitos, a violencia social, a pobreza e o imperio do crime organizado. Destruíron todo o tecido produtivo, abandonaron os investimentos no campo, e o Estado despediu 45.000 traballadores. As maquilas financiadas polos chamados «capitais anduriña» empregou mulleres mal pagadas e explotadas.

Estas razóns acrecentaron a emigración ilegal desde 1992 en diante aos Estados Unidos a través de Centroamérica e México e incrementaron as bandas dedicadas ao tráfico humano e ao asasinato en masa de indocumentados enganados por esas mafias.

Segundo dados do MRE de El Salvador residían no exterior preto de 3 millóns de persoas. Desde o remate da guerra civil (1992) até este censo medrou a poboación nun 23%, é dicir, a "paz" trouxo máis emigración que a guerra civil e a ditadura militar.

Entre 2007 e 2009 a cantidade de salvadoreños que emigraban, principalmente mulleres e nenos, era de entre 500 e 700 persoas, todos de xeito ilegal.

O goberno salvadoreño viu nesta emigración un negocio rendíbel. Por un lado, recibe miles de millóns de dólares en remesas dos seus emigrantes para as súas familias. Dolariza aínda máis a economía e agocha o inmenso lavado de narcodólares que existe en El Salvador e, por último, fomenta o consumo interno de produtos e bens de consumo importados dos Estados Unidos ao abeiro do Tratado de Libre Comercio (TLC). Até un 90% das remesas derivan nese consumo e  aseguran a volta deses dólares ao lugar do cal saíron.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña