02:47 Martes, 20 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-03-2011

O oso de Salcedo ten sona internacional

A tradición non traizoa: a poutada do oso de Salcedo

Valorar (15)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Deseño de Felipe Senén que ilustra a portada do libro de Lois Diéguez


No  pasado, no medievo e até ben entrado o século XX, non había feira, romaría ou titiriteiro deste extremo occidente que non se acompañase do reclamo dun oso. Besta amansada polos berros, os golpes de pandeiro ou a aguillada do seu adestrador. O oso está nos contos, na heráldica, emblemas de casas e vilas fidalgas e até se fai peluche ridículo no que desafogar bagoas ou ledicias infantís. Noutrora había camadas de osos nos montes de Galiza, nos Ancares, o Courel, a Martiñá... e algunha vez algún oso, curmán habitante dos veciños  bosques asturianos, adéntrase na espesura dos galaicos. Sábeno ben, polos rastros, os poucos paisanos que quedan na soidade das serras ou quizais os cazadores.  O oso ten un comportamento que non pasa desapercibido: esperta co tempo soleado da primavera, cando tamén florecen sobre os socalcos do abandono as efémeras mimosas e nos pazos as camelias, cando as bandadas de paxariños retornan...é o tempo do Entroido, o que revira o dereito pro revés.Cando estoupan os instintos e a máscara, a forza da tradición e da natureza brava, invade as rúas corruptas da civilización para impoñer o seu desorde entre as rutinas e os vizos prendidos. Motivo pra recomezar  novas andainas. É entón cando o oso esperta do seu letargo invernal, sae da negrura infernal das cavernas, das profundidades da terra, estarrícase, bate coas gadoupas no peito, bufa e peidea. Señor e dono do mundo. Así o arremeda a máscara nalgúns entroidos montesíos: carauta de coiro, corpo revestido coa pel  de cordeiro e  sobre os cadrís as potentes chocas avisadoras de que  acomete a forza animal do instinto.

O oso de Salcedo ten sona internacional. Rei da aldea na tardiña de cada luns de Entroido, cando axudado polos seus criados arma das súas entre os miróns. Inviste, derruba e  monta pra  pousar  sobre o corpo das súas vítimas as gadoupas embardeladas no peluche feito de auga, cinza e outras secretas mesturas escatolóxicas. O oso lémbranos que somos parte da Terra.

Neste mundo de supermercados, que se viste de uniformes, Galiza ofrece outras particularidades, en irmandade con moitos ritos da vella Europa. Ao fin e o cabo aínda algo conservamos do herdo común de megalíticos, celtas, romanos... somos pobo de portos abertos ó océano, atravesado polo transitar dun vieiro de oriente ó occidente. Foron os camiños, o fluír, o ir e vir de xente os que conformaron noso ser.

A aldea de Salcedo, nas terras do concello de Pobra do Brollón, abre á serra do Courel e mira, entre soutos e bosque ó río Lor e ó Loureiro, para gardar moito da súa prehistoria e tradición. Vestixios hainos, como aquela pedra de xisto labrada cunha escena de caza e unha roda solar, arqueoloxicamente datada en anos castrexos, e que o crego Elías Valiña levou pro Cebreiro... as labras antigas da casa da Salanova... Salcedo, dentro desa rica cultura tanxible e intanxible, celebra o seu Entroido, con máis forza e concorrencia que  no pasado. Nos anos sesenta moitos veciños tiveron que deixar tras si, ós avós, ós pais, ós pequenos, á casa, ás leiras e ás tradicións, pra irse camiño de Francia, Suíza, Alemaña... alí, de vagar, construíron outro mundo, enxergaron e participaron no orgullo doutras festas nas que tamén se celebra o principio e o fin de cada estación, onde se comparte e se agasalla ós seus produtos e saberes ancestrais, o pan, o queixo, a cervexa, o lacón... Cavilamos ¿...que non farían si tiveran as nosas cousas? Pasaron os anos e moitos daqueles emigrantes dos anos sesenta puideron retornar xubilados. Quizais trouxeron ós fillos, pero moito da súa plenitude quedou por alá... outros perdéronse nas encrucilladas. Se non fixeron casas novas, de pedra, cun homenaxe á lareira para manter a quente e á luz tantas tradicións vividas, reconstruíron e rehabilitaron a vella casa patrucial, a carón da parra que homenaxea a porta principal, a figueira, o loureiro ou a cerdeira.

Salcedo ofrécenos esa radiografía e querendo ser etnoarqueólogos atopamos nela pervivencias romanas que merecerían documentarse, protexelas, dignificalas e divulgalas como recurso. Sentimos que se perdan estas lembranzas arquitectónicas e que quizais queden unicamente recollidas pola sensibilidade dun fotógrafo de paso ou dun veciño amigo das curiosidades de antes: colar de vellas casas, amparadas por potentes columnas circulares que sosteñen un amplo pendello pra acoller no tempo desmadrado ó carro que se fai tractor hoxe e ás labores do agro. Solainas de madeira pra dourar restras de espigas de millo. Casas feitas con saberes de vellos canteiros e carpinteiros. Sobre o alto da aldea, dominándoa, campa a igrexa parroquial, con espadana que no centro ten labrada a imaxe do santo patrón e tamén a farola e o cableado  eléctrico que alguén se empeñou en poñer no lugar máis arrogante e a golpe de cantazo, para presumir ostentosamente dunha modernidade irrespectuosa.

Salcedo é unha de tantas aldeíñas galegas que ben dirixidas urbanisticamente e tratadas con sensibilidade dende as administracións -as que  deberan saber o que é a inversión en patrimonio como recurso turístico e cultural-  podería competir en beleza, en tradición con calquera enclave turístico centroeuropeo. Polo de agora Salcedo reflicte o estado desbaraxustado de Galiza. Moitos veciños curtidos na emigración asumen a cuestión, tomaron iniciativas propias, fixeron chamadas, recibiron atencións e desatención, e aínda así naceu a casa de turismo rural  a "Salanova", "O Forno", un quinteiro arredor dun patio para ofrecer ó visitante tradicións. Tamén os veciños teiman en que Salcedo teña un centro museístico no que explicar a súa prehistoria e historia, as tradicións de Entroido, que si o oso, o teatro...e tamén a súa vella e nova economía: as fragas de madeira, os soutos, cos sequeiros pra afumar as castañas pilongas, as alvarizas e o mel...

Salcedo e as súas tradicións non pasan desapercibidas a quen teña afinados os sentidos, esa exquisitez case perdida  chámase sensibilidade. O escritor lemavo, asentado agora ante o faro de Hércules da Coruña, Lois Diéguez, viaxeiro sempre acompañado co sistema métrico galego, cando petan as nostalxias retorna ás raiceiras dos seus antepasados, a súa Ithaca, un paraíso perdido e recuperado, a estas terras do Brollón e de Lemos. E velaí que a Editorial Laiovento saca nesta primavera un novo libro de Lois Dieguez, "A poutada do Oso", novela que abre e pecha co entroido de Salcedo e arredor do oso. Son aspectos da vida de Ivan Marrube, quen deixou tras si a aldea, para na odisea da vida deixarse levar polo canto de sereas, meigas e xigantes de papel couche. Un publicista de sona internacional, teimudo, amigo do exótico, dándolle reviravoltas a un "spot" turístico ideado pola ilustración paiola dun Alcalde, tan aplaudido como cursi "La Coruña es cielo"... E pechando e abrindo ese ciclo, cada esperanzada primavera, sentimos a poutada do oso  que  peta, rabuña sobre o peito ou as costas, como unha chamada a cravar as raiceiras, a meterse nas esencias da terra, principio e fin do que somos e o que nos identifica no universo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña