02:55 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-03-2011

En Galiza, o laicismo escolar foi potenciado polos emigrantes galegos en Sudamérica promovendo escolas con esa orientación

O Estado laico como garante de liberdade relixiosa

Valorar (21)

XOÁN COSTA



A Consellaría de Educación acaba anular a decisión de expulsar durante uns día unha nena dun colexio de Arteixo por "defecto de forma" do expediente sancionador. Sorprende tanta hipocrisía nunha administración que homologa como horas de formación para o profesorado o tempo de asistencia a unha misa! !

Mais non é o meu propósito comentar o caso de Arteixo, que xa foi obxecto de análise nestas mesmas páxinas con argumentos que comparto, dado que o problema subxacente non é o uso dun ou doutro símbolo relixioso no ámbito escolar (esta é só a parte visíbel do asunto): o problema é a presenza permanente da relixión no sistema educativo.

Na miña opinión, se non queremos que o debate se centre  no simbólico en vez de no real, casos como o de Arteixo deberían servir para retomarmos o tema da separación efectiva dos poderes civil e relixioso, especialmente no sistema educativo. Se aspiramos a un sistema educativo, ou o que é o mesmo, a unha sociedade, respectuosa cos dereitos individuais, (sen esquecermos  a importancia do elemento relixioso na conformación da nosa identidade social), temos que considerar que o ensino confesional da relixión non pode ter cabida no sistema escolar, sen que isto supoña ningunha privación do dereito a practicar a relixión que cada quen desexar.

Entender os clásicos

Son ben consciente, como seguramente o somos todos e todas,  de que a nosa xenealoxía cultural se fundamenta, mais non en exclusiva,  no papel que a relixión e a súa simboloxía desempeñou ao longo do tempo e a forte presenza que segue tendo na actualidade, até o punto de mesmo seren as festas relixiosas as que configuran o calendario laboral, o escolar e o noso tempo de lecer.

Doutra parte, son moitos os argumentos que se poden dar en contra da inclusión de aulas  de relixión confesional no sistema educativo sen  por iso sermos uns ignorantes á hora de entender o protagonismo da materia relixiosa na nosa cultura, mais parece oportuno reclamarmos, unha vez máis, un sistema educativo laico onde o fenómeno relixioso teña cabida curricular  na área que se determine.

Sabemos que non se pode entender a Castelao, ou a Tiziano,  á marxe dun certo grao de coñecemento de cultura relixiosa. Iso é certo, mais non é necesario que ese coñecemento sexa confesional. Senón, pola mesma lóxica, para entendermos a cultura exipcia deberíamos profesar a fe de Osiris;  para entendermos os Xogos Olímpicos facer votos aos deuses gregos.

Desde a miña experiencia podo asegurar que non comprenden mellor a Demanda do Santo Graal, ou as Cantigas de Santa María, ou Na Noite Estrelecida ou calquera outra obra en que o fondo cultural relixioso estea presente, o alumnado  que ten aulas  de relixión que aquel que non as ten.

O laicismo

Hai algo máis de 100 anos que se promulgou (1905) a  lei francesa de separación dos poderes civil e relixioso que, na práctica, consagrou a Francia como un estado laico. Nesa Lei, a  República asegura a liberdade de conciencia dos cidadáns, garante o libre exercicio de cultos mais non recoñece, nin remunera nin subvenciona ningún.

Obviamente, esa lei non fixo máis que recoller un estado de opinión e unhas correntes de pensamento que se foron desenvolvendo ao longo do século XIX e que levaron a un incremento da aconfesionalidade oficial e consecuentemente a unha incipiente separación entre Igrexa e Estado.

O concepto de laicismo expresado na lei de 1905 e anteriores tradúcese no principio de liberdade de relixión, que permite a cada cidadán escoller o seu propio credo espiritual ou relixioso, na igualdade de directos para todas as opcións, e prohibe  toda discriminación ou marxinación, establecendo a neutralidade do poder político que recoñece os seus límites e se abstén de toda inxerencia no ámbito espiritual ou relixioso.

A Igrexa non permaneceu  indiferente diante daquela situación e a reacción que se produciu na cúpula relixiosa francesa foi enorme provocando mesmo a intervención do Vaticano con dúas encíclicas do Papa Pío X.  A pesar de todo, a lei entrou en vigor e desde entón Francia vive un estado de pax relixiosa  que permitiu que recentemente se puidese solucionar de maneira case satisfactoria para todos os recentes conflitos sobre o uso do hijab e outros símbolos relixiosos nas escolas.

As ideas laicistas expresadas por pensadores franceses durante o derradeiro terzo do século XIX, tiveron, obviamente, repercusións fora de Francia, se ben non contaron, na maior parte dos casos, con apoio legal para as levar a cabo. En Galiza, o laicismo escolar foi potenciado, na derradeira parte do século XIX, fundamentalmente polos emigrantes galegos en Sudamérica, que promoveron escolas no seu lugar de orixe na maior parte dos casos con orientación laicista.

A formación catequística dos cidadáns non é obriga de ningún estado. É máis, só un estado laico é garantía de liberdade relixiosa, na medida en que aceptamos que as crenzas relixiosas son un dereito de quen as asuma, mais non se poden impor como unha obriga , como un deber a ninguén.

Liberdade relixiosa

Hai oitenta anos a República española plasmou constitucionalmente o Estado laico, cousa que de novo provocou unha violenta reacción do clero, cunha encíclica de Pío XI, a Dilectissima Nobis  mais a vixencia daquel texto non foi suficiente. Hoxe sóese utilizar o argumento constitucionalista para xustificar a presenza da relixión no sistema educativo, mais non se di que a Constitución o que fai é garantir a liberdade relixiosa individual ao tempo que atribúe aos pais e nais a posibilidade de adoutrinar relixiosamente a súa descendencia, garantíndolles o Estado ese dereito. En todo o caso,  a Constitución non impón que o sistema educativo deba ser un elemento catequizador.

En Francia, unha comisión creada polo goberno concluía, non hai moito tempo,  que "a escola non pode ser escenario de loitas relixiosas. O laicismo recoñece o feito relixioso, mais na escola teñen que se encontrar todas as persoas e é o lugar onde deben desaparecer esas diferenzas, porque aí é onde se forma a cidadanía"

Despois de  trinta anos de Lei de liberdade relixiosa, non será xa o momento de levar a cabo as reformas que consagrasen o Estado Laico? Non será hora de abordarmos definitivamente o  tema da relixión no ensino, tomando como modelo o exemplo francés, ou outros menos drásticos que abundan polo mundo adiante, mesmo en sociedades fondamente católicas?

E é que no ensino, sexa público ou sostido con fondos públicos, só pode ter cabida aquilo que é válido para todas as persoas e o  que é cientificamente contrastable. Puro positivismo. A relixión, como a amizade, como o amor, é un acto de confianza que atinxe exclusivamente á vida privada de cada persoa. O ensino, ademais, é ciencia.

No recente conflito de Arteixo teño ouvido argumentos, para xustificar que a nena non debía levar pano, como que se nós visitamos territorios de relixión musulmana temos que admitir os seus usos e costumes. Pode ser, mais avanzar cara a unha sociedade máis xusta e democrática, menos desconfiada cara as ideas e as practicas dos demais, só é posíbel nun contexto laico onde cada igrexa, cada crenza debe tratar ás restantes como  a ela mesma lle gusta ser tratada, e non como pensa que a outra merece.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña