21:47 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-03-2011

Se este é o modelo lingüístico que se quere transmitir ao noso alumnado, estamos a estragar miles de euros

Coa boca aberta

Valorar (14)

SILVANA CASTRO GARCÍA



Despois de dous anos de eficiente involución lingüística por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, baixo a batuta do ínclito Anxo Lorenzo, continúa o programa de "dinamización" lingüística chamado "Bocaberta", cuxo obxectivo fundamental é o de propiciar a "participación activa a través da palabra", segundo podemos ver na páxina web promocional.

Deste xeito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración de diversas empresas (editoriais, discográficas etc.) ten programadas numerosas actividades por todo o País dirixidas fundamentalmente ás crianzas e á mocidade de entre os 3 e os 18 anos.

Unha desas actividades é a titulada Contos do mago Cali, onde se toma como base o libro Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz, para crear un espectáculo de maxia onde a partir de palabras galegas se crean trucos de maxia.

Como docente de 1º da ESO asistín persoalmente a un novo capítulo desta suposta "dinamización" lingüística entendida polo goberno de Feixóo, o austero. Non critico o formato, que me pareceu divertido e práctico, tanto pola duración como pola posibilidade de participación da rapazada nel. O problema foi o pésimo nivel lingüístico do mago, que desmerece por completo a obra de Agustín, reeditada por Xerais nunha edición ilustrada e completamente revisada desde o punto de vista lingüístico que previamente se lle regalou ao alumnado.

Pronomes mal colocados, palabras galegas como "axóuxere" traducidas a continuación ao castelán (como se a rapazada non entendese a nosa lingua), expresión sintácticas completamente traducidas do castelán, castelanismos a esgalla e unha fonética que pouco tiña de correcta foron algunhas das perlas que nos deixou o espectáculo.

Se este é o modelo lingüístico que se quere transmitir ao noso alumnado, estamos a estragar miles de euros. Esta suposta "dinamización" debía traducirse nun proceso serio de normalización lingüística, ofrecéndolles ás crianzas e á mocidade espectáculos de calidade onde se use a lingua galega con corrección, porque senón estamos a darlles unha imaxe de que en galego todo vale, contribuíndo deste xeito ao fomento de prexuízos desgraciadamente moi espallados entre os e as galegofalantes, como por exemplo o desleixo pola lingua estándar e por unha fonética de calidade.

O mesmo ocorre con outros "referentes" mediáticos (os poucos que hai) como por exemplo algúns presentadores e presentadoras da CRTVG. Moitos deles, cunha fonética castelá que rechía nos ouvidos e cunha falta de galeguidade nas expresións sintácticas que semella estaren a traducir directamente do castelán cando non teñen guión diante.

Afortunadamente, a situación no eido do xornalismo galego mellorou respecto de hai anos, aínda que queda moito por facer. Porén, noutros eidos da sociedade como o anteriormente descrito, a situación perpetúase gastando miles de euros que se poderían aproveitar para facer políticas lingüísticas reais e non este tipo de "dinamización" de cara á galería, mais sen ningún tipo de querenza pola lingua galega por parte da Administración que a ten que coidar, e o que é máis grave, sen ningún tipo de repercusión positiva para o auditorio a quen vai dirixida.

Mais todo isto non é de estrañar vindo dun Secretario Xeral de Política Lingüística que afirma que "cada un fale no que queira" (entón para que gastarmos os cartos do seu soldo e do seu gabinete?) e un Presidente da Xunta que cre que o conflito lingüístico está superado porque xa non se fala do Decreto contra o galego no ensino.

E estes son os que nos gobernan? Polo menos acertan nunha cousa: cada vez que falan, nós quedamos tamén coa boca aberta.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña