09:02 Sabado, 13 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-03-2011

Esta situación ten causas concretas e polo tanto responsábeis concretos

Galiza está cada día máis empobrecida

Valorar (7)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO



Galiza está cada día máis empobrecida. Non é esta unha aseveración subxectiva ou de parte senón máis ben a constatación, como tentarei demostrar, dunha realidade que cada día vivimos en primeira persoa milleiros de galegas e galegos.

Mes tras mes, estatística tras estatística, en Galiza rachamos as nosas propias marcas históricas en todos os indicadores socioeconómicos, nun ronsel que parece imparábel de destrución de postos de traballo, de expedientes de regulación de emprego, de empresas que pechan, de explotacións agrogandeiras que cesan na súa actividade, en definitiva, a destrución da nosa economía produtiva.

Logo de dous anos de goberno do PP, e nas vésperas de que  o presidente Núñez Feixóo afronte o seu segundo debate do estado da nación que, sen ter vocación nin dotes de pitonisa, auguro que terá como vectores argumentais o triunfalismo na súa acción de goberno e que o que está mal é culpa doutros,  co desemprego medrando desbocado achegándonos á arrepiante cifra de 250.000 galegas e galegos sen un posto de traballo non ouviremos por parte de quen ten a responsabilidade do goberno galego nin unha soa autocrítica, ningunha intención de rectificar, ningunha proposta que contribúa a paliar esa situación, só comparacións que falsean os datos e a realidade e renegar das propias competencias para allear culpabilidades.

Si facemos unha comparación, das que tanto gosta o Sr. Núñez Feixóo, co noso entorno podemos observar como día a día se vai incrementando o diferencial de destrución de emprego en Galiza en relación co Estado, sendo no último ano de 2 puntos porcentuais superior, e como se vai dilapidando o diferencial co que contaba Galiza en canto a taxa de desemprego achegándonos cada día máis á taxa de desempregados do Estado. Daquela, algo terá que ver a actuación da Xunta de Galiza nesta situación.

Por si esta situación non fose dabondo dramática a situación dos e das desempregadas galegas en canto á cobertura social é peor que no Estado. Contamos con máis persoas paradas que non teñen ningún tipo de cobertura social, en Galiza existe un 11% máis de paradas e parados que xa esgotaron todas as prestacións e subsidios aos que tiñan dereito e non teñen ningún tipo de ingresos,e fronte a isto o goberno galego recorta as prestacións sociais, elimina plans de inclusión, reparte arbitrariamente e cun claro sectarismo político as achegas aos concellos para programas dirixidos aos desempregados.

Esta situación de empobrecemento da cidadanía galega prodúcese logo de dous anos de grandilocuentes plans de Núñez Feixóo para rematar coa crise e co paro en 45 ou 100 días, e sobre todo despois do seu plan estrela, o ano xacobeo con visita papal incluída, que segundo o goberno galego ía repercutir nun incremento de até 0 1,5% no noso PIB, aínda que esta previsión que foi variábel segundo quen, onde ou cando se realizase, e que constituiría o empurrón definitivo á creación de emprego en Galiza.

Á vista están os resultados deste gran plan anticrise: case 40.000 parados e paradas máis, por primeira vez na historia baixamos do millón de afiliacións á seguridade social, máis de 311.000 galegos e galegas como demandantes de emprego e un impacto no crecemento económico dun 0,1% do noso PIB. Todo un éxito político e de previsión!

Esta non é unha realidade neutra nin froito de ningunha casualidade ou fatalidade. Esta situación ten causas concretas e polo tanto responsábeis concretos. Os mesmos que permitiron a privatización e desterritorialización do aforro galego coa máis que previsíbel desaparición da caixa de aforros galega, produto dun pacto de estado entre o PP e o PSOE en beneficio do capital financeiro privado sen que por parte do goberno galego se defendese o noso autogoberno, facendo valer as competencias que nesta materia ten a nosa nación.

Dous anos despois, e centos de plans despois, Galiza máis empobrecida, Galiza sen instrumentos financeiros e Galiza coas súas competencias pisadas. 

Dous anos despois e ante esta Galiza empobrecida aos galegos e galegas que cremos que a nosa nación ten alternativa, que queremos construír unha alternativa para Galiza, quédanos o combate político e social, a mobilización como exercicio de democracia e de participación. Mañá os e as galegas estaremos na rúa para garantir un futuro mellor.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña