21:33 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-03-2011

Unhas políticas que só teñen un obxectivo perfectamente deseñado: a eliminación progresiva dos nosos idiomas

As Illes Balears (e Galiza), laboratorios para o lingüicidio españolista?

Valorar (23)

ANTONI LLUÍS TROBAT ALEMANY



Ás veces, só fai faltar botar unha ollada máis ou menos analítica á realidade dos distintos pobos que vivimos encabidos na estrutura administrativa do Estado Español, para darse conta que, os inimigos dos nosos dereitos nacionais, empregan fórmulas moi similares en cada un dos nosos países.

As Illes Balears, o país catalán insular, foi un territorio que na década do sesenta do século pasado pasou dunha estrutura social pre-moderna baseada na agricultura de secaño (xamais houbo revolución industrial nin unha burguesía nacional no século XIX, coma se pasou en Catalunya e no País Valencià, que encabezase a reivindicación colectiva) á post-modernidade froito do bume da industria turística. Un turismo que a converteu en lugar de veraneo das clases traballadoras británica, alemá e escandinava no marco do "estado do benestar" construído polos socialdemócratas europeos despois da Segunda Guerra Mundial. E que, paradoxalmente, serviu ás Balears para desenvolverse economicamente, por unha banda; pero tamén para agredir brutalmente a súa contorna natural (o que os urbanistas e ambientalistas chaman "balearización") e transitar do dominio das  vellas clases altas ligadas ao poder español a unha nova situación controlada por un emerxente lóbi de empresarios hoteleiros e construtores moi vinculado, tamén, ás elites político-económicas de Madrid.

Nese contexto, xa desde o inicio da autonomía en 1983, a vida política estivo hexemonizada por unha AP (despois PP) con dúas almas (unha, españolista e españolizada, ultra e próxima a Madrid, "do barrete"; e outra, máis "da boina", rexionalista, centrista, enraizada no campo mallorquino e catalanoparlante). Fronte a esta dereita (cuxos conselleiros de turismo e de economía eran, en palabras do sociólogo da UIB Joan Amer, os "conserxes" de lóbi hoteleiro) e a un PSIB-PSOE débil e que cultivaba os seus votos nos ghettos de inmigración do sur de España chegados para traballar na industria turística a partir do sesenta, a alternativa e única oposición estivo, desde sempre, representada por unha sociedade civil forte e polo nacionalismo progresista, veiculado desde 1976 pola Federación PSM-Entesa Nacionalista (constituída polo Partit Socialista de Mallorca, o Partit Socialista de Menorca e a Entesa Nacionalista i Ecoloxista d'Eivissa).

Unha sociedade civil vertebrada a partir de dous movementos sociais fundamentais: o ecoloxismo, a partir da organización GOB, un caso único en Europa, onde os movementos de carácter ecoloxista adoitan estar atomizados e ser de carácter local e influídos polo fenómeno nimby (not in my back yard), e que constitúe un auténtico motor de mobilización cidadá en defensa do medio ambiente e doutro modelo socio-económico respectuoso co territorio do país; e o movemento en defensa da lingua e a cultura catalás, que ten a súa expresión integral na Obra Cultural Balear (OCB) nada en 1962 e que muscula e vertebra todas as expresións activistas da sociedade balear en defensa da lingua, a cultura e o autogoberno (xa sexa en ámbitos tan diversos como a mocidade, a educación, o pensamento, o movemento asociativo ou o mundo do traballo).

Durante a lexislatura 1999-2003 tivo lugar a primeira experiencia política de goberno alternativa ao PP, o chamado "Pacte de Progrés" no que o PSM tivo un papel destacado e os avances sociais, ambientais e culturais foron importantes. Despois veu o desastre, auspiciada polo lóbi de empresarios turísticos, que acusaron o goberno de esquerda plural de "atacar a principal industria económica de Balears" e o 25 de maio de 2003 o PP encabezado por Jaume Matas, ex-ministro español de Medio Ambiente do executivo Aznar e aliñado co sector máis españolista, obtiña unha soada vitoria. Empezaba, pois, unha "lexislatura horribilis" da que apuntarei só o que afecta as agresións contra a lingua propia do país: decreto de trilinguismo na escola (que coa escusa de introducir o inglés impuña o castelán e reducía a un terzo as horas de catalán); rebaixa do requisito de catalán na función pública; peche de medios radiofónicos na lingua propia; creación dunha RTV autonómica con menos do 50% de programación en catalán; ruptura de relacións coas institucións culturais comúns do resto dos Països Catalans, etc.

Hai uns meses, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, estivo en Mallorca convidado pola OCB  e puido intercambiar impresións de dúas realidades que, en definitiva, a dereita española e o estado non consideran moi diferentes. Unhas políticas, as vividas en 2003-2007 en Balears e a día de hoxe en Galiza, que só teñen un obxectivo perfectamente deseñado: a eliminación progresiva dos nosos idiomas.


[19-03-2011 00:39] Mateu comentou:

El problema que tenemos en las Illes Balears, es que una gran masa votante del PP (mayoría de 50 años hacia arriba) sigue creyendo que el partido está dominado por el sector regionalista que defiende nuestra lengua y cultura, cosa que no es así desde el último congreso que eligió a José Ramón Bauza como presidente.
Y no ayuda tener un nacionalregionalismo de centro-derecha dividido con la Lliga Regionalista Balear y Convergència per les Illes. Necesitamos un milagro para que nuestro pueblo despierte, aún no es tarde, pero debemos reaccionar de inmediato...

[16-03-2011 17:17] Xurxo Rodríguez comentou:

Parabéns, Antoni! Bo articulo!

[15-03-2011 13:27] anosaterra comentou:

e lembremos o editorial infame co que Terra e Tempo saudou a vitoria de CIU

Portada | ESPAÑA
Os primeiros días de Artur Mas
O xiro á dereita de Catalunya
Armando Rúa . Non esperou moito o presidente catalán, Artur Mas, para poñer por riba da mesa o seu programa electoral: apoio á sanidade privada, restricións orzamentarias en Educación e defensa dos intereses das grandes eléctricas.

15.03.2011 | 10:35 TAGS: artur mas , ciu , catalunya ,


Artur Mas
Non fixeron falta nin os famosos 100 días para que o novo goberno catalán, comandado pola coalición Convergència i Unió, baixo a presidencia de Artur Mas, mostrase o que era capaz de facer en menos de tres meses.

A vicepresidenta e conselleira de Gobernación e Relacións Institucionais, Joana Ortega, fecha o Museu do Memorial Democrático, elimina as exposición programadas polo seu anterior director, Miquel Caminal (destituído fulminantemente), e cédelle todo o material ao Museu d’História de Catalunya. De agora en adiante, afirma Ortega, recordarase tamén aos perseguidos pola República.

As esperas operatorias na Sanidade pública, pasan, de súpeto, dunha espera media de 84 días a 180: segundo o conselleiro de Sanidade, Boi Rodríguez, hai que aforrar e a primeira medida é a prohibición de operar, a non ser en casos de urxencia, polas tardes. Por outra parte, o conselleiro anima os cataláns a se apuntaren a unha das innumerábeis mutuas médicas que existen en Catalunya (o custo: entre 50, a máis barata, a até 200 euros mensuais por membro familiar). Cabe recordar que o actual conselleiro era, até o día antes do seu nomeamento para tal cargo, o presidente das mutuas e clínicas privadas de Cataluña.

O conselleiro de Economía e Coñecemento, Andreu Mas-Collel, afirma que a suba das taxas universitarias axudará a que a concorran menos estudantes estranxeiros ás universidades catalás e así evitar a masificación.

Por outra parte, depois de que o Tribunal Superior de Cataluña se “cargase” o novo mapa eólico, as declaracións do portavoz do govern, Francesc Homs, un dos homes fortes, e non precisamente na sombra, son moi claras: apoio á nova liña de alta tensión (un dos grandes problemas do tripartito: unha liña de alta tensión que cruzará todo o Principado e que, en realidade será beneficiosa para as grandes compañías eléctricas, xa que se trata de importar electricidade desde centrais nucleares localizadas en países do norte de África, especialmente Marrocos. Ademais de estragar toda unha serie de lugares protexidos e parques naturais).

Cargos do PP recuperados

Os recortes en Educación chegan a tal grao que diversos directores de institutos declaran que non teñen cartos nin para pagar a luz. Por outra banda, o novo conselleiro de Educación decidiu eliminar o programa “cada neno un ordenador”, iniciado polo tripartito nas escolas públicas. Por outra parte, Artur Mas fichou como secretario de Asuntos Exteriores a Senén Florensa Palau, quen –á parte de alto dirixente durante o goberno de José María Aznar– presidiu un tempo o Instituto Europeo do Mediterráneo, creado por Jordi Pujol para dotar a Generalitat dunha proxección mediterránea propia. Florensa reduciu o instituto a un mero apéndice do Ministerio de Asuntos Exteriores español e, o que alporizaba a moitos sectores nacionalistas, ás veces actuaba como unha sucursal da Casa Árabe de Madrid. Como delegado ante a Unión Europea, Mas nomeou a Juan Prat y Coll, quen no 2003 se presentou como un profesional do servizo exterior algo queixoso do trato que lle deran os últimos gobernos de Felipe González e agradecido a Aznar polo cargo que entón ocupaba. Segundo Mas, Prat non é do PP. Por outra parte, o PP de Catalunya, ao saber os nomes dos novos cargos, apoiou o seu nomeamento no Parlament, “porque se traballaran para Aznar é que eran bós”, declararon.


[11-03-2011 21:29] MAZAIRA comentou:

Perfectamente explicado. Pero penso que o problema tanto nas Illas Balears como na Galiza esta no propio pobo. Si se sigue a votar ao PP, si seguimos a perder a nosa identidade, si a mocedade non se sinte agredida. A direita cada día sentese mellor e mais respaldada.
Ainda que moi triste dicilo: " cada pobo ten o que merece".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña