00:35 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-03-2011

A Wikipedia en galego celebra o seu oitavo aniversario co reto de chegar aos 70.000 artigos

Parabéns, Galipedia

Valorar (11)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



O éxito da Wikipedia, unha enciclopedia en liña aberta e de creación colaborativa, tras dez anos de funcionamento, é o mellor exemplo das posibilidades da colaboración masiva na rede Internet. Con 18 millóns de artigos enciclopédicos en máis de 200 linguas, 400 millóns de visitantes cada mes, 28 millóns de persoas usuarias rexistradas en todo o mundo, 80.000 editores activos (con 5 ou máis edicións por mes) e máis de 10.000 moi activos (con 100 ou máis edicións por mes), a Wikipedia é unha das páxinas máis visitadas do mundo, ocupando neste momento a oitava posición na clasificación de Alexa.

A clave do seu éxito é, sen dúbida, a participación: na Wikipedia calquera usuario, rexistrado ou non, pode editar a enciclopedia, creando un artigo novo ou revisando un artigo xa existente. Este proceso de elaboración cooperativa dos artigos enciclopédicos permite que a xente que así o desexe poida contribuír a mellorar cos seus coñecementos os contidos da Wikipedia. Por outra banda, a elaboración colectiva dos contidos dunha mesma entrada obriga á discusión e á necesidade de consenso entre as persoas que participan na súa redacción, o que redunda tamén na mellora da calidade das entradas.

Evidentemente, este proceso de elaboración dos artigos da Wikipedia, alicerzado na liberdade de edición e que permite o anonimato, posibilita usos indebidos, como a eliminación de páxinas da enciclopedia por diversión ou a inclusión de entradas falsas, con publicidade, con insultos ou con contidos inapropiados, usos todos eles para os que a comunidade da Wikipedia acuñou a denominación de vandalismo. O vandalismo na Wikipedia é un dos seus principais problemas e, ao mesmo tempo, unha consecuencia ineludíbel dos seus propios principios. Para que a Wikipedia non perda o seu valor e a súa utilidade, os actos vandálicos deben ser controlados dun xeito activo, e de feito existe unha gama de ferramentas informáticas que permiten automatizar totalmente ou parcialmente ese control. Con todo, o mantemento necesario da Wikipedia, a nivel de contidos, ten que ser asumido por un grupo de usuarios comprometidos que asumen o papel de administradores. Entre as súas funcións principais inclúense a vixiancia e corrección dos actos vandálicos e a xestión do consenso na redacción das entradas nas que se dá algún conflito.

A Wikipedia en galego, tamén chamada Galipedia, arrincou o 8 de marzo de 2003, pouco máis de dous anos máis tarde do que o fixera o proxecto inicial de Jimmy Wales, así que cumpre nestes días os seus oito anos de existencia. Neste período de tempo, cos datos do 7 de marzo de 2011, a Galipedia atinxiu os 68.846 artigos -unha cifra que a sitúa na posición 41 entre as 279 linguas oficiais na Wikipedia- e os 25.975 usuarios rexistrados, incluíndo 9 administradores. Co gallo do seu oitavo aniversario, a Galipedia asumiu o reto de chegar aos 70.000 artigos, e con ese fin convoca unha maratón galipédica durante o próximo sábado 12 de marzo.

Comparada coas outras dúas enciclopedias galegas, a Galipedia aínda ten que percorrer un longo camiño para chegar ás 145.000 entradas da Gran Enciclopedia Galega ou ás 200.000 da Enciclopedia Galega Universal. Destas dúas, a Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo é a única que posúe unha versión -de pago- para consulta en web. A Galipedia é, por tanto, a única enciclopedia galega en liña de consulta gratuíta. Cunha perspectiva situada á marxe da lóxica empresarial dos custes e das ganancias, a Galipedia, coas súas virtudes e defectos, ofrece un lugar de referencia para a compartición libre e desinteresada do coñecemento e para a identificación e difusión global da nosa lingua e da nosa cultura. Os éxitos da Galipedia serán os nosos éxitos. Parabéns, Galipedia.


[09-03-2011 02:12] Undemoitos comentou:

Ainda lembro cando os lusistas dician que había que esquecerse da galipedia e traballar na wikipedia portuguesa. Por sorte ninguén lles fixo caso.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña