09:44 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-03-2010

Os inimigos da lingua galega atacan sempre deturpando as verbas e repetíndoas ata que callen na sociedade.

Vellas tácticas contra a nosa lingua

Valorar (39)

FRANCISCO CALO LOURIDO



A minusvaloración da capacidade que a dereita ten de facer reaccionar o seu raras veces adurmiñado electorado, así como a inxenua e falsa percepción de que os proxectís que a extrema dereita lanzaba a discreción eran simples granadas de fogueo, sen metralla, desprazaron ao bipartito ás bancadas da oposición. A mobilización da súa masa social, xunto coas consignas, fraguadas unhas nas forxas mediáticas madrileñas, cociñadas outras nos potes dos aprendices de bruxo galegos, puxeron Galicia aos pés dos resabidos cabalos do centralismo xacobino e convertérona en campo de experimentación exportable ás demais nacións e países con lingua de seu no territorio do estado.

O PP, que naceu co pecado orixinal da España Unha e da negación e ataque directo ao Título VIII da Carta Magna, mantén permanentemente esa estratexia iniciática, aplicando, máis ou menos abertamente, unha táctica dirixida polo sanedrín de FAES e ben servida por determinada prensa do país e polos acólitos de Galicia Bilingüe, acompañados na cerimonia da confusión pola extravagante e faltona Rosa Díez co seu oportunista UPyD. A dita táctica, consistente, nunha primeira fase, na intoxicación léxica, na estigmatización dunha verba limpa e fermosa ata a converter nun concepto noxento, é tan antiga como sinxela. Un meu profesor universitario, catedrático el, dicía: "aos viles adxuntos, non polo feito de seren adxuntos, senón de seren viles, hai que os escarnecer". Primeiro crismábaos de viles para poder logo zorregarlles. A segunda fase non precisa máis que espallar a consigna e repetila ata que boten fume os teletipos.

É sabido que Catón o Censor (segundo os seguidores de Rosa Díez, o nacionalismo galego está cheíño deles), tratasen de chícharos ou de cebolas os seus discursos, remataba indefectiblemente cun Delenda est Carthago. E Cartago rematou sendo destruída. A repetición monótona e insistente é práctica consubstancial a tódalas relixións por medio dos seus mantras, ladaíñas e salmodias. Lembro moi ben, cando miña avoa Xosefa, o día da Santa Cruz, nos facía repetir un milleiro de veces seguidas o nome de Xesús, intercalado, cada cento deles, cunha alusión a un tal Ghuerto de Ghosefás, ao que seica todos temos que ir, cando chegue a Parusía. Tan primaria é esta táctica de iteración que todos lembramos o sadismo infantil de lle repetir unha e outra vez e así ad nauseam unha verba ou frase a un neno ata conseguir que este se bote fóra de cristián e remate todo nunha liorta campal.

Cando o mastín americano, acompañado do gozoso cadelo español, decidiu apoderarse do petróleo iraquí, acordou que o ora pro nobis que conviña a tan materialista e vituperable acción era a verba "democracia"; lánzase a consigna e veña todo o mundo a repetir que do que se trataba era de exportar a democracia a Iraq. Democracia a canonazos! Cando en Madrid se traballa no xeito de conseguir exterminar as linguas das nacións periféricas do estado ad maiorem gloriam da España Unha, cerebros intelixentes para o malo, que diría miña nai, concluíron que ninguén ousaría se enfrontar á verba "liberdade", enfrontándoa eles, pola contra, á verba galego. E lánzase así a consigna da liberdade de elección dos pais, e empezan os demócratas de toda a vida, franquismo incluído, e, faltaría máis, galegos e amantes da lingua de Rosalía, a esixir liberdade de elección vehicular lingüística para os seus fillos, como se a lingua propia da nosa nación se nos puidese impoñer. A verba liberdade, agora, transformouse en antítese de lingua galega, que pasou a suxerir imposición. Que mágoa que aos habitantes de Ávila disque tamén se lles impón o español, o mesmo que aos de Berlín o alemán!

Mais quen se pode opor á verba liberdade? Soa fantástica, aínda que talvez non sobre lembrar o que Madame Roland, importante salonnière e muller do xirondino Jean Marie Roland, dixo, diante da guillotina que ía rematar coa súa vida, naquel 8 de novembro de 1793: "Ou liberdade, cantos crimes se cometen no teu nome". En Galicia, aplicáronse outra volta as vellas tácticas e, unha vez máis, funcionaron elas, contribuíndo a poñer aos actuais dirixentes nos postos de responsabilidade, desde os que, día a día, manteñen a teima de esnaquizar e eliminar a lingua do noso pobo. Triste papel o que andan a xogar o goberno de Galicia, os seus socios de Galicia Bilingüe e certa prensa ben subvencionada, que xa non é en absoluto a voceira de Galicia, por moito que tenten copiar a Zola, senón dos seus dadivosos amos.

Galicia non esquecerá nin a uns nin a outros e, por moita unción relixiosa que lle poñan, por moito fanatismo que consigan crear e por moito papaleisón que lles siga, mentres quedemos galegos nesta nosa terra, esta patulea de libitinarii non conseguirán enterrar a lingua propia desta vella nación que sempre remata respondendo con xenio, cando as cousas se torcen e non queda outra que meterlle a proa ao mar.


[21-03-2010 ] sernad comentou:

"nación que sempre remata respondendo con xenio, cando as cousas se torcen e non queda outra" Estanse a dar de conta que este dia esta cada vez mais proximo, que as xeracions manipuladas estan a desaparecer ou a recordala verdade; as novas xeracions estan a coñecer o que se nos fixo e a reclamar o que de sempre lles pertenceu. Cada dia esta mais preto o que dende fai do redor de 500anos leban procurando evitar

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña