01:03 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2011

Un goberno inoperante, incompetente, que exerce de sucursal dos intereses e posicións do PP a nivel de Estado

Dous anos de desgoberno Feixóo

Valorar (9)

XABIER PÉREZ IGREXAS



Veñen de cumprirse dous anos desde que o Partido Popular regresase, pola mínima cun resultado electoral moi axustado, ao goberno galego. Cando se supera o ecuador da lexislatura, a Xunta presidida por Feixóo amosa un balanzo desolador da súa acción, ou máis ben inacción, de goberno.

O primeiro aspecto a salientar é que o PP, malia ter obtido menos votos que a suma dos votos ao BNG e ao PSOE e ter unha maioría por un só deputado, ten actuado coma se ostentase unha maioría moito máis ampla, despregando o talante máis antidemocrático e autoritario que nos remonta á etapa do rodillo que practicaba Manuel Fraga. O seu talante, sectario e autoritario, desenmascarou a un executivo que se presentaba como unha equipa técnica, de xestión, demostrando que o goberno Feijóo opera nunhas coordenadas ideolóxicas ben claras e definidas, que non son outras que a do sucursalismo patético do discurso reaccionario, antisocial e españolista que o Partido Popular desprega desde Madrid.

A ofensiva emprendida contra do idioma propio do noso país, o galego, é se se quer un dos elementos que en maior medida definen o perfil reaccionario e antigalego da actual Xunta. Non era por electoralismo. O seu ataque é deliberado, pois parte da certeza ideolóxica de que bater contra do galego supón golpear un dos principais alicerces da nosa identidade como pobo, como nación. Non nos achamos fronte a un PP secuestrado por unha minoría ultra e exaltada, senón que enfrontamos o proxecto político do PP en Galiza, que pasa máis unha vez por desactivar calquera avanzo na conciencia nacional galega que poida poñer en xaque a súa concepción franquista da España Una.

O sucursalismo da Xunta de Feijóo quedou en evidencia ao longo destes vintecatro meses en reiteradas ocasións. Foron innumerábeis as veces en que o pretendido Presidente da Xunta no canto de exercer a súa responsabilidade institucional como máximo mandatario do noso país, utilizou o cargo para exercer de voceiro oficioso das posicións do PP en base ao argumentario deseñado na Rúa Génova. A actuación de Feijóo por exemplo nas diferentes Conferencias de Presidentes dan boa conta disto.

Noutro dos asuntos chave que marcaron esta primeira parte do seu mandato, como é o das caixas de aforro galegas, a actuación do Partido Popular foi lamentábel, errática, desnortada e pouco –ou nada- asentada na defensa dos intereses do noso país. Foi a presión social, e a actuación firme e decidida do nacionalismo galego, co BNG ao fronte, o que remataría por condicionar a actuación do PP evitando que permitisen –ou mesmo impulsasen- a entrega dos aforros das e dos galegos a entidades financeiras fóraneas. Hoxe non hai dúbida, a fusión que resultaría en Nova Caixa Galicia non se tería producido senón fose pola actuación do BNG, posto que tanto as direccións centrais do PP e do PSOE compartillan a mesma posición a respecto das caixas de aforro, que pasa pola súa privatización.

Se podía caber dúbida ao antes sinalado, asistimso estas semanas fronte a insultante inoperancia do executivo galego fronte a pretensión do Goberno Central, en mans do PSOE, de entregar o aforro galego á especulación da banca privada do Estado español, a través dun forzoso –por intencionado- proceso de privatización a través da bancarización das únicas entidades das que operan no mercado financeiro español que conservaban, até agora, o seu carácter semipúblico. Feijóo, como denuncia o BNG estes días, tirou a toalla antes de dar a batalla, entregandose en rendición, e accedendo á privatización da caixa galega, sometendose –como xa o fixo o goberno Zapatero- ao mandato da oligarquía financeira e abstendose do exercicio das súas responsabilidades políticas como gobernante. Iso si, non podemos renunciar a dar a batalla social contra desta situación, e a mobilización convocada por CIG e BNG para o vindeiro 13 de marzo en contra destas políticas é unha oportunidade excepcional que o pobo galego ha de aproveitar para tentar frealas.

No capítulo da xestión o balanzo non é mellor. O executivo galego apenas exerceu de empresa de demolición de todo o construído por parte do goberno bipartito, provocando un retroceso histórico e o desmantelamento de políticas cun importante impacto positivo no noso país.

En síntese, ficamos perante un goberno inoperante, incompetente, que exerce de sucursal dos intereses e posicións do PP a nivel de Estado, e que ten traizoado coa súa acción e a súa inacción os intereses de Galiza en chave de país e da súa maioría social de xeito reiterado e sistemático. O único positivo deste aniversario é apenas que resta menos tempo para desaloxar democraticamente ao Partido Popular de San Caetano.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña