20:03 Venres, 22 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-03-2010

Un contrapunto resistente aos datos do Mapa Sociolingüístico

O ciberactivismo lingüístico na arañeira dixital

Valorar (28)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART


Páxina de inicio de "Jujel"


Existen moitos modos de medir a vitalidade dunha lingua. Un deles consiste en analizar os resultados de enquisas sobre a lingua inicial, a competencia e os usos lingüísticos, ao estilo do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004, auspiciado pola Real Academia Galega. Os datos deste informe amosan como, entre 1992 e 2004, o galego pasou de ser a lingua inicial dun 60,3% da poboación galega a ser a lingua primeira de só un 20,6%. A relevancia desta caída de 40 puntos en 12 anos do galego como lingua primeira é aínda maior se temos en conta os datos recollidos neste informe sobre o uso da lingua: nese período de doce anos duplicouse o número de persoas que nunca falan galego (do 13% ao 25,8%), dividiuse á metade o de monolingües en lingua galega (do 30,5% ao 16%) e reduciuse en 22 puntos o número de persoas que a teñen como lingua habitual (do 61% ao 39%). Todos estes indicadores tan negativos sobre o presente e o futuro do noso idioma son os que levan a concluír ao profesor Freixeiro Mato que "por primeira vez proclamaríase estatisticamente que o galego é a lingua minoritaria da Galiza"  (no seu artigo O galego, unha lingua ameazada, nesta mesma cabeceira dixital). 

No mundo virtual de Internet, como no real, tamén son posíbeis diversos xeitos de realizar medicións dos usos lingüísticos. A vitalidade do uso do galego pódese calibrar, por exemplo, observando o lugar que ocupa na arañeira en relación co ocupado polas outras linguas, isto é, calculando o número ou a proporción de páxinas web escritas no noso idioma. A presenza na web dunha lingua mídese habitualmente utilizando as ferramentas que fornecen os buscadores. Así, nun estudo publicado en 2003, a partir de datos fornecidos polo buscador AllTheWeb en marzo de 2002, o inglés ocupaba o primeiro lugar entre as linguas da rede, co 60% do total das 728.948.154 páxinas indexadas polo buscador nas 45 linguas analizadas nese estudo. A continuación, as dúas linguas con máis páxinas despois do inglés eran o alemán (7%) e o xaponés (preto do 6%), dúas linguas representantes de dúas grandes potencias económicas mundiais. Tras delas, cunha porcentaxe de entre o 2 e o 3,6%, aparecían o chinés (3,6%), o francés (3,3%), o coreano (2,7%), o ruso (2,6%), o castelán (2,2%) e o italiano (2%), todas elas linguas cun elevado número de falantes e con estatus de lingua oficial en estados con presenza política e económica na orde mundial actual. A seguir, cunha porcentaxe de entre 1 e 1,7%, situábanse o portugués (1,7%), o neerlandés (1,5%) e o polaco (1%). E, para rematar o grupo de linguas que ían en cabeza, con máis de 3 millóns de páxinas por lingua, resulta interesante sinalar que, con porcentaxes entre o 0,4 e o 0,9%, están agrupadas outras tres linguas xermánicas, o sueco (0,9%), o dinamarqués (0,6%) e o noruegués (preto do 0,5%), a carón do checo (0,8%) e do finés (0,4%). O galego aparecía no posto trixésimo sétimo, con 98.998 páxinas e o 0,014% das páxinas da arañeira, inmediatamente seguido polo euskara (0,011%), mentres que o catalán se situaría no posto vixésimo terceiro (0,094%). 

Aínda que o número de páxinas na web constitúe un índice significativo da presenza dunha lingua en Internet (e por tanto da súa vitalidade lingüística), a relevancia deste índice é moito maior cando se pondera co tamaño da poboación falante de cada lingua. O índice ponderado de páxinas web por falante constituiría un índice da cantidade de información e contidos web aos que pode acceder unha persoa na súa propia lingua Deste modo, o valor no 2002 deste índice para a lingua galega (0,014%), semellante ao que obtiña o euskara (0,011%), debe de ser interpretado tendo en consideración, entre outras variábeis, a diferenza a favor do galego entre o número de falantes do euskara e o de falantes do galego. Observando esta variábel, a lingua galega non experimentaría variacións de clasificación no ránking das linguas con respecto á anterior, manténdose no trixésimo sétimo lugar, cunha proporción de 0,025 páxinas web por falante, mentres que o euskara ascendería na clasificación do trixésimo oitavo posto ao décimo noveno, cun índice estimado de 0,138 páxinas web por falante. 

Porén, o número de páxinas web escritas en galego aumentou dun xeito sostido desde o ano 2002 no que se levou a cabo o devandito estudo. Na actualidade, o número de páxinas web en galego accesíbeis polo buscador "de referencia" podería achegarse aos 11 millóns de páxinas, mentres que o número total de páxinas indexadas por este mesmo buscador andaría polos 13,5 mil millóns de páxinas (datos tirados de WorldWideWebSize). Isto é, en oito anos, a presenza do galego en Internet tería aumentado máis de cinco veces, do 0,014% ao 0,08%. Comparado co catalán e co euskara, o galego sería a lingua das tres con maior crecemento porcentual nos últimos oito anos. A presenza actual do catalán no buscador podería cifrarse nuns 19 millóns (do 0,094% ao 0,140%) e a do euskara nuns 6 millóns (do 0,011% ao 0,044%).  

Unha razón que explica este crecemento radica no desenvolvemento serodio da arañeira galega. De acordo coa última vaga (de novembro de 2009) do Estudio General de Medios a poboación galega usuaria de Internet pasou do 23,6% da poboación galega en 2003 ao 42% en 2009, mentres que en Catalunya no mesmo período se pasou do 30,8% ao 57,1% e en Euskadi do 29,1% ao 55,4%. A penetración de Internet nos ámbitos lingüísticos do catalán e o euskara, logo, vai cuns anos de adianto con respecto á penetración da rede no ámbito galego, polo que ten sentido que a produción de material textual para a web en galego se iniciase cun certo retraso e cunha certa urxencia, nun momento en que outras lingua como a catalá e a vasca xa tiñan o camiño inicial feito.  

Outra razón do crecemento relativo do galego en Internet podería ter que ver precisamente coas características sociolóxicas da poboación galega usuaria activa na arañeira. Dentro deste sector, atoparemos de certo os grupos sociais que máis pulan na rede polo noso idioma: persoas comprometidas co idioma do país e activistas lingüísticos do ciberespazo, galipedistas, redeiras e redeiros galegos de foros e redes sociais, blogueiros e blogueiras do blogomillo, falangulleiras e falangulleiros, xornalistas dixitais, comunidade de software libre de Galiza, creadoras e creadores de contidos textuais e audiovisuais para a web en toda caste de xéneros dixitais e na lingua propia. Unha Internet rica e vizosa onde agroma con forza o galego e augura mil primaveras máis para este idioma nun eido, o do mundo virtual, onde a presenza das linguas vai ser determinante para a súa supervivencia. 

Mentres na realidade máis próxima o galego esmorece como lingua primeira e no uso oral da comunicación cotiá, o uso da lingua escrita na arañeira manifesta unha vitalidade abraiante. Será isto un signo da enteireza do idioma capaz de matizar os datos negativos do Mapa Sociolingüístico? Talvez. Entrementres, o futuro da nosa lingua pendura dun fío que pendura de nós. Como persoas comprometidas coa defensa da pluralidadelingüística e da riqueza cultural que codifica e serve para expresar a nosa lingua, podemos participar no destino do seu futuro contribuíndo a fortificar a presenza do idioma na Internet. Cumprirá por tanto fornecer contidos e aplicacións na rede no noso idioma con todos os medios que a web social pon ao noso alcance, e pular pola concesión dun dominio propio que nos permita unha identificación non problemática e un recoñecemento a nivel global nun mundo dixital que cada vez máis é o noso mundo.

[12-03-2010 ] Maria comentou:

he, he, he...os dous comentarios anteriores son da mesma persoa? :) algo resesos, non si? parabéns polo artigo e adiante co ciberactivismo lingüístico!

[11-03-2010 ] um qualquer comentou:

creio que há umha cousa que nom estamos tendo em conta: muitas webs escritas por galegos para galegos em galego nom utilizam a norma RAG, mas a norma internacional, o que leva a que essas webs somem na lista de webs em português mas nom na lista de webs em galego.... ;)

[11-03-2010 ] Jo comentou:

A nossa língua é a 6ª mais empregada na Internet. Mas deve ser muito produtivo jogarmos à língua de seu com os asturianos, os aragoneses e os catalães...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña