14:42 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-03-2011

A Consellaría vén de pronunciarse sobre a prohibición de que unha alumna siga acudindo a clase co veo

A Consellaría de Educación e o veo islámico

Valorar (19)

EDUARDO ÁLVAREZ



A Consellaría de Educación vén de pronunciarse sobre a prohibición de que unha alumna dun centro escolar de Arteixo siga acudindo a clase co veo islámico. Neste informe, a Administración educativa considera que o regulamento de réxime interno do colexio se axusta a Dereito e non conculca a liberdade relixiosa. Aduce que os centros educativos gozan de autonomía en virtude do disposto na LOE e que, por isto, poden elaborar as súas propias normas de organización e funcionamento. Indica tamén a Consellaría que esta situación de Arteixo é análoga ao caso Köse de Turquía. Estes dous argumentos esgrimidos pola Consellaría para ratificar a decisión do colexio de Arteixo carecen absolutamente de rigor xurídico e a sanción, de efectos tan graves para esta nena, constitúe unha tripla violación dos seus dereitos fundamentais á liberdade relixiosa (art. 16 CE), á educación (art. 27 CE) e á igualdade (art. 14), que proscribe a discriminación por razón de relixión.

Alega en primeiro lugar a Consellaría de Educación que os centros escolares teñen recoñecida pola LOE competencia para aprobar as súas propias normas de organización e funcionamento como acontece co regulamento de réxime interno que contén a prohibición de que os alumnos cubran as súas cabezas. Que os centros dispoñen de autonomía é certo, e así se recolle no artigo 124 desa Lei de Educación. Mais, o que endexamais pode ningún regulamento é limitar o exercicio dun dereito fundamental, pois tan só por lei orgánica poden seren estes dereitos regulados, desenvolvidos ou limitados. Así o recoñece o art. 81.1 da CE cando afirma que son leis orgánicas as relativas ao desenvolvemento dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas... A LOE, efectivamente, é unha lei orgánica porque desenvolve o exercicio do dereito fundamental á educación, mais non regula a liberdade relixiosa e de culto. Este cometido teno a Lei Orgánica 7/1980, de 5 de xullo, de Liberdade relixiosa, cuxo artigo terceiro afirma que o exercicio dos dereitos dimanantes da Liberdade Relixiosa e de Culto ten como único límite a protección do dereito dos demais ao exercicio das súas liberdades públicas e dereitos fundamentais, así como a salvagarda da seguridade, da saúde e da moralidade pública... Do feito que o artigo 124 da LOE lles recoñeza aos centros docentes  a capacidade para elaborar  as  súas  normas de organización e funcionamento non se desprende que cada colexio teña potestade para entrometerse na regulación de ningún dereito fundamental. Nin tan sequera os centros educativos poden limitar nin desenvolver a través da súa capacidade autonormativa o dereito fundamental á educación porque o artigo 124 da LOE, segundo a disposición derradeira sétima, queda excluído do carácter de rango orgánico. Nin a Constitución o permite, nin o resto do ordenamento xurídico pode facelo sen incorrer en inconstitucionalidade, como pretende a Consellaría de Educación.

Aduce tamén a Consellaría de Educación para ratificar esta resolución que o caso da alumna de Arteixo é análogo ao asunto Köse sobre o que se pronunciou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos na sentenza 26625/02, de 24 de xaneiro de 2006, inadmitindo a solicitude dun amplo número de alumnas de varios institutos de Istambul, cuxos pais alegaban inxerencia indebida na súa liberdade relixiosa e a violación do dereito á educacións das súas fillas. Para comprender a xurisprudencia deste Tribunal, que xustifica a inadmisión do caso Köse, é preciso referírmonos á súa sentenza nº 44774/98, de 29 de xuño de 2004, caso Leyla Sahin contra Turquía.  Nesta ocasión, unha estudante de Medicina foi expulsada da Facultade por cubrir a cabeza con veo. Leyla Sahin presentou recurso perante o TEDU por considerar que a resolución da Universidade supuxo a violación dos seus dereitos de liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión, proclamados no artigo 9 da Convención Europea de Dereitos Humanos. O Tribunal Europeo dita sentenza que concede a razón ao Estado turco, pero antes de chegar a esta conclusión realiza unha meticulosa análise das circunstancias que rodean os feitos. Ponse de relevo, en primeiro lugar, que a República turca se proclama na súa Constitución como un "Estado de Dereito, democrático, laico e social", construído no principio da laicidade xa desde a súa fundación en 1923. Entra logo o Tribunal a realizar a análise da violación alegada do artigo 9 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos e, para iso, resalta a posición da liberdade relixiosa nos sistemas democráticos. E, deseguido, analiza se existiu ou non limitación do dereito á liberdade relixiosa sometendo os feitos ás catro cuestións seguintes: 1) Se se produciu unha inxerencia no dereito fundamental en cuestión. 2) En caso afirmativo, se a inxerencia está prevista pola lei interna. 3) Se persegue esta inxerencia un interese lexítimo. 4) Se esta inxerencia é necesaria nunha sociedade democrática.

Á primeira pregunta, responde o Tribunal afirmativamente recoñecendo literalmente no parágrafo 71 da sentenza que a Corte constata que o regulamento da Universidade de Istambul, que somete o uso do pano islámico a restricións, e que as medidas conducentes á súa aplicación, constitúen unha inxerencia no exercicio da demandante a expresar a súa relixión. Extrapolando esta conclusión ao da alumna de Arteixo, temos logo constatado que, segundo o TEDH, existe inxerencia no dereito fundamental á liberdade relixiosa en ambas situacións.

Á segunda das cuestións responde tamén o TEDH que, no caso de Leyla Sahin, esta inxerencia está prevista na lei interna turca. No caso da nena de Arteixo, non existe ningunha lei interna que prohiba o uso de símbolos relixiosos no alumnado. É máis, como xa vimos antes, de existir algunha norma relacionada con esta prohibición, no ordenamento xurídico español, tería que ter carácter orgánico, presuposto que nin cumpre o regulamento que se prevé aplicar a esta nena nin tan sequera o artigo 124 da LOE, que está excluído desta condición.

Como terceira e cuarta cuestións previas, o TEDH analiza se esta inxerencia no caso Leyla Sahin persegue un interese lexítimo e se é necesaria nunha sociedade democrática. De forma rotunda conclúe que as medidas tomadas nesta situación están vinculadas á salvagarda do principio de laicidade e á protección dos dereitos e liberdades daqueloutras persoas que non profesan o islam. Afirma o Tribunal que, neste caso, os valores que se deben protexer son os da pluralidade política e os da tolerancia relixiosa nun contexto como o turco, o único Estado de poboación maioritariamente musulmá que conta cunha democracia liberal. Claro está que as circunstancias que rodean o caso Leyla Sahin non teñan ningunha semellanza co de Arteixo: nin o Estado español se proclama constitucionalmente laico nin o feito de que unha alumna acuda a un centro escolar con hiyab pon en perigo a estabilidade política nin atenta contra a liberdade relixiosa do alumnado que asiste e ese mesmo centro escolar.

Xustificar, por tanto, como afirma a Consellaría de Educación, que a expulsión desta nena do colexio en que está matriculada por usar o hiyab se axusta a Dereito constitúe ou ben unha resolución dolosamente inxusta ou ben unha grave ignorancia inescusable do ordenamento xurídico.


1 2 seguinte

[03-03-2011 19:56] José Yuste Frías comentou:

«Desvelando miradas 3: la niña del velo de Arteixo» no Blog de Yuste:
http://www.joseyustefrias.com/index.php/blog/item/desvelando-miradas-3-la-nina-del-velo-de-arteixo.html

[02-03-2011 19:08] Eduardo Álvarez González comentou:

¡Ilustrado! Non entendo eu tampouco que xente de esquerdas estea a favor da discriminación dunha persoa polo feito de practicar unha relixión minoritaria. O autor do artigo non xustifica o uso de símbolos relixiosos nas aulas. Analiza os feitos desde o punto de vista xurídico simplesmente e máis nada. Eliminemos todo vínculo confesional do Estado, loitemos polo laicismo. Mais, mentres todos contribuimos cos nosos impostos, por exemplo, a pagar as nóminas do profesorado de relixión católica, ¿temos que xustificar a actitude discriminatoria da Consellaría de Educación cunha nena que porta un símbolo dunha relixión practicada tan minoritariamente no noso País?
Vivimos nun Estado confesional solapado malia afirmarse oficialmente o contrario. ¿E a esta nena querémoslle aplicar o status xurídico propio dun Estado laico?
O debate sobre a os distintos tipos de alienacións non constitúe o obxecto do artigo, senón a grave discriminación que realiza a Administración educativa sobre unha persoa por pertencer a unha minoría.

[02-03-2011 19:06] ilustrado comentou:

Eu: unha pucha de baseball non está pensada para agachar as belezas das mulleres e que só as vexa o seu marido, como é o caso do veo islámico. E non se trata dun pano na cabeza, é un veo que cubre o cabelo, obxecto de líbido para os homes. Sigo sen entender como tan alegremente predícase a permisividade co veo islámico nas escolas. Penso que moita xente non sabe o que simboliza. Que pensen por qué Kemal Ataturk o prohibiu na Turquía, e por qué nese país segue a ser obxecto de polémica. O veo simboliza a milenaria opresión da muller nas sociedades orientais. E detrás da sua permisividade ven a negativa dos pais ás clases de ximnasia mixtas, aos baños nas piscinas en traxe de baño...Po favor, non sexades inconscientes. Todos contra os retrocesos na condición das mulleres !

[02-03-2011 16:00] Eu comentou:

O veo é o que lle tapa a cara, non é este caso. O que esta nena leva é un pano na cabeza, como moitos outros levan gorras de béisbol como os adolescentes ianquis e ninguén di nada. Que deixen en paz a cativa.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña