03:39 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2011

Cuspía aquela túzara todos os epítetos sobre a nosa fala que eu recordaba da época mais negra, que non a mais perigosa se cadra

Tres epis-odios

Valorar (25)

XOSÉ LOIS GONZÁLEZ, "O CARRABOUXO"



EPIS-ODIO UN

Telecinco, programa GRAN HERMANO. Non o vexo nunca, e se me aparece facendo zaping bulo a darlle ao botón coma se vira ao demo. Pero un aviso dun colega púxome sobre a pista dun youtube -xa levo dous anglicismos, que envexa de idioma- no que unha concursante lle  pegaba couces coma unha burra ao galego, non por falalo mal, que falaba en Pacoruñés con gran dominio, vítima coma el da incapacidade de fuxir do seu aborrecido acento, senón por falar contra el. Nin sequera a insistencia da súa  atónita contertúlia, namorada da música do noso idioma, lograba convencela de que o galego non é unha porcaria de lingua. Cuspía aquela túzara todos os epítetos sobre a nosa fala que eu recordaba da época mais negra, que non a mais perigosa se cadra: dialecto de brutos, paletos, ignorantes...Contou que un día até tivo un bajón que case  morre porque un mozo guapo ao que quería ligar se dirixiu a ela en galego. Por suposto, o galán perdeu todo o atractivo para ela en canto soltou os seus bufidos en  vernáculo -seguramente de Lugo-, que seica  lle é a máis tosca das nosas variantes dialectais. Nunca vin unha expresión de auto-odio tan exacerbada. E digo AUTO-ODIO ex profeso, para os que non cren nesa expresión, que din que ninguén se odia a si mesmo, que todos nos queremos e que é un invento dos nacionalistas radicales exacerbados por cojones -outra expresión da tiparraca- que na última parte do seu discurso empeza a recuar, seguramente por darse conta de que estaba dicindo ía ser moi mal recibido no seu pais de mierda, como así foi, e quitarlle votos e opcións ao maletín de cartos que seica lle dan a quen gañe o concurso, e empeza a dicir todo o contrario do que viña baduando, que lle gusta o acento galego, que os nacionalistas non son tan túzaros e remata así: "Es una pena, nuestro propio idioma, tío, y que lo hagamos nosotros!"

Eu alusino, tío (En Barbansón, que é outro dos dialectos que menos lle gusta á elementa).

EPIS-ODIO DOUS

Reportaxe en varios xornais galegos. Lánzase un Distintivo de Calidade para o leite galego. Pero para expresar esa calidade utilizase o feminino: "galega 100 %!. Digo eu, será un erro involuntario dun/ha castelán falante que aínda non se afixo á nosa triloxía  alimentaria  que se diferencia no xénero cos seus equivalentes en  español: o sal, o mel e o leite. Deso nada. É por falsas razóns comerciais cara o mercado español falante. E unha pretensa cortesía que devén nun esperpento servil. Para que non lles soe mal aos clientes casteláns, poñenlle ás garrafas e tetrabriks -outro- un logotipo onde á palabra "GALEGA", xa eivada do seu xénero por referirse ao leite, se lle intercala un chorro do  branco produto que caendo polo medio  fai o outro ele que lle falta para estar tamén en castelán. Qué idea, está en castelán e en galego, bilinguismo perfecto, joderos, nacionatas!. Pois non señor, porque en galego non está. Un enxendro. Unha burla branca!

Até pensei, na miña boa vontade, que o cambio de xénero podía deberse a que se cadra o logotipo fai referencia aos produtos lácteos galegos en xeral, e se foran a maioría deles femininos, pois mira, unha concesión ao xénero maioritario. Pois non, repasade: iogurt, queixo, requeixo, leite mazado...non se sei hai mais, pero polo menos a maioria sono, e todos masculinos. Volvo alucinar, e mais ao ver ao Feixóo pousando ufano por tras do desgraciado logotipo, mentres MEXA POLA NORMALIZACION LINGÜÍSTICA. Fin do É- PIS- ODIO.

EPIS-ODIO TRES

Telemiño, TV local de Ourense. Tertúlia sobre a reforma do voto emigrante. Interveñen diversos persoas relacionadas co tema e representantes de partidos políticos. Entre eles está Ramiro Bieito, Que é Presidente das Asociacións Galegas en Europa, ou así. Tamén é Presidente do PP (español) en Alemaña. Este home, ao que casualmente coñezo dende a infancia, ten unha atormentada historia da que eu fun en grande parte testigo por vivir na mesma aldea, de nenos, aló perto de Chantada. Un perfecto inadaptado que recibía malleiras a cotío do pai e da nai, por facer falcatruadas, ou ao revés. O Ramiro era o terror de San Salvador de Asma. Eu teño que dicir que era dos poucos amigos que tiña segundo me confesa el tamén, cando nos atopamos. Procedía esta familia da zona rural de A Baña, perto de Santiago, onde se falaba galego por todas partes. Na aldea de Chantada tampouco ninguén falaba outra cousa. Cando puido liscar do inferno da súa casa  refuxiouse na música, pois cantaba moi ben, sobre todo por Antonio Molina, e acabou de animador en diversas orquestras galegas. Non obstante o seu definitivo futuro non estaba nas verbenas, senón na emigración, e non o digo con retranca, pois foise para Alemaña e, despois de empezar de escaiolista, fíxose axente electoral do PP e acabou acadando a Presidencia do Centro Galego de Nuremberg e a presidencia do Partido, aproveitando a as actividades culturais alí desenroladas, en galego, aínda que ás veces, reclamado polo público se arranca por "Campanero Jerezano" que lle sae de maravilla. É un verdadeiro tesouro para o partido telo alí, xa que manda sacas de votos a eito. Para el tamén é un tesouro ese choio, pois xa hai tempo que a  escaiola nin a cheira. Daí que na tertúlia botara chispas da lei que impide que os emigrantes voten nas municipais. Ben, ao que ía: O Ramiro era o único dos seis tertulianos que falaba en español. Alusino en Santiaghés!


[02-03-2011 19:13] antón comentou:

Cavilador: non sexas dramático. O que pasa na Galiza pasa correxido e aumentado na Provenza, na independente Irlanda, en Cerdeña, en Valencia, etc. Non somos os únicos. A ver si con tanto nos laiar vamos crear un novo autoódio. O que pasa na nosa terra non é nada inusitado no mundo. Acontece en moitos países con idiomas minorizados.

[02-03-2011 15:11] Xavier Gz comentou:

Cuarto Epis-odio: o logotipo da UniversidadeVigo - http://imaxe.uvigo.es/index.php/logotipo-Universidade-de-Vigo.html
Quinto Epis-odio: ...

[01-03-2011 17:58] Cavilador comentou:

Cómo curar esta doenza que pesa sobre as mentes dos galegos, que nos deixa desprovistos da nossa esencia, do noso espíritu,da nosa língua, e que nos deixa inermes e envergoñados diante do mundo ?
Haberá algún povo no mundo que se envergoñe de si própio ?

[28-02-2011 22:25] antón comentou:

O problema é que o que dí esta rapaza ven revelar a grande traxedia do noso idioma, que non se deu formado en todos estes anos un standard coloquial culto aceptable para os habitantes dos centros urbanos. Por iso sónalles "bruto" ou rural aos urbanitas. De que ese standard chegue a callar depende a supervivencia do noso idioma. O catalán e o galés conseguírono e son as linguas minoritarias europeas en millor situación. No entanto, non sexamos fariseos matando a pedradas a esta rapaza. As suas afirmacións reflexan fenómenos sociolinguísticos que son certos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña