23:05 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2011

Estamos atados de por vida a unha entidade bancaria que nos escraviza sen compaixón

A escravitude das hipotecas e os monstruosos beneficios do sector financeiro

Valorar (12)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Cando xa tanto levamos falado da necesidade de conservar unha caixa galega, agora confírmanse a peor noticia, a da bancarización. A banca xa hai tempo que tomou a decisión de acabar coa figura das caixas e o PSOE e o PP asumiron o seu papel de brazos executores. Nos mundos que andamos, o poder político da Xunta e do Goberno do Estado abandona as súas responsabilidades e deixa nas mans dos bancos a decisión de como pode ser ou deixar de ser a nosa vida, a de todas e todos os galegos.

Tamén a dunha boa parte da nosa sociedade, aquela situada entre 30 e os 60 anos, soas ou en parella, que teñen atada a súa vida social e económica a unha hipoteca. Todas esas persoas que notamos un suor frío cando os titulares de prensa anuncian a suba do condenado euríbor, ese usureiro multiempregado que escalda o noso peto mes tras mes. A maiores de domiciliar as nosas nóminas na entidade crediticia que nos presta os cartos e de lle ofrecer como aval, -como mínimo-, esa vivenda, obrígannos a contraer seguros de vida, de vivenda, de tarxetas,... Unha ligadura por un período de 35 ou 40 anos que se converte na cadea do escravo contemporáneo, que nos oprime polo temor a que nos rebaixen o salario, e xa non digamos a perder o traballo, porque teriamos que seguir pagando as cotas desa hipoteca, esa que cando a asinamos nos pintaron de cor de rosa.

Fai un par de anos, cando entrabas na oficina dunha caixa ou dun banco para pedir unha hipoteca para o piso que querías mercar, todo eran facilidades. A oferta de calquera entidade nadaba nunha abundancia ficticia e a taxación da vivenda superaba habitualmente o seu valor real. Ninguén se queixaba porque así tamén se amoblaba a cociña, pero tapaba a caída nun endebedamento insostíbel. Até que se revelou a foto da realidade e o que era rosa pasou a ser gris no mellor dos casos. Abonde un dato. Durante o 2010, o 52,74% dos fogares galegos acabou o ano con serias dificultades para chegar a fin de mes. E coas hipotecas como espada de Damocles da que non nos podemos liberar.

Agora case nos parece un atrevemento o feito de ternos hipotecado fai catro ou cinco anos, coma se cando tomamos a decisión actuasemos de maneira inconsciente ou como se fose un delicto querer ter unha vivenda con 40 anos. Os casos de persoas que non lle poden facer fronte aos pagamentos dispáranse, pero os beneficios da banca mantéñense. A banca non entende de paro, nin de rebaixas salariais, nin de nada de nada. A banca só entende de beneficios, e de beneficios multimillonarios.

Poida que unha parte da sociedade non pense na posibilidade de perder o seu posto de traballo, de quedar sen cobertura social despois da restra de medidas antisociais dos gobernos de Zapatero e Feixóo, e sen perspectivas de futuro. Pero o certo é que ninguén está libre de acabar no pozo do paro, amarrado polo pescozo pola corda da hipoteca.

E se non damos pagado os recibos, que pasa? Pois o que pasa é que o banco/caixa se queda coa vivenda, pero tamén cos nosos cartos, porque temos que seguir pagando a hipoteca. Resulta que nos deron "crédito" en base ao valor dun inmoble. Pero a famosa enxeñería financeira, deseñada e avalada polo poder político, permite e promove que sigamos atados a ese contrato, aínda que o aval do crédito,-a vivenda-, pase ás mans da entidade bancaria. En épocas de bonanza ou agora que o valor de taxación da vivenda baixou, ao quedaren coa vivenda, incrementan beneficios de maneira astronómica. Para a banca realmente non hai crise, a crise xa nola deixan a nós, os hipotecados e hipotecadas.

Nestas últimas semanas, unha sentenza xudicial determinaba que coa devolución da vivenda quedaba saldada a débeda, aínda que o inmoble perdese valor pola crise. Outras resolvían xustamente todo o contrario. O certo é que cando unha entidade financeira executa unha hipoteca sobre unha vivenda e queda con ela, aínda con esa perda de valor, obtén un beneficio neto de, como mínimo, 125.000 euros!

Poida que se xunten moitos números, pero tamén é certo que botan luz sobre a realidade. Poñamos por caso que a hipoteca media ascenda a 250.000 €. A entidade bancaria adxudicaríase o inmoble polo 50%, é dicir, por 125.000 €. Aínda cunha perda do 20%, ao día seguinte o banco podería colocar a vivenda no mercado por 200.000 €. Quedaría de diferenza con respecto á hipoteca 50.000 €. O antigo propietario continuaría "debéndolle" ao banco 125.000 € máis as cotas xudiciais, que non adoitan baixar de 50.000 €. Total, que perdeu o seu piso e segue debéndolle ao banco, que quedou con el e que o vendeu ou que o pode volver vender, 175.000 €. Aínda que a eses cartos lle restemos os 50.000 € da "depreciación" da vivenda, aínda obteñen un beneficio neto por cada execución hipotecaria de, nada máis e nada menos, que 125.000 €!

E o PSOE e o PP seguen atrevéndose a dicirnos que isto non se pode cambiar porque tería un forte efecto sobre o sistema financeiro, ese que coa súa axuda, nos está chuchando o sangue a todos os traballadores, teñamos ou non hipoteca. O PP e o PSOE só están preocupados polos ingresos dos "botíns" e demais amigos, non pola maioría social afogada pola crise. Resulta noxento o seu sometemento ante os intereses da gran banca, por moitos xogos políticos que fagan para ocultalo.

Remato co que empecei, coa caixa galega. O PSOE ten claro o que quere, a súa desaparición. E o PP tamén, a súa bancarización para que deixe de ser caixa e galega. E os galegos e as galegas que queremos? Imos deixar que sigan decidindo por nós forzas políticas totalmente entregadas ao capital e á gran banca? O BNG ten claro que o noso futuro depende tamén de seguir contando cunha caixa que aposte polo país, polo financiamento do noso desenvolvemento económico e co centro de decisión na Galiza. Temos un país encollido polo medo a que lle executen a hipoteca. E o medo nunca foi bo conselleiro. Se perdemos a caixa galega, se permitimos sen máis que se transforme nun banco, non só teremos unha hipoteca persoal sobre a nosa vivenda, senón que tamén teremos unha hipoteca desas que chaman ad eternum sobre o futuro do noso país. Pasaremos de ser unha xeración condenada, a un país condenado a traballar por un salario que malamente abondará para cubrir a débeda que a banca nos impoña. Non o permitamos, revelémonos contra tanta inxustiza.


[01-03-2011 15:47] xosé comentou:

Eu estou a favor das Caixas se estas funcionasen como tinhan que funcionar pero sinceramente, en que se diferenciaban nestes últimos anos dos bancos?: na súa presencia en pequenas localidades.Pois vaia, pouco non haber e moito no debe: xestión neglixente-fálase de creba técnica e xogando co 50% dos aforros dos galegos-, obscurantismo, nepotismo, especulación,etc, etc.
Non hai outras alternativas? Que pasa en ISlandia? U-lo as cooperativas de crédito? U-lo a promoción da banca ética?Nada, nin unha palabra no discurso actual do BNG.Como di o outro: vivimos no melhor dos mundo e por que mudalo.

[01-03-2011 14:13] XM comentou:

O 22% dos clientes de Novacaixagalicia, é dicir, un de cada cinco, ten ingresos por debaixo do salario mínimo interprofesional, o que exemplifica a exclusión financeira que significaría a súa conversión en banco, ao que non lle sería rendíbel a xestión destes depósitos.
É a única firma crediticia presente en 80 pequenos municipios da comunidade, naqueles con pouco máis de 2.000 habitantes. A súa rede chega ao 90% dos concellos e en moitos é a única entidade. Que suporía para os pensionistas de concellos como Cervantes, ou Negueira que por non seren rendíbeis as súas contas, non contasen cunha entidade que xestionase a recepción da súa pensión, ou ter que desprazarse para pagaren os recibos mensuais de luz ou teléfono?
Certo é que a caixa (as caixas) galega estiveron baixo a dirección de quen non pensaba no país o que debía e que o poder político non vixiou as súas actuacións, pero se non contamos cunha entidade que teña que mirar para o seu, aínda que só sexa por interese propio de entidade crediticia, desde logo os de fóra non nolo van facer.

[28-02-2011 23:57] xose comentou:

Vale, vale,vale, pero esa Caixa, galega, pola que hai que loitar vai cambiar algo o sistema financeiro? De que falades cando pedides a mobilización da ciadadanía?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña