16:54 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2011

Desgaste simbólico da lingua galega no ámbito público e altamente influínte da paisaxe lingüística

Es la leche: o bilingüismo que aí vén

Valorar (71)

ROBERT NEAL BAXTER



Ao parecer, non chegou con que os Reis católicos fixesen arrincar as oliveiras do país , senón que en 2008 alguén da Universidade de Vigo tivo a brillante idea de acabar coa que quedaba no escudo desta institución para plantar no seu lugar un delirante logotipo híbrido (por non dicir bastardizado): "UniversidadeVigo". Aínda non me ficou moi claro como se supón que se tería que ler esta broma que custou os seus 12.000 €, só se me ocorre una especie de castrapo mal grafado (asturiano talvez?): "Universidá de Vigo"... E digo eu, se o obxectivo que se esconde detrás desta iniciativa consiste en reconciliar o español e o galego nun bilingüismo harmonioso para facilitar a súa comprensión para os españolfalantes, cabe preguntarse se alguén que non for capaz de intuír que "universidade" significa o mesmo que "universidad" estiver realmente preparado para seguir unha educación universitaria. E se, pola outra banda, o que se pretendía era romper co provincialismo pailán do galego, indigno dunha institución deste calibre, co fin de "internacionalizar" a súa imaxe, poderíase ir máis lonxe, borrando definitivamente a idiosincrasia lingüística nacional do novo emblema, ao optar incluso por algo do estilo: 'Universi[dad(e)/ty/té/tät/tat/teit/tà, etc.] Vigo / 维哥大学'.

Mais para alén do meramente anecdótico, sirva este de exemplo para ilustrar un fenómeno que comeza a se facer cada vez máis estendido, que vai desde o xa tristemente famoso "doa sangue, a miña xa a tes", pasando pola campaña da Xunta para promover a marca de leite "100% gal(l)ega" que "marca a diferencia", até outros exemplos que non son senón un verdadeiro insulto para a intelixencia dos españolfalantes: realmente é necesario na porta dun banco da capital colocar etiquetas coa correspondente tradución ao español de 'empuxar' (podíase ter optado por "empurrar") e "tirar/tirar" (entenderíase mellor a posíbel confusión se se tivese optado por "puxar", mais non é o caso)? Abofé que, en caso de dúbida, chegaba con probar con puxar e empurrar un pouco. O mesmo pasa cos supostos accidentes causados por condutore@s que non saben galego e que non identifican A Coruña, Ourense ou Ferrol coas correspondentes aberracións La Coruña, Orense ou mesmo El Ferrol del Caudillo (así segue a aparecer en moitas guías turísticas na rede e, sen ir máis lonxe, na web do Ministerio de Sanidade).

E que ninguén se engane. Sería de inxenu@s pensar que se traten de simples deslices, erros ou incidencias puntuais. Moi pola contra, forman parte dunha intencionada campaña de desvalorización e desgaste simbólico da lingua galega no ámbito público e altamente influínte da paisaxe lingüística, cuxa función consiste en denigrar o galego, reducíndoo a unha "fala" sen regras onde todo vale, sobre todo aquilo que o achegue para o español.

Mais aí non queda a cousa. Xa estamos afeit@s (desgraciadamente) a que na Radio Gallega se ouve cada vez máis español (non vaia ser que se molesten en procurar expert@s, tertulian@s galegofalantes), sen falar da pauperísima calidade do castrapo burlesco que sae da boca de moit@s d@s "profesionais" (non tod@s...) que chuchan do galego, mais a convivencia harmónica xa comeza a facerse sentir tamén na TVG de xeito escandaloso coa miniserie Mar Libre de produción propia en colaboración con Ficción Producciones (sic. : Versión galega do sitio coa sinopse de Conversaciones con el viento. Mar libre dispoñíbel en.... español onde algúns dos personaxes falan español. É a punta do iceberg que aproveita para se agochar detrás do discurso bilingüísta: mais, mentres o español vai invadindo os únicos espazos supostamente blindados por lei , o galego, á súa vez, non vai aflorando máis nos medios (ultramaioritarios) que son couto privado do español.

De feito, poñen o grito ao ceo ante calquera intento, por tímido que sexa, de abrir as portas para un verdadeiro bilingüismo de alto valor simbólico como posibilitar que aquel@s Senador@s que así o desexaren se poidan expresar nas respectivas linguas dos territorios que representan (nin que dicir, hai quen renega deste dereito), argumentando o custo 'elevado' de 350.000 €, equivalente a 0,63% do orzamento global do Senado cifrado en 55,1 millóns  . Seica o valor do dereito lingüístico de se dirixir ao resto da Cámara na súa propia lingua, recoñecida como cooficial no territorio que representa, é inferior á necesidade de espallar o español polo mundo, pois segundo unha fonte nada sospeitosa de ser crítica  o Instituto Cervantes non vai sufrir recortes neste momento de 'austeridade', cun orzamento total valorado en 103 millóns de euros para o 2011.

O obxectivo de todo iso é rastreiro: consiste en facer callar, de xeito simbólico e subliminar, mais non por tanto menos determinante (máis ben todo o contrario), a percepción do galego como unha sublingua que non vale por si soa e onde todo vale - fronte, por suposto, ás marabillas e glorias do español que cómpre falar e escribir co esmero que merece. Transmite a idea básica do galego como un apéndice estético e funcionalmente superfluo do español, e como apéndice que é, o mellor é arrincalo de raíz antes de que comece a causar molestias máis graves. E niso están: primeiro acantoalo, logo afogalo no boedo castrapeiro, para que finalmente vaia morrendo lentamente para que ninguén se decate.

Mais decatámonos nós. Deixémonos de caralladas: como ben demostrou a mal lograda tentativa de facer encaixar o himno galego co cante hondo, non todas as fusións funcionan. Ás veces, as cousas son unha cousa ou a outra, ou non son nada. E cando se tenta mesturar pirañas con robalizas, ninguén dubida de cal vai ser o resultado.


1 2 seguinte

[03-03-2011 20:09] José Yuste Frías comentou:

«O leite é galego» artigo no Blog de Yuste:
http://www.joseyustefrias.com/index.php/blog/item/o-leite-e-galego.html

[01-03-2011 22:42] xinelo comentou:

Bon artigo, mándao a un xornal que lea a xente!

[28-02-2011 21:18] Ana comentou:

Na Universidade de Vigo hai tempo que o nacionalismo anda desaparecido.
Excelente artigo, Neal. Canta razón levas!

[28-02-2011 10:53] Eu comentou:

O de "Universidá de Vigo" sorprende especialmente. Non había aí un rector "nacionalista"?

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña