02:48 Martes, 20 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2011

As tenras follas do nabo son os grelos, denantes de dar a flor

Nosos “brotes verdes”: os grelos

Valorar (14)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Grelos


Estamos no tempo de Entroido, cando florecen e se enxalzan en marelo de ouro  tantas tradicións de primavera. Cando canto significa o porco preside as mesas e será na compaña de algo propio, o grelo. As tenras follas do nabo son os grelos, denantes de dar a flor e que se fagan correúdas nabizas. Transcendentes saberes, sabores de terra e tempo. Por algo Galiza é o primeiro país no mundo na produción de grelos, nosos leais "brotes verdes".

E benditas sexan as festas do grelo, as que tantas veces sacan a relucir despectivamente en titulares eses entorchados políticos de comenencia, pero ben que o comen e comparten nas súas  "Grande bouffe". Os que de cando en vez empregan entre o seu castizo castrapo e con sorna palabra galegas pra facer burla ou chiste en relación coa chafallada, o rechamante, a gaita, os pendellos, o cheiro...ou o grelo. Cando somos os humanos ós que degradamos. Militancia consistente en reducir Galiza ó atraso da súa paupérrima parvidade. Os cazadores de votos deixan o idioma galego para as cousas de corte, curral e leira. As palabras e o idioma delatan o sometemento, a negación. Non se acomete coas coles de Bruxelas, nin coas pasas de Corinto, nin coa alcachofa de Benicarló, nin cos "cogollos de Tudela" ou coas  fresas de Aranjuez ou o os allos de Chinchón... Cousa ben diferente a que fixo Álvaro Cunqueiro coa apoloxía dos produtos da terra e da nosa cociña, incluso fabulando mitos ó seu redor, entre eles o grelo. Hortaliza que ben merece o seu poemario aparte, pregóns, os seus bodegóns e monumentos, os que xa vai tendo como parte do "news márketing" popular, que tamén implica empaquetado e propaganda de marca e orixe. A agradecida intuición lévanos a enxalzalo en festas, premios, dándolle o seu nome a colectivos, incluso en revistas "O Grelo de Galicia. Grelo celebrado do nas Pontes, en Monfero, en Ordes, na, na Limia, na Terra Cha, e que incluso titulará un premio " O Grelo de Ouro",  como si fora un Óscar de Holliwood á luguesidade...Máis brandos e suaves de sabor, máis fortes e diferente. ¿E como non? gabado como parábola evanxélica polo reverendo don Manueliño Guerra, cura párroco das ribeirás terras de Banga , o que baixaba á Terra os misterios do Ceo: "A Santísima Trindade, son tres nunha: como o nabo a nabiza e o grelo".  E engadiría tamén a dualidade nabo-grelo, como home-muller, tebras-luz, terra-ceo.... Ante todo planta práctica: nabo que  esnaquizado, en auga morna e con fariña dáselle ós porcos e a nabiza para o outro gando. Trindade que pra ben de todos e pra a súa honra, onde o celebramos mellor é sobre a mesa e o prato, entre as restras de chourizos,androlla, cachucha, lacón, capón e todo o demais do cocido galego. 

O grelo é o que agroma, velaí a orixe do nome: o  brote tenro do nabo. Por iso mesmo os portugueses e brasileiros chámanlle ó clítoris "grelo"...e velaí a sorpresa dos lusofalantes cando metidos nestas normalidades de por aquí  escoitan que pedimos unha ración  de lacón con grelos. Na Coruña aínda quedan sectores que lle chaman tamén os grelos "cimos" ou "xenos", como fan os portugueses. O cimo ou o xeno  é o que se xera, as follas derriba do nabo, raíz á que tamén se lle dan as consabidas connotacións sexuais masculinas.

E aínda que lle pese ós que se burlan desta "Brássica rapa" que é o nome  "fino" e científico do grelo, foi recoñecido como alimento de calidade e saudable pola Comisión Europea, tamén tema de congreso e simposio internacional. Incluso se discute e aprópiase a súa orixe, que si ven de Asía ou de Europa...que si xa os celtas facían seus caldos rituais nos caldeiros tribais. Vella e sabía tradición do pote e da cunca conservada polos galegos i entregada ó mundo global máis aló diste noso "telón de grelos" que di Xosé Manuel Pereiro, para que agora compitan e nos ofrezan grelos de Navarra e de Australia, como pementos de Padrón de Marrocos ou anguías do Miño de Terres del´Ebre... Saberes e sabores que propagandizan lugares: Patacas de Coristanco, Ostras de Arcade, queixo de San Simón, pan de Cea, amendoados de Allariz, Cañas do Carballiño, Ribeiro....Esa relación terra, clima e  suma de coidados artesanais, dos que non saben as máquinas. Grelos  mimados, protexidos das xeadas, da chuvia... cortados a man. E esa  nosa "delicatessen" compre pagala.

Tentamos demostrar que o "brote verde" do grelo non é unha coña, unha inconsistente metáfora política. Ven a ser como a artillería natural coa que amainar as crises. Cada inverno está sobre as cestas ofrecéndose a pe de estrada, nos mercados de aquí e acolá e sobre as máis competentes mesas, asociando Galiza e  á  variedade de produtos do seu agro e do seu mar.  Pola contra reducímonos a ser consumidores e non produtores e, para autoflaxelarnos aínda vendemos o dos demais.  

O grelo recorre o mundo, está alí onde hai un galego, no Amazonas ou no Vaticano. E xa os xaponeses e os chinos toman nota dos saberes dos demais. Mellor ó natural, eses monllos, pero tamén o hai enlatado: historia que se perde nos anos 30, cando o empresario soriano asentado no Rosal, Xosé Sánchez García crea a primeira industria de conservas vexetais, empezando polas froitas e os pementos, para nos anos sesenta enlatar os grelos. Iniciativa que causou as conseguintes lerias e retranca entre os paisanos. Tamén se preocupou destes brotes de país a agudeza da empresa,con nome anglosaxón, "Obenfield" de Lourenzá que o exporta polo mundo.

O grelo sae da "cociña de aldea", da cociña probe e tradicional, coa que asociamos a cociña galega, parar interferir, con nome propio e acento nesas novas despensas e cociñas que mais parecen quirófanos e nas que operan os chef de nomes propios, divinizados, tocados de amidonados gorros plisados de gorras Rembrandt ou exóticos panos pirata. E no menú asoma un grelo promiscuo: ensalada tibia de grelos con anchoas, con espaguettis, con robaliza, rodaballo... Grelos confeitados, "fussioncook", en morcilla, tortilla, pastel de grelos con lagostinos, con ameixas e berberechos...pero ante todo inseparable do lacón ou simplemente dos ovos coidos.

Rico en vitaminas, antioxidantes, minerais, como o calcio, ácido fólico, glucosinolatos e isocitianatos, e que os sabios din que prevén contra o cancro e as infeccións. Diurético, dixestivo, beneficioso pro cabelo, as unllas, os osos, a visión, baril pras dietas adelgazantes. O americano Popeye xa se encarga de popularizar as latas de espinacas e todos os nenos do mundo comen espinacas como o mariñeiro ianqui... sen saber que o grelo galego, que ben puido tomar Breogán, lle multiplica en propiedades.

Benditos sexan eses nosos "brotes verdes".


[25-02-2011 11:29] Paco comentou:

Nalgunhas zonas do Barbanza tamén lles chamamos "Xenos" aos gromos que botan os repolos despois de cortarlle a cabeza. Antigamente tamén se aproveitaban os que botaban as coles (verdura dos animais).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña