22:22 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-02-2011

"Caín ao suelo ao cruzar a carretera e lastimeime na rodilla"

Pequenas reflexións sobre castrapismo e outras patoloxías relacionadas

Valorar (15)

ELADINO CABANELAS FERNÁNDEZ


Angazo


Cando eu era cativo o meu pai relatoume un vello conto que acontecera na súa aldea. Pasado o tempo, cando medrei, souben que a historia non pasara exactamente na súa aldea (ou si) mais o certo é que esta se contaba por todo o país, chegando a ter varias versións. O conto en cuestión falaba do fillo dun labrego que chegara á aldea retornado logo de "servir al rei" seica que por terras madrileñas. O mozo, supoñemos que xa home por aquilo da utilidade que sempre tivo o servizo militar á hora de aumentar masculinidades e virilidades, volveu á súa terra falando un "castellano" do máis fachendoso e soberbio. O caso foi que este mozo, estando co seu pai no eido, fixouse nun angazo tirado no chan cos dentes cara arriba. Sinalándoo coa punta do pé preguntoulle con chanza ao seu pai "Mire, padre, y este bicho ¿qué viene siendo?" ao que este lle respondeu "Pero fillo, en tan pouco tempo xa esqueciches o nome das ferramentas?". O rapaz, que ao mesmo tempo moitas luces non debía ter, pisou con máis forza da debida nos dentes do apeiro coas consecuencias que podedes imaxinar mais tamén para ledicia do vello quen, ao tempo que sentiu o golpe, oíu ao seu fillo dicir "carallo pro angazo!".

Esta pequena lembranza coa que, a modo de brincadeira, quixen comezar o texto veume ao caletre pensando no meu propio fillo quen, cando era moito máis pequeno -hoxe xa me saca media cabeza- e sendo galegofalante, daquela por convicción materna e paterna e hoxe, por sorte e riqueza para el por convicción propia, cando iamos á praia, no lote de trebellos infantís levaba obrigatoriamente un caldeiriño, unha pá e un angazo de plástico (a orixinais non nos gaña ninguén). Pois ben, dende que o neno aprendeu a falar, os nomes que lles daba aos enredos eran caldeiro, pá e angazo ata que un ano, curiosamente o ano no que comezou a súa escolarización, ao chegarmos ese verán á praia o caldeiro seguía sendo caldeiro, a pá, pá mais o angazo mudara de nome pasando a ser un "rastrillo". Non houbo maior problema que un par de explicacións e a ferramenta estival volveu á súa denominación correcta.

Sirvan os dous exemplos como imaxe do que pasou secularmente co noso idioma e que hoxe, tras décadas de ensino regrado do galego e tras unhas políticas lingüísticas inoperantes, ineficaces e cativas, lonxe de mellorar, acrecentaron o problema. O que debería ter sido a recuperación en democracia de utentes libres e convencidos da lingua galega, porén, converteuse na etapa histórica na que o seu uso deveceu a maior velocidade. Ao tempo o, propio ensino da lingua, lonxe de introducir pureza e coñecemento do idioma propio foi asentando e agrandando o fenómeno -e aquí quería chegar- da castrapización ou castrapismo.

A importación de  termos alleos ou foráneos que sempre existiu entre as linguas e que, polo tanto, no galego non ía nin podía  ser doutro xeito, foi medrando en velocidade, foise acelerando ao mesmo ritmo co que se perderon habitantes no noso medio rural cara ás grandes vilas ou cidades. A forte presenza do castelán como lingua de uso no mundo urbano unida á presidencia que nas nosas vidas teñen os medios audiovisuais, nomeadamente, a televisión fai que o galego, de non aplicarmos de inmediato políticas lingüísticas eficaces e valentes, acabará nun prazo moi curto (como sempre quixeron algúns) convertido nun dialecto do español.

Varios son os síntomas ou as patoloxías deste mal, agardemos que curábel. Deles, para min, hai dous que destacan dun xeito máis que notábel. Por unha banda, como xa dicía hai un chisco, está o castrapismo. Cada vez máis os e as utentes do galego empregamos na nosa fala verbas castelás (cando non e xa, inglesas. Pensemos en quen usa un computador e fala do mouse) esquecendo nuns casos o vocabulario de noso e noutras, directamente, e por comodidade ante accións ou conceptos novos adoptamos o termo de fóra en lugar de buscar dentro ou no irmán portugués o referente lingüístico. Un exemplo disto e que calquera de nós, sen pensar, identificaría como galego: "Caín ao suelo ao cruzar a carretera e lastimeime na rodilla". Evidentemente nun galego correcto a frase debería ser: Caín ao chan ao cruzar a estrada e manqueime no xeonllo".

O outro síntoma sucede tanto pola propia influencia gramatical do castelán, froito do ensino e da propia situación política do noso país como, e isto debería ser positivo se non tiver certo efecto de contaxio, pola incorporación de neofalantes procedentes do idioma da Castela. Refírome sinxelamente á má colocación dos pronomes. Non é nada raro, máis ben todo o contrario, escoitar incluso de activistas defensores do galego ou de políticos relevantes (o señor Feixóo é quizais o maior expoñente desta deturpación gramatical) dicir a cotío cousas como: "o fixemos como garantía de...", "o volvería facer, señor...", "eu llo pregunto...", etc., etc.

E se xa, para desgraza da lingua e nosa, unimos os dous síntomas na fala, a combinación estoupa como un cóctel molotov nos oídos de calquera cun mínimo agarimo pola pureza do idioma: "Caín ao suelo ao cruzar a carretera e me lastimei na rodilla".

Lembro e recomendo un artigo que aló por xuño do 2008 escribiu en "El Correo Gallego" Helena Villar Janeiro, baixo o título "!Non me toque os pronomes!, no que, moitísimo máis atinadamente ca min, a escritora falaba deste grave problema para a nosa lingua.

Se aquí falo de síntomas, de patoloxías ou de enfermidades supoño que tamén se debería falar de curas -non dos da sotana aínda que tamén podían botar unha man ou as dúas se quixeran- ou de sanacións. Na teoría é sinxelo e fórmulas máxicas hai moitas.

Se os e as falantes do idioma buscaramos persoalmente mellorar a nosa fala. Se o ensino profundara bastante máis do que o fai en aumentar a riqueza léxica do alumnado. Se buscamos termos para conceptos ou situacións novas na nosa propia lingua ou, como xa dixen, no irmán portugués. Se medrara o número de medios de comunicación na nosa lingua. Se as empresas, os bancos (non conto ás caixas porque como non vai haber), as compañías de servizos tiveran en conta a realidade lingüística de Galiza. Se...

Semella que máis que fórmulas máxicas estiven facendo a Carta aos reis ou ao noso querido Apalpador porque de seguirmos así, de continuarmos polos mesmos vieiros polos que andamos, de non actuarmos de inmediato, esta relación de posíbeis solucións vaise converter nos soños nos que andaba a leiteira no coñecido conto e, cando esteamos chegando á fonte, o máis probábel é que a cántara escache, botando por terra a ilusión de que a nosa lingua goce de mil primaveras máis.

Reitérome no que noutros artigos e neste mesmo medio levo dito. O futuro do galego non pasa xa polo ensino, que tamén. Non pasa pola reivindicación, que tamén. Non pasa pola denuncia, que tamén. O futuro da nosa lingua, hoxe máis que nunca, pasa pola política, ten que pasar, irremediabelmente, por políticas e políticos concienciados de cal é a súa misión cara o futuro como país diferente e diferenciado e de cal é a súa responsabilidade co noso pasado.

E cando me refiro a política non estou a falar só do Parlamento, senón e agora que entramos de cheo no proceso de elección dos nosos e das nosas representantes máis achegados a nós, saiban estas e estes do importante traballo que dende os diferentes departamentos da normalización lingüística municipais se pode facer. Un concello concienciado e preocupado pola lingua acaba creando sen esforzo, e dende a normalidade máis cotiá, cidadáns e cidadás asemade concienciados. Se as e os gobernantes de máis preto empregan de vez e sen vacilacións as ferramentas das que dispoñen é posíbel que a cántara coa nosa lingua chegue enteira ás bocas sedentas do futuro.


[03-03-2011 19:46] L. Ferreira comentou:

O futuro do galego pode ser moi negro na Galiza. Pero, como xa teño pensado por veces, o galego non morrerá encanto houber xente a viver no rectángulo territorial ao sur da Galiza, no Brasil, etc. Pena é que morra (eventualmente) na terra donde é orixinal. Que triste sería unha familia galega no futuro visitar Portugal e oírse este comentario: "Mira fillo, neste país falase a língua dos nosos antepasados."

[26-02-2011 18:53] jose antonio comentou:

o futuro do galego é moi negro. Xa non é tema da política nin dos políticos. É problema dunha cidadanía galega que, con excepción dunha minoría que temos conciencia de noso, presenta un desleixo cara a lingua e a todo o galego. Vexoo por meus fillos (ou por ese noxento programa chamado Gran hermano) os tópicos negativos seguen vixentes entre a xente moza. Non é un problema de castrapismo (todos os que temos unha idade fomos educados en castelán e é normal que teñamos erros). O problema é, agora, de supervivencia. Penso que non é o momento de preocuparse da pureza do idioma. É momento de facer cousas para prestixialo e que o idioma sobreviva. É momento de buscar referentes (xentes que sexan populares e famosos e que se amosen como xente moderna que fala galego). Logo, cando o idioma sexa algo prestixiado xa nos preocuparemos de purificalo e melloralo.
Porén, son pesimista. Non vexo futuro (sintoo). Vivo na Coruña e non vexo xente moza que o fale e o problema é que as novas xeracións están sendo educadas por pais que xa non lle falan galego aos fillos e éste só teñen un moi pequecho contacto con el nas escolas.
Gustaríame estar errado pero... Todo o anterior non quere dicir que non pense que debemos loitar por el.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña