17:54 Domingo, 26 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-03-2010

Aproximámonos á iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada pola plataforma cidadá para garantir os dereitos lingüísticos nos ámbitos do ensino e das administracións públicas

Queremos Galego: o que se non?

Valorar (4)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA


Non é a primeira vez que se promove unha ILP no país relacionada cun asunto crucial para o noso futuro colectivo: aínda recentemente, o Parlamento –tras as admitir a trámite a na pasada lexislatura –asistía á primeira fase do debate da promovida pola CIG para a eliminación do chamado plus de altos cargos e mais da impulsada desde a plataforma “Rumbo 21”, pola que se demanda o levantamento do veto á construción naval civil para o complexo industrial da Ría de Ferrol. Aínda nos comezos da lexislatura anterior, asistíase á aprobación inicial –e posterior tramitación legal –da ILP para a defensa dos ríos galegos.  

Cando se constituíu formalmente a plataforma cidadá Queremos Galego anunciouse que un dos eixos fundamentais de actuación da plataforma sería a promoción dunha ILP para alicerzar e garantir os dereitos lingüísticos das e dos galegos, tomando como referencia un texto tan pouco sospeitoso como o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado en setembro de 2004 coa unanimidade das tres forzas políticas do Parlamento como “folla de ruta necesaria” para garantir, como o propio PXNLG indica, “que as galegas e galegos poidan vivir na súa lingua propia”. O que hai non moitos meses era para o Conselleiro de Educación, o inefábel Jesús Vázquez Abad, “un simple remuíño de ideas” (frase nada menos que pronunciada desde a tribuna parlamentar!) semellaba válido para aquel tempo, non moi remoto aínda, no que o actual Presidente da Xunta era vicepresidente dun executivo aínda presidido por Manuel Fraga e nun contexto de maioría absoluta do PP na cámara, como o actual.    

Unha vez que o Parlamento admite a trámite unha ILP, a Lei obriga a recoller 15.000 sinaturas válidas de cidadás e cidadáns maiores de idade que ostenten a condición política de galegas e galegos (é dicir, que figuren censuadas/os nalgún dos 315 concellos da Galiza administrativa) durante un período máximo de 4 meses.     A oportunidade que se nos presenta é de ouro, primeiramente para seguir a estender e afortalar a amplísima (e para algunhas e algúns sorprendente) mobilización social arredor da defensa da lingua e, por outra (e non menos importante), para facer pedagoxía nas distancias curtas e esclarecer cal é a verdadeira situación lingüística na que está o país, desfacendo os tópicos e discursos da galegofobia que tanto dano están a facer e que tan interiorizados teñen mesmo quen menos imaxinamos.    

Poucas ocasións son tan propicias, e tan dilatadas no tempo, para percorrer o país enteiro, botarse ás rúas, ás prazas, aos adros e aos camiños, e facer por achegarse a sectores da poboación aos que noutras circunstancias sería ben máis difícil ou inusual chegar. Podemos mobilizar puntualmente para unha data ou no marco dunha campaña concreta, mais podemos contribuír a crear consciencia lingüística. Todo un reto, mais tamén toda unha necesidade.     Sabemos, por suposto, da incomodidade que ao inimigo lle supón vernos nas rúas, que segue a considerar da súa exclusiva propiedade. E máis aínda do arrepío que lle causa chegarmos co noso discurso a grandes sectores da poboación, sen filtros mediáticos que eles poidan controlar e cos que poidan caricaturizarnos. Sabemos, por iso, que van querer pór todos os atrancos posíbeis, a comezar polo de facer valer a súa exigua maioría parlamentar para impediren exercermos os nosos dereitos democráticos. Non importa: co seu visto e prace ou coa súa oposición, non evitarán o inevitábel: que este pobo siga a mover e a construír a súa Historia e, por aí, a gañar o seu futuro. Terannos na rúa, mal que lles pese.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña