02:57 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-02-2011

Vivimos nun tempo que eufemisticamente autoproclamamos era do coñecemento

Educación dixital: fascinación tecnolóxica ou solución pedagóxica?

Valorar (21)

XOÁN COSTA



Vivimos nun tempo que eufemisticamente autoproclamamos era do coñecemento e, sumidos como estamos en contemplar os avanzos que en materia tecnolóxica nos circundan, inmersos nesa mudanza tan necesaria como complexa, que a miúdo produce en nós máis fascinio do que verdadeira solución ás necesidades comunicativas que precisamos, resulta tópico afirmar que un dos retos que ten que abordar a sociedade actual é a implantación da denominada educación dixital  e por esa porta entramos de cheo na Escola 2.0, un concepto formativo-educativo que se ubica para alén do ensino regrado e pretende estender os seus efectos a  toda a sociedade. 

Se reflexionamos sobre a evolución tecnolóxica nos últimos anos decatarémonos de que unha persoa, independentemente da súa idade, conectada ao ciberespazo pode realizar unha multitude de actividades: facer amigos, revisar a conta bancaria, encontrar parella, pagar impostos, debater sobre unha temática, xogar, escoitar a radio, comprar un billete de avión, poxar por un libro, alugar un coche, descargar un podcast... Significa isto que xa é unha persoa dixitalmente formada?

Navegamos entre etiquetas que nos falan de sociedade da información ou de  centro educativo dixital, definido, por utilizarmos palabras da Consellaría de Educación, como aquel que dispoña "de recursos humanos e pedagóxicos, así como de infraestruturas e servizos axeitados para o uso cotián da tecnoloxía por parte de todos os axentes da comunidade educativa, na actividade docente, de aprendizaxe e administrativa".

Ora, se estes son os obxectivos, difíceis  mais non imposíbeis, afastados mais non inalcanzábeis, desafortunadamente a tendencia da administración en xeral e da educativa en particular vai máis por percorrer á vía da dotación en infraestruturas tecnolóxicas dos centros do que cara a fomentar, simultaneamente, o cambio de hábitos educativos, un cambio que, insistimos, se ha de centrar máis nos aspectos socioeducativos, en fomentar unha verdadeira educación dixital, sustentada, obviamente, en elementos tecnolóxicos, como sucedeu en cada momento da historia dependendo da tecnoloxía presente en cada época. Obxectivos que están aínda ben lonxe de ser unha realidade  por estarmos a percorrer un camiño que non atende suficientemente os aspectos socioeducativos, pedagóxicos e actitudinais que todo cambio tecnolóxico leva consigo.

Neste camiño de crear accións para  provocar un cambio social que nos adentre polos carreiros da educación dixital a Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) acaba de pór en marcha unha iniciativa, denominada e-ducando que pretende abordar a progresiva implantación da educación dixital facilitando un acceso óptimo e seguro das xeracións máis nova ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, ao mesmo tempo, permitindo un maior coñecemento por parte do conxunto da sociedade das súas potencialidades e perigos. Porque cada vez se fai máis evidente, nun mundo que se autodefine como global, que a educación ten que ser un proceso social e socializador e de que de nada vai servir termos o máis moderno equipamento se logo, no ámbito familiar, no traballo, no tempo de lecer, no conxunto de actividades da sociedade non se percibe que a tecnoloxía é só un instrumento aínda que adopte fascinantes formas novas nunca exploradas totalmente.

Poucas son neste momento as iniciativas non lucrativas que un galego ou unha galega pode atopar para se guiar neste confuso mundo do ciberespazo. Por iso son de salientar as levadas a cabo pola AS-PG a través de e-ducando e de espazos web de caracter socieducativo, un lugar para achegar a realidade do ciberespazo a todos e todas, porque o ensino dixital, a cultura dixital, tamén ten que ser universal, de acceso gratuíto, afastando toda posibilidade de fomentarmos a discriminación e, desde logo, coa convicción de que tamén desde Galiza e desde o galego temos algo que dicir no mundo real. De aí que o obxectivo da AS-PG vaia máis alá de contar con outro portal web para tentar criar unha comunidade de usuarios e usuarias interesadas nesta temática, un lugar para comentar novas, participar en enquisas, acceder a cursos formativos, indicar suxestións e preocupacións ou mesmo catalogar recursos dixitais considerados de interese. Son iniciativas tendentes a abordar de modo global a problemática da implantación da educación dixital, porque o Sistema de Educación Dixital,  aínda en fase xestante,  ten que ser un sistema dinámico e en continua evolución que nos obrigue a estar pendentes dos avances tecnolóxicos e a visualizar os posíbeis usos das novas tecnoloxías nun contexto pedagóxico en que as metodoloxías de educación presencial e as metodoloxías de educación non presencial se teñen necesariamente que complementar..

A educación dixital obríganos a reconducir o modelo actual  e convídanos a analizar a educación presencial desde un novo paradigma, onde o profesor deixa de ser o posuidor e transmisor do coñecemento, para converterse en guía e facilitador do proceso de aprendizado do seu alumnado para lograr o obxectivo de fomentar a aprendizaxe autónoma nun ambiente de interacción e traballo colaborativo.

Lamentabelmente, o sistema de formación e actualización do profesorado  que se puxo en marcha, concretamente a través do Proxecto Abalar, atende exclusivamente a introducilo, ao profesorado,  no manexo da tecnoloxía, esquecendo completamente o seu papel didáctico e a súa función pedagóxica, porque a educación dixital non se pode cinxir a que o alumnado dispoña dos materiais tradicionais nun formato diferente ao formato papel.

Cinxirnos só á compra de tecnoloxía non vai servir para modernizar o sistema. Servirá, en todo o caso, para aumentar a contas de grandes empresas que ven no ensino un negocio de futuro. Non esquezamos que este é un mercado que conta con máis de 1000 millóns de potenciais clientes, case 60 millóns de traballadores e traballadoras e move ao ano en todo o mundo máis diñeiro que a toda  industria do automóbil. Por iso adaptación do modelo formativo ás novas tecnoloxías  é un clamor do mundo empresarial, primeiro  pola inmensa cantidade de diñeiro que supón a dotación en material (ordenadores, telefonía, programas, etc.); e segundo por ser  a formación a distancia unha das vías prevista para a formación permanente, tal como expresa a Comisión Europea cando di que se trata de "por todo o potencial das novas tecnoloxías ao servizo da calidade e da formación ao longo de toda a vida", desviando cara ao individuo a responsabilidade da súa propia formación se quere manter o nivel de competitividade. Tamén neste camiño están todas as fusións e movementos que se están a dar, ou xa se deron,  no mundo da comunicación: neste olimpo están xa Microsoft, AOL-Time Warner, Bertelsman, o grupo Prisa e sobre todo a francesa Vivendi Universal, que ocupa o segundo lugar en exportación de servizos educativos de todo o mundo e que acaba de lanzar unha ofensiva para aumentar a participación no mercado dos estudios superiores, nun momento en que as universidades virtuais se multiplican por todo o mundo con propostas de formación que o sector empresarial precisa controlar.

A formación, a educación, regrada e non regrada, preséntanse como o grande espazo en que facer negocios nos próximos anos e nese espazo terán o seu lugar as innovacións tecnolóxicas. Procuremos que fique tamén espazo para as persoas, docentes e discentes, tendo sempre presente aquel proverbio africano tantas veces citado: " Para educar un neno, unha nena, -unha persoa, engadimos nós- precísase toda a tribo"

 E isto segue sendo válido aínda que a tribo agora  teña formato dixital.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña