18:32 Xoves, 14 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-03-2010

Feijoo conmemora a vitoria electoral acompañando ao séquito eclesiástico a entrevistarse co Papa

Aniversario no Vaticano

Valorar (3)

ALBERTE SOUTO SOUTO


Visita ao Vaticano

As imaxes e declaracións sobre o devandito acto solemne reflexan un encontro onde o mandatario civil Feijoo puxo en escea un guión clásico, desempeñando o papel agardado sen improvisar apenas unha liña, cedendo autoridade e rendendo pleitesía perante o nuncio divino. Non se podía pretender menos dun Presidente da Xunta que, ao longo dun ano, amosou folgadamente a súa vocación de non incomodar, e menos tentar mudar, nada do “establishmet” vixente, dun xeito significativo no que atinxe á relación de Galiza co Estado. Feijoo demostrou sobradamente ser un home fiel á idea centralista que o seu partido ten do Estado español, afanado en avanzar a toda costa a uniformidade lingüística e económica, en subliñar que o poder central debuxa os trazos xerais, e Galiza existe para acatalos.  

Quer na política lingüística, quer na política económica, quixo ademais demostrar ser alumno avantaxado, apoiando as teses máis estremistas: abrazando e aplicando o discurso aniquilador da diversidade lingüística e cultural sobre as bases da liberdade duns poucos; exemplificando na execución do seu programa económico que está disposto a cumprir a ortodoxia neoliberal, enarborando austeridade para enmascarar o abandono desde os poderes públicos dunha política de gasto público que teña por finalidade corrixir as desigualdades sociais e ao servizo da redistribución equitativa da riqueza.  

A estratexia despregada para defender a opción maioritaria en Galiza a prol dunha caixa galega e dun novo marco legal que afortale o seu papel como principais instrumentos financiadores da economía galega tamén, malia esgrimir unha resistencia granítica, demostra o sometemento a un modelo de relacións entre Galiza e o Estado baseado na subordinación. De que outro xeito se pode interpretar que aceptase un esquema de diálogo-negociación onde o Goberno central nada menos que interpreta a Constitución? Como pode admitirse que a capacidade das institucións galegas ha de estar visada polo Goberno central en base ás intencións e prioridades deste? Evidentemente, só no caso de que se partille e comprenda axeitado ese proceder por ter fundamento nunha relación xerarquizada, e mesmo se estea disposto a imitalo cando varíen as tornas en vindeiros comicios electorais.  

Após a recepción privada, baixo os focos públicos, asistimos ás declaracións, valoracións e impresións da audiencia co Papa, onde emerxe a figura de Feijoo, malia ser convidado dunha expedición eclesiástica, discurseando baixo un rexistro oratorio no que quer deixar que se note a reverencia persoal ao modelo de organización social instituído pola Igrexa Católica e que se atopa en representación de todas as galegas e galegos. Unha proba palpábel de como, parello a outras ocasións, Feijoo non perde ocasión de tirar proveito de situacións nas que nin el nin o seu Goberno apenas axiron, simplemente viñéronlles dadas, para retorcer os feitos e dar a súa apropiada visión e interpretación dos feitos.  

O colofón final vén da man dunha retórica que emprega unha linguaxe martelante pero repregada en ideas básicas e conceptos común, que serve para encapsular a áurea presidencial. Finalmente quen enche os titulares é o Presidente, a visita semella ser organizada baixo a súa responsabilidade, non por unha comisión eclesial, e formando parte do deseño do renqueante Xacobeo 2010.  

Eis todo un proceso de realidade virtual servida como información real, como acontece con toda a acción do Goberno Galego ao longo dun ano. Un mandatario que di defender a Galiza en correspondencia ao rango que ocupa, sen que iso poida quedar anulado polo seu furibundo ataque ao máis senlleiro sinal de identidade de Galiza, a lingua propia. Un presidente que fala en nome da liberdade con letras capitais para reverenciar unha institución que aplica un modelo social baseado nun ditado moral ideado e interpretado até as últimas consecuencias pola súa xerarquía.  

Atravesamos unha crise económica que estourou a causa da fraude. Non só  veu da man do engano contábel, tamén polo xeito en que sen narraba un modelo desenvolvemento económico e político orientado á burbulla. Para tentar descubrir a realidade ante unha fraude, no eido xurídico, importouse a teoría coñecida como “erguer o veo” (“lift the veil”), consistente en afondar e analizar acaídamente unha secuencia de feitos, mesmo desbotando imposturas, para achegarse á realidade. Á vista dun ano de Goberno, non fiquemos fitando só para o pano que o recobre, ergámolo para saber realmente o que agocha debaixo. Algo xa imos intuíndo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña