02:10 Martes, 20 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-02-2011

A sociedade degrádase pola interferencia deste virus social

A institucionalización dos calotes, os timos, as estafas...

Valorar (12)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Caloteira (Debuxo de F. Senen)


Neste mundo de listos, inxenuos e pampos, de realidades e de teatro,  de xustos, pecadores, de pequenos e grandes impostores, onde se segue a  venerar a San Dioni e a todo descarado, os verbos timar ou estafar conxúganse en toda a súa extensión. Segue o fluír da tradición hispánica dos pícaros e dos pillos. Velaí que a verba "timo" é un dialectalismo madrileño. Vellas técnicas do engano, agora melloradas polas novas tecnoloxías, que tanto se aproveitan da ignorancia como da ambición, dos vicios ou da mesma inxenua confianza da xente. A sociedade degrádase pola interferencia deste virus social. Avólvese o encontro natural para as transaccións e as relacións: política, economía...  Coa ansia de previr este andazo seméntase e medra a desconfianza, o individualismo. Tamén se crean enxeñosas argucias e até poida que o timador saia timado. Efecto búmerang: as consecuencias petan nas arcas do Estado e máis aínda no peto do traballador. Os xulgados e a benemérita non dan feito. 

A crise faise integral, ten a súa causa e os seus múltiples e variados efectos: demagoxia, teatrais falacias, suplantacións, falsificacións, manipulacións "veniais" e "mortais", con  gancho ou sen gancho, que se estenden e proliferan co móbil, por internet, pola "democracia" mediática, como  o "phisihng"  ou pesca de claves. Calotes e caloteiros, aínda dicimos por aquí, que agora se reciclan  e mundializan coa enxeñería dixital para enganos con base en China, Xapón, Brasil ou en calquera piso das cidades...que piden claves, datos que permiten acceder a contas ou servizos para logo ter uso alleo.

Sedutora pesca, xeralmente con cebos de lucro ou falsa caridade, que enredan,  buscan a confianza das súas vítima, para  provocar o despiste e cometer o fraude. "Modus operandi" con máis ou menos astucia e sofisticación, ás veces tamén xenialidades. Enganos tramados por individuos solitarios ou por redes mafiosas, nacionais e internacionais. Algo máis que argumentos de cine.

A crise, que ten causa e solución política, pon a proba a capacidade creadora individual e colectiva  para resolvela. Sálvese quen poida. E hai uns que tamén o fan  en detrimento doutros. Do tradicional timo da estampiña e da rúa á estafa maiúscula dende o despacho, pasando por todas as gamas: a man limpa, con guante branco, negro.... Crávase por detrás e por diante, en letra pequena e de molde, individual ou colectivamente, políticos, relixiosos, empresarios, prometendo ouro i entregando bixutería.

Antes de que houbera tantas fiscalías, un valedores e defensores do pobo,  oficinas do consumidor ou do pácente para previr as falcatruadas, xa había escola de pillabáns, de caraduras disfarzados de humildes e legais cidadáns , que petan na porta da casa ou paran na rúa, ofrecendo, contando historias ... falsos traballadores  que se din do servizo do gas, da electricidade, da telefónica, do concello ... Vellos timos de gato por lebre, de matute de taberna e trampa na báscula, da moeda e da lotería falsa, de tómbola, dos "trileros" do rastro, do "tocomocho" do boleto premiado", de promesas de viaxes felices, de ovnis e aparicións, de elixires, xaropes, crecepelos, aparicións, milagres, adiviñación... Timos que van medrando de escala e pasan polos casinos e as tragaperras, polos tratamentos de beleza, as axencias matrimoniais, a droga, as falsificacións.... o "Compro Oro, brillantes, joyas....obras de arte", o ouro que é moeda global a prezo de moeda depreciada. O engano democratízase, normalízase e globalízase a través de todos os medios. Pesca maiúscula por parte das depredadoras quenllas financeiras, a televisión, a telefonía, os bancos, as imobiliarias, a empresa; na factura da auga, da luz, por "conceptos" que nos enchen de interrogantes e roen os números da conta de aforros, por "comisión", "mantemento", "tramitación"...  e mesmo se tima ós mortos, co que non lle compre....Timos que xogan coas palabras, coa letra pequena, coa purpurina e a bixutería, que  inquisitorialmente se fan por goteo, euro a euro, ou con maletín.

Na máis recente memoria colectiva, aquela de "El Caso", están os affaires do franquismo, o de MATESA, REACE, aceite de Redondela, o do alcohol metílico, e máis achegado, no 1981, o envelenamento masivo polo aceite de colza, con tan tristes consecuencias e secuelas. Seguidos do timo da inversión en selos falsos, de  AFINSA e o Forum Filatélico....entre as infindas gamas imobiliarias que desbarataron tantas ilusións e incluso vidas. E para previr o tradicional andazo social  tanto aparato: xefaturas, secretarias, subsecretarias, delegacións, servizos de inspección, do estado, das autonomías, das deputacións, dos concellos....

O Dereito Penal, nos artigos do 248 ó 251 e o 623 establece castigo, cárcere ós que cometen este tipo de delitos. O caso é dar co estafador e probar o delito. E xa se sabe os mareos que causan cando se entra nestas voltas e reviravoltas do dixo e desdixo. Non é fácil probar este tipo de delitos, feitos con intelixencia para caer na aceptación da trampa.

Primeiro enxergar a situación da crise imperante o redor e armarse de todos os sentidos. Asumir que algo non funciona ben na convivencia, na orde política. Unha grave aviría no barco común.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña