01:56 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-02-2011

A folga xeral galega do 27-X contra do retallamento e o empobrecemento do sistema público de pensións foi un rotundo éxito

27-X, un éxito do nacionalismo galego

Valorar (9)

XABIER PÉREZ IGREXAS


Castelao (o paraño)


A folga xeral galega do 27-X contra do retallamento e o empobrecemento do sistema público de pensións foi un rotundo éxito. Non só polo acerto do sindicalismo nacionalista e de clase de a convocar en solitario, perante a actitude pactista e entreguista das centrais estatais, senón polo que evidencia esa decisión a respecto da liña de posición que mantén a CIG, que é absolutamente correcta. E tería sido un éxito tamén malia que non tivese acadado o nivel de paro laboral ou de mobilización que nesa histórica xornada se rexistrou.

Falo de éxito político, desde a concepción de que o eido sindical non debe ficar alleo nin isolado da loita política, pois é tamén nesa trincheira  -e mesmo na estritamente electoral- onde se dirimen cuestións fulcrais que afectan e condicionan ás clases populares. Foi un éxito político porque esta convocatoria serviu fundamentalmente para incidir na conciencia do pobo traballador galego, visualizando unha alternativa diferente ao discurso oficial ou sistémico -que promove a desesperanza-, e tamén afondando na súa propia conciencia de clase. É precisamente a conciencia o alicerce fundamental sobre o que haberemos de asentar o avanzo do proxecto político, emancipador en chave social -xa que logo, de clase- e nacional que representa o nacionalismo.

Ficamos pois tamén diante dun éxito do nacionalismo. Un éxito do movemento nacionalista galego, que algúns quixeron hai tempo dar por finiquitado, pois a convocatoria do 27 de xaneiro evidenciou con nitidez a articulación coordinada do conxunto das organizacións nacionalistas, desde o sindicato até a fronte política pasando polo rico e dinámico tecido de organizacións sociais e de masas. A firme posición do conxunto do nacionalismo tomando partido a favor das clases traballadoras, colocándose ao seu carón na liña de trincheiras fronte os ataques dos gobernos central e galego -submisos aos intereses da oligarquía española-, non é  nin casual nin gratuíta, senón que amosa con claridade a súa definición política.

Ao fío diso, o 27-X serviu tamén para refutar máis unha vez a vella tese do oportunismo e do posibilismo. Ese día o nacionalismo galego, coa CIG á cabeza pero tamén coa activa anuencia do BNG, mobilizou a decenas de milleiros de compatriotas, demostrando que para conectar socialmente, que para sumar povo á nosa causa, non é necesario nin moderar, nin disfrazar, nin impostar, nin moito menos prostituír o noso discurso político propio. Ao contrario, o discurso coherente, firme e mesmo valente proxectado a nivel nacional desde hai meses polos referentes públicos do BNG, nomeadamente polo seu portavoz nacional, ten provocado unha reaproximación de segmentos sociais que sendo simpatizantes ou subscribindo as teses do nacionalismo se afastaran do seu referente político, rachando a dinámica de perigosa desafección que provocou en parte o resultado do 1 de marzo de 2009 e o regreso do PP ao goberno galego. Hoxe, percíbese unha maior e inda crecente simpatía social, se se quer recobrada ou anovada, cara a proposta política que representa o Bloque, e percíbese precisamente nos segmentos sociais que son o principal destinatario do seu proxecto político, nas e nos asalariados, nos autónomos e na pequena empresa ou o comercio.

Con todo, debemos ter en conta que polas súas propias características a vixente crise sistémica do capitalismo non se vai resolver -polo menos non favorabelmente para a maioría social- nin no curto prazo, nin probabelmente nun prazo medio. Non ficamos nun breve paréntese de dificultades económicas resultantes dunha crise financeira internacional, que unha vez superado nos volverá colocar na senda do crecemento económico, do emprego ou das condicións sociais que había antes. Estamos asistindo aos inicios dunha nova etapa histórica, na que as clases dominantes, na que o capital está a actuar con violencia para aproveitando a propia crise do sistema, resolvela ao seu favor mediante o recorte e o retroceso en dereitos. Non vai quedar aquí a cousa, veremos até que punto os intereses da oligarquía non se contrapoñen ao mapa autonómico (para afondar nunha inda maior centralización do Estado) ou ao relativo nivel de dereitos civís e liberdades que posuímos nesta democracia formal, pois hoxe todo está -ou pode estar- en cuestión, e xa que logo en disputa. Eis a loita de clases que outrora outros negaron. Eis a contradición entre as nacións e as oligarquías imperialistas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña