13:04 Xoves, 27 de Xuño de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-03-2010

Hai urdida unha trama en Madrid pola que Galiza pode quedar sen Caixas de Aforros e Fernández Ordoñez ten un papel principal

Biografía non autorizada de Miguel Angel Fernández Ordoñez

Valorar (16)

CLODOMIRO MONTEIRO MARTÍNEZ


Miguel Angel Fernández Ordoñez, MAFO


Miguel Angel Fernandez Ordoñez é unha persoa cun claro perfil político. Militante do PSOE tivo numerosos cargos nos distintos gobernos socialistas, foi elixido deputado por Madrid no ano 1986 renunciando no ano 1988. Foi tamén director executivo no Banco Mundial cargo que ostentaría posteriormente no Fondo Monetario Internacional, dous organismos defensores da ortodoxia neoliberal. Formou tamén parte do consello de administración de "Argentaria" até o ano 1992, abandonou o cargo despois de preparar a privatización que comezaría ao ano seguinte.  

Como gobernador do Banco de España é integrante do Consello de Supervisores Bancarios de Basilea, o organismo encargado de elaborar a regulación do sistema financeiro europeo. A crise financeira en Europa foi debido a laxa supervisión e control público implantados a través da normativa Basilea I, que confiaba na autoregulación dos mercados e no autocontrol por parte das entidades. 

Ninguén dubida a estas alturas que a crise económica ten a súa orixe na crise do sistema financeiro, pero no caso do estado español a destrución de emprego é maior que no resto de Europa debido entre outras cuestións as graves restricións do creto que están levando ao peche a milleiros de empresas. 

Os maiores problemas das entidades financeiras foi a xestión durante os anos 2005-2007, a excesiva dependencia do financiamento maiorista externo que levou a un sobre endebedamento de bancos e caixas de aforros e a sobre exposición ao sector inmobiliario. Hai que dicir que durante o trienio tolo da banca o Banco de España nada fixo e para a historia, quedan as declaración no ano 2005 do daquela Secretario do Estado de Facenda:- "Es mejor que los jóvenes tengan una hipoteca a 30 años, que es una inversión a largo plazo, a que se gasten el dinero en viajar" sentenciaba MAFO, que só un ano despois sería nomeado gobernador do Banco de España.  

Cando no ano 2007 estoupa a crise das subprime nos EEUU que afectou gravemente a maior parte das entidades europeas, a supervisión do Banco de España foi presentada como un exemplo a nivel mundial cando a única diferenza normativa eran as provisión anti-cíclicas establecidas despois da intervención do Banesto nos anos 90.  

Con posterioridade o goberno central viuse obrigado a poñer en marcha catro liñas de axuda directa ou indirecta a banca con cargo ao erario público, un rescate multimillonario que pode chegar aos 173.000 millóns de euros e que provocou o déficit público. A estas liñas estatais habería que engadir as inxeccións de liquidez por parte do Banco Central Europeo que a outubro de 2009 situábanse nos 82.534 millóns de euros. 

MAFO foi un dos técnicos que deseñou a normativa financeira europea e estatal que provocou a crise. Era o supervisor de bancos e caixas no estado durante o período no que se xestou a actual crise ligada ao sector inmobiliario e que deixou a moitas entidades exhaustas e ao borde da creba. Deseñou xunto co Ministerio de Economía as liñas de axuda a bancos e caixas que provocaron un déficit público galopante sen rematar coa restrición ao creto que provoca unha destrución masiva de postos de traballo. E agora está permitindo que as entidades do estado invistan esas axudas na adquisición de débeda pública en detrimento da economía real (a finais do 2009 a débeda pública en mans da banca acadou a cifra record de 143.733 millóns de euros). Cabe preguntarse como con ese currículo ninguén pediu a súa dimisión. 

No canto de ser cesado o decreto do goberno central 9/2009 de restruturación do sistema financeiro, coñecido publicamente como FROB, deulle autorización a MAFO por riba das competencias das comunidades autónomas para fusionar as Caixas de Aforros ou intervilas e liquidalas. A súa actuación no caso das caixas andaluzas ou de Castela León, ameazando con intervir aquelas entidades que non aceptasen as fusións impostas dende o Ministerio de Economía raian o "matonismo" económico. 

A recente visita de técnicos do Banco de España a Caixa Galicia, Caixanova e a Xunta de Galicia instando a tomar unha decisión urxente mentres o goberno do PSOE bloquea a fusión galega é un feito que non pode pasar inadvertido despois das actuacións en Andalucía e Castela León. De Fernández Ordoñez podemos agardar calquera cousa. 

Hai urdida unha trama en Madrid pola que Galiza pode quedar sen Caixas de Aforros, Fernández Ordoñez ten un papel principal, é por iso que é preciso lembrar a súa responsablidade na crise actual e lembrar o carácter político do seu cargo.


[04-04-2010 ] Pedro comentou:

Esclarecedor artigo sobre unha persoa que todos os medios presentan como un técnico pero que na realidade ten o seu corazonciño como todos e que toma decisións políticas, non técnicas. De feito a economía en xeral pertence á política, baixo o barniz matemático da ciencia escóndese unha disciplina claramente "filosófica".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña