07:58 Mércores, 11 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-02-2011

Asegura Feixóo que os galegos non nos sentamos nun diván a autoanalizarnos a ver quen somos

Galiza no diván

Valorar (21)

MARICA CAMPO



Entrevistado por Ana Pastor no programa "Los desayunos de TVE", asegura Feixóo que os galegos non nos sentamos nun diván a autoanalizarnos a ver quen somos. Afástase, se cadra el non se decata, do   fundador do seu partido, Fraga Iribarne, que propoñía a autoedintificación. Para se autoidentificar haberá primeiro que se coñecer, digo eu. Mais, seguramente, no fondo coinciden, porque  as palabras do exministro de Franco encerraban o xerme do inmobilismo: somos o que somos e non hai que cambiar nada. É dicir: non acreditemos na nosa terra, sexamos diglósicos e sen memoria. Sigamos a ser pusilánimes, posuídos polo autoodio, digamos que chove cando mexan por nós e deamos as grazas polo trato inxusto, a conceder medallas de ouro aos que así nos queren.

A Feixóo xogoulla o subconsciente e as palabras, tan traidoras, delatárono. Os galegos non nos psicanalizamos porque, de facelo, poñeríanse en evidencia todas estas cousas. El serve a quen serve e, se nos sentamos no diván, podemos descubrir que na súa persoa concorren todos os atributos do colonizado. Se nos sentamos no diván podemos identificar a orixe dos nosos traumas e intentar poñerlles remedio. Sabe ben, porque parvo non é, que o día en que todos os galegos e galegas coñezamos con certeza quen somos, el e os que son coma el non terán papel nesta película. Ou se cadra si, o de farautes. Un faraute é, en termos teatrais, unha persoa que intenta  un protagonismo que non lle corresponde  porque, en realidade, el non ten ningún rol na comedia. Actúan, si, pero antes de que comece a representación.

O nacionalismo galego ten a representación que ten, a que lle dan os votos nas urnas, bastantes menos dos que merecería o esforzo de tantos anos. Non nos autofustriguemos. Houbo erros e tamén acertos. O que non se lle pode negar é que leva moito tempo sentando a Galiza no diván. É un labor ingrato porque a ninguén lle agrada ter que se enfrontar coas propias miserias. É un labor incomprendido porque quen precisa ser curado non sempre é consciente das súas doenzas. Mais é un labor imprescindíbel.

Como quero ser optimista, dígome a min mesma que, se David puido con Goliat, tamén o noso tirafonda, a palabra que provoca a reflexión e o autorrecoñecemento, botará do escenario os intrusos que, tal farautes, irrompen na obra sen pertencer a ela.


[06-02-2011 14:47] Mario Solinho comentou:

Vaia un saudo e moito agradecemento para esta pinga de dozura e sentidiño!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña