16:50 Mércores, 13 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-03-2010

En consecuencia, as súas propostas son irrespeituosas e disparatadas comprometendo o futuro das nosas cidades, vilas e aldeas

O Plan litoral trata a Galiza con criterios da costa levantina

Valorar (56)

CÉSAR MOSQUEIRA LOURENZO



Hai uns anos desatouse unha campaña en contra da "levantinización" ou "marbellización" da costa galega. Isto levou a que xa na Louga 2002 se declarasen os 500 m. de ribeira como de interese autonómico e que a Lei de Medidas Urxentes de Protección do Litoral 2007 suspendese os polígonos no referido medio quilómetro. 

A situación real da nosa costa é problemática e preocupante, pero nin pola súa orixe, intensidade, nin características previas ten moito que ver cos exemplos que se pretendían usar de referencia.
 

O mesmo POL recolle datos claros: dos 2.400 km2 de litoral estudados, están ocupados pola edificación uns 76 km2 (3,2%). Se restamos a superficie ocupada polas cidades, vilas e asentamentos tradicionais, a "invasión" da costa por novas construcións illadas (o auténtico problema galego) non alcanza o 1%, porcentaxe   preocupante pero que non ten nada que ver coa realidade de outras zonas da península ibérica. 

O que sempre faltou nas actuacións da Xunta (especialmente co PP, pero tamén co PSOE), foi unha intención clara de buscar solucións que recollesen cabalmente a nosa realidade e deseen solucións acaídas. Mímese absoluta do de afora sen ningunha adaptación realista á situación galega.   

O Plan do Litoral da Xunta parte da idea de que o sistema de asentamentos galego é un erro a corrixir.
 

O POL parte da premisa de que hai demasiados asentamentos tradicionais na costa galega, idea que se plasma na catalogación como "mellora ambiental e paisaxística", ou sexa, que o idóneo (idílico di o POL) sería que estivese libre de edificación. Esta situación dáse en Laxe, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cariño, Barqueiro, Esteiro, Taragoña, Corrubedo, Vilaxoán, Carril, Illa de Arousa, Raxó, Combarro e un longuísimo etcétera.  

Afecta a todas as aldeas e vilas pequenas; só se libran as vilas grandes e as cidades. Os demais asentamentos vénos a tratar como "erros" que hai que restrinxir e, nun alarde de "xenerosidade", tolerar malamente e con un alto grao de desgusto e contrariedade, asimilándoos aos novos asentamentos de "chalets" costeiros. (Véxase o apartado 5.2 do Modelo de Xestión). 

Ou sexa, o que nos ven dicir o POL é que os galegos enganámonos historicamente cando nos asentamos no noso litoral. E non estamos falando das construcións recentes desconectadas do entramado tradicional, senón das propias ubicacións tradicionais. 

Por outro lado, centra todos os seus esforzos, críticas e medidas de actuación nos asentamentos residenciais (aínda que ás veces afecte outras actividades produtivas, especialmente comerciais), sendo extraordinariamente tolerante e permisivo coas implantacións industriais, portuarias, recheos, acuicultura, eólicos, canteiras, etc. 

Se unha industria molesta, o que propón é eliminar as vivendas prexudicadas.
 

Un caso ben exemplificante é o asentamento de ENCE-ELNOSA en Lourizán-Pontevedra. Non propón ningunha medida en relación ao complexo (dá por boa a súa ubicación), o que propón é erradicar as vivendas que hai detrás e á beira, co argumento de que impide a boa vista do mar (unidades de paisaxe/Rias Baixas/Ria de Pontevedra/Lourizán/Ámbitos de recualificación).O mesmo sucede con instalacións deste tipo que temos en toda a nosa costa.   

A concepción "levantina", absolutamente allea á realidade galega, vese en todos os apartados do Plan do Litoral:


-Dálle unha protección desorbitada a calquera rego de auga.-

-A moitos silveirais ou fincas con broza dálle protección de bosque autóctono.

Sobre este fondo de proteccións correctas para o Levante pero disparatadas para Galiza, o documento contén erros masivos, boa parte intencionados, que desvirtúan absolutamente o seu contido. 

A documentación é intencionadamente pobre, tanto na súa grafía (de moi difícil lectura),  como no seu contido, pois fáltanlle todas as propostas de actuación e ámbitos de recualificación. A Consellaría ten documentación moito mellor que non quixo facer pública. 

É un documento profundamente inxusto pois desafecta a boa parte de quen estaba afectado e, de rebote, afecta a unha boa cantidade de zonas que por estar máis alá dos 500 m. non estaban afectadas até agora (pasa en zonas dos 4 km.). 

As inxustizas comparativas que ten o documento tanto pola súa concepción como polos erros masivos, vense moi agravadas pola introdución de modificacións "ad hoc" para quen tivo a capacidade de influenciar na súa redacción para que lle deixasen sen afección as súas propiedades. 

En definitiva, un documento absolutamente irrespectuoso coa realidade galega pero coa tradicional carga de "caciqueo" do PP.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña