04:16 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-01-2011

No cincuentenário do pasamento do escultor de nós

Asorey e o monumento a Curros Enríquez na Coruña

Valorar (15)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Lugrís Freire, Alcalá Zamora e Suárez Ferrín, o día da inauguración do monumento 11 de agosto de 1934


A escultura  monumental pública na cidade da Coruña ten unha obra senlleira e sen parangón: a dedicada ao autor de Aires da miña terra. Ubicada no espazo coñecido como os Xardíns de Méndez Núñez ao carón do tristemente desaparecido hotel Atlantic que formaba unha triloxía arquitectónica de primeiro orde coa Terraza e o Quiosco Alfonso.

O artista que fixo tan extraordinario monumento a Manuel Curros Enríquez (1851- 1908) foi Francisco Asorey (1889-1961), o escultor da xeración Nós,  o que homenaxearemos neste cincuenta aniversario da súa norte.

Ramón Cabanillas, cambadés como Asorey e tamén no Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval (Compostela) di do escultor:

¡ Bendito ti que soio, na noite escurecida,
forxando a chave de ouro dende Mateo perdida,
guiado das estrelas, soupeche eternizarte
abrindo a Porta-santa da Catedral da Arte!

Curros Enríquez que está enterrado no cemiterio de San Amaro (A Coruña) recibiu en vida (1904) unha merecida homenaxe no Teatro Principal desta cidade en 1904, cunha coroa de ouro e prata (Real Academia Galega) obra de Isidoro Brocos. Curros ese día (21 de outubro 1904) leo o fermoso poema titulado Ao pobo coruñés:

Un poeta a quen un día
hastra ese nome negaron
porque arrolar nunca soupo
o sono vil dos tiranos;
porque despertaba aos pobos
cos seus alegres recramos
I agoiraba auroras novas
que xa están alborexando.

Francisco Asorey quen tamén faría posteriormente  o monumento a Curros Enríquez en Celanova, soubo interpretar en pedra como ninguén o que significaba a poesía civil do vate e realizou unha escultura arquitectónica cimeira na arte galega. Aquí temos os monumentos megalíticos,a pedra, a auga, a flora, a fauna tan querida do franciscanismo de Asorey. O expresionismo, o simbolismo, as alegorías.  O poeta, coa arpa nunha man e as follas escritas noutra, cun paso adiante, triunfante sobre o caciquismo, a usura e a inxustiza, seguido do pobo traballador no que se anuncia unha nova aurora para Galicia simbolizada pola muller cos brazos erguidos ao infinito.

Mágoa que non se puidera levar a cabo o proxecto final de Asorey que incluía dende os comezos en 1928 (concurso da Academia Galega en 1927) na parte posterior debaixo do altar, da gran ara, unha arca para acoller os restos de Curros. O monumento era para ser visto en redondo. Pasear,camiñar, contemplar, admirar e render homenaxe como templo civil a obra de Curros. Inaugurado o sábado día once de agosto de 1934 polo presidente da II República Niceto Alcalá Zamora  acompañado polo alcalde da Coruña Suárez Ferrín e polo presidente da Academia Galega Manuel Lugrís Freire.

Conta con placas dedicadas pola emigración tanto en Bois Aires como en Nova Yorque así como por diversos coros galegos. Creemos que non estaría demais que a propia  Academia Galega, por quen tanto fixo  Curros Enríquez colocase a súa. Asimesmo o concello da Coruña podería incluír unha cartela explicativa e didáctica sobre o monumento. Curros e Asorey ben o merecen.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña