23:05 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2011

Unha nova medida do PP para recortar servizos no medio rural

O despido dos veterinarios de SEAGA

Valorar (83)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



A Xunta fai meses que iniciou o despido de máis dun cento de veterinarios/as de SEAGA que se ocupaban das identificacións de ganado nas explotacións. O seu argumento é a tan deturpada austeridade e o tan manido aforro económico. Pero a realidade é outra ben diferente. Galiza conta a nivel xeral co mellor e máis contrastado sistema de identificación de gando nas explotacións, algo que situou a carne galega como unha das de maior seguimento da trazabilidade e seguridade alimentaria dentro dos mercados de todo o Estado. O control e seguimento sanitario ao que estaban sometidas as explotacións e as reses que despois se comercializaban contaba con todos os parabéns de organismos oficiais nacionais, estatais e tamén europeos, e por suposto, co aval dos profesionais e das súas asociacións. Agarrados a unha nova escusa, o PP bota por terra o esforzo de todos estes anos para lograrmos un sistema recoñecido e que funciona e no que os titulares das explotacións e os propios consumidores confiaban. Destrúen o asentado e substitúeno por un novo sistema de identificación no que a Administración abandona os seus deberes,  trasladándolle ao gandeiro a responsabilidade de colocar a chapa identificativa directamente na súa explotación, e converténdoo, por tanto, no responsábel directo de calquera circunstancia que se poida producir desde ese momento. Venden, ou pretenden vender a medida, envolta na opción de tramitar as altas das explotacións a través de internet. Mágoa que non poñan tanto empeño en mellorar o acceso a internet no rural e en boa parte das explotacións.

Visto así, no papel, pode parecer que a modificación no sistema de identificación non é malo, dado que lles elimina trámites aos gandeiros, que xa non terían que chamar ao veterinario nin pagar as chapas identificativas. Aforro, a priori, polo tanto de xestión e de diñeiro. Pero a medida leva carga de profundidade. Ninguén fala dos custos de acceso á rede. Pero o que é máis grave, a Xunta esquece o seu deber de control sanitario e de aval da calidade e seguridade alimentaria. En realidade, o que a Xunta  camufla nunha suposta medida de mellora e que moitos gandeiros aínda non ven, é o desmantelamento dos servizos agrarios e gandeiros de SEAGA, empresa pública dependente da Xunta e que centra a súa actividade nos ámbitos gandeiro e forestal.

O desmantelamento dos servizos públicos

A eliminación do sistema de identificación gandeira por parte da Administración é un dos primeiros pasos, pero non o último, dunha planificación deseñada e aplicada para seguir adiante co proceso de desmantelamento de todos os servizos agrarios e forestais que a día de hoxe se prestan desde a administración galega. Ese proceso xa se iniciara en época de Manuel Fraga, coa perda de funcións de Extensión Agraria, pero paralizárase coa chegada do BNG ao Goberno da Xunta. A día de hoxe o PP retomou a súa aposta inicial de eliminar todo o que soe a público, a avances no rural, a defensa dos intereses reais dos labregos e labregas e aplica un ERE (despido masivo e legal en situación vantaxosa para o patrón, neste caso a Xunta) co que vai mandar á rúa a máis dun cento de veterinarios de SEAGA que realizaban estas e outras funcións no medio rural. Curiosamente, a autoridade laboral que aprobou o ERE é a mesma que o presentou: a Xunta a través das Consellarías de Traballo e Medio Rural, respectivamente. Por certo, ao parecer decidiu aprobar a proposta de despido, en contra das respectivas inspeccións de traballo.

Quen pense que esta é unha medida illada e definida para a mellora do noso sector gandeiro, quen considere que estes 112 traballadores e traballadoras, son simplemente, vítimas da grave crise económica que estamos padecendo, equivócase. Non sería mellor ampliar os servizos que prestan?

Un novo ataque do PP ao rural

Debemos esculcar o horizonte e veremos con claridade o que significa esta nova actuación do PP no medio rural: un novo movemento na estratexia de ataque frontal aos servizos públicos e ao futuro de moitos e moitos concellos. Este é un paso máis no desmantelamento do rural. A eliminación de servizos veterinarios, sanitarios, sociais, educativos, etc., que aplica o Partido Popular debaixo do paraugas, -no que todo colle-, da falsa austeridade é unha actuación de extrema gravidade para o noso país.

Os veterinarios recolleron máis de 21.000 sinaturas de gandeiros e consumidores, en defensa do actual sistema de identificación, control, inspección e rexistro do gando, e Lugo destacou por representar unha elevada porcentaxe do total. Falar nos Áncares ou no Courel, en todo o rural galego de reducir servizos, é algo que se está convertendo no repetido titular diario. O PP non confía no noso rural, e quere converter o seu futuro e os das súas xentes nun feixe de pólizas de xestión privada. A eliminación do servizo público de veterinarios é un paso máis que non podemos nin debemos permitir. A defensa do servizo que prestaban, dos postos de traballo dunha empresa pública, é tamén unha defensa da vida e do futuro do rural galego. E por iso o BNG está nesa batalla. E por iso contan co apoio decidido de FRUGA. Que anormal resulta que haxa sindicatos agrarios que defendan esta medida do PP! Cando as organizacións políticas e sindicais non queren ver a realidade, calquera venda é boa, incluso a da austeridade ou a da retorcida mensaxe da maioría de idade dos labregos! Mágoa que nos vaian eliminado os servizos mínimos para que cando os poucos nenos que quedan na zona rural cheguen á "maioría de idade", poidan seguir vivindo nos seus concellos e desenvolvendo actividades propias do noso país como a gandería e a agricultura. Negarlles ese dereito a poder decidir, é unha agresión máis a quen sempre defenderon e manteñen vivos os nosos concellos.


[02-02-2011 11:15] Ceive comentou:

A min tamén me parece que detrás de tanta suposta medida de "austeridade", agóchase un intento de menguar os servizos que a administración ofrece á cidadanía, a custa dos postos de traballo de moita xente. Non son gastos innecesarios os que están a suprimir. Os veterinarios despedidos, pasan de cobrar as súas nóminas da Xunta, polo seu honroso traballo, a cobrar as súas prestacións das arcas da Tesoureiría da Seguridade social, por non facer nada. ¿Ónde está a austeridade e a racionalidade? Precisamos ser máis produtivos, máis competitivos, máis auteiros, máis desenvolvidos.... ¿no paro?. Unha compañeira que traballa na consellería do medio rural dicía que había un montón de veterianarios de brazos cruzados sen ter que facer na administración. ¿É a solución de iso o despido? ¿Ou unha reorganización dos servizos prestados? Parabéns Paz, polo teu artigo.

[02-02-2011 01:08] Alexandre Bóveda estaría asqueado... comentou:

Grazas a Paz Abraira por plasmar dun xeito tan preciso o que está a pasar neste conflicto. Lástima que moitos gandeiros só presten atención aos poucos euros que van poder aforrar (que boten contas a fin de ano, xa verán) e non pensen nas consecuencias que se poden derivar desta acción no caso doutra alerta sanitaria. Finalmente, vergoñenta a actitude, pola súa pasividade, dalgún sindicato que segue a arremeter contra os chiringuitos antes que defender aos seus afiliados e traballadores dese chiringuito.

[28-01-2011 08:52] queimadiña comentou:

vaia porfin alguen se deu conta.....

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña