16:05 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2011

Unha sociedade laica baseada na ética humanista

Tirar a razón pola borda: o escurantismo da inxerencia da relixión na vida pública e os seus perigos

Valorar (45)

ROBERT NEAL BAXTER


San Martiño Pinario (arco barroco)


Seguindo co meu alegado a favor da razón como guía única da sociedade e polo tanto en contra da inxerencia da relixión na vida civil, quixera desta vez comentar algúns aspectos dunha corrente denominada 'dominionismo', 'reconstrucionismo', 'nacionalismo cristián' ou, máis sinxelamente -segundo a apelación acuñada nos anos 1970 por Dorothee Sölle- 'cristofascismo'.

Non é por ser pouco coñecido que o 'dominionismo' deixa de ser motivo de preocupación. No fundo, do mesmo xeito que 'deseño intelixente' non é outra cousa que un eufemismo para disfrazar o 'creacionismo' baseado nunha lectura literal do mito bíblico da creación da terra (Xénese 1-2), o dominionismo non é máis, en realidade, que o avatar actual da reivindicación dunha teocracia cristiá.

Trátase máis concretamente dunha tendencia entre certos cristiáns protestantes ultraconservadores centrada nos EUA que ten como obxectivo a curto prazo exercer presión sobre a política do país para, en última instancia, estabelecer un goberno que se rexer polos ditames bíblicos, incluídos os do Antigo Testamento. Por exemplo, no seu libro The Changing of the Guard , o destacado reconstrucionista George Grant, escribe: "Os cristiáns temos un deber, un mandato, unha comisión, unha responsabilidade sagrada de retomarmos a terra para Xesús Cristo [...] O que perseguimos é o dominio: a conquista do mundo. Iso é o que o Cristo nos mandou facer".

Querer establecer o reino de deus na terra non é, por suposto, algo exclusivo do protestantismo, nin sequera do cristianismo. Trátase dunha reivindicación común a moitas relixións, entre as que destacan no noso ámbito cultural as abrahámicas (do nome daquel señor que estaba a punto de matar o seu propio fillo porque oía voces... ), desde o concepto islámico do califato unido rexido polas leis da xaría, até a reivindicación dun Estado xudeu, o 'pobo elixido' de deus...

Dado o teor dos mandamentos 'divinos' da maioría das relixións do mundo (creados en realidade, desde o punto de vista da antropoloxía, por homes para se manteren no poder grazas ao medo fronte ao castigo eterno), non é de estrañar que, mentres existen movementos relixiosos ligados á esquerda política como no caso da teoloxía da liberación, hai polo xeral unha vinculación moito máis estreita entre a relixión e a dereita máis conservadora, desde a invocación de valores protestantes por parte do Ku Klux Klan, até a conivencia entre a igrexa católica e o réxime de Franco, pasando pola ideoloxía hindutva na India, ou o Partido Kakh fundado polo rabí Kahana no Estado Sionista...

Cumpre recoñecer que, desde o punto de vista da súa lóxica interna, é de todo natural pensar que desde o momento en que deus existe, as súas leis divinas (codificadas na Biblia, no Corán...) deben estar colocadas por riba de calquera lei terrestre, froito tan só do maxín humano. Así, por exemplo, Gary DeMar, un dos principais reconstrucionista dos EUA, predica que a democracia debe ser substituída por unha teocracia cristiá que aplique os preceptos morais enunciados na Biblia acerca, entre outras cousas, da homosexualidade e do aborto, chegando a defender explicitamente a "execución d@s abortistas e dos pais e nais que @s contratan".

Nos EUA, o fundamentalismo conservador relixioso fica lonxe de ser un fenómeno marxinal. Por exemplo, segundo varios inquéritos até 45% dos adultos estadounidenses cren que a terra ten entre 5.700 e 10.000 anos de antigüidade (a pesar dos datos cientificamente validados que demostran, por exemplo, que o arado xa se emprega desde hai xa uns 6.500 anos en Europa, onde tamén se empezara a escribir entre hai 7.000 e 8.000 anos ...).

Por outro lado, tras fracasar como candidato a Presidente en 1988, o predicador evanxelista ultraconservador Pat Robertson fundou a Christian Coalition, que ten por obxectivo exercer unha influencia sobre a vida política dos Estados Unidos, desde presionar os Congresistas, até tentar orientar a intención de voto do electorado, chegando a distribuír 40 millóns de panfletos propagandísticos nas campañas electorais de 1992 e 1996.

E a onda xa hai tempo que empezou a afectar o pensamento político 'normal' do país. Joan Bokaer, fundadora de TheocracyWatch (Universidade de Cornell, EUA), que ten por misión tratar de determinar o grao de influencia exercido sobre os membros do Congreso, declarou que tras as eleccións estadounidenses de 2000 a dereita relixiosa se fixera co control do Partido Republicano.

Mais non é só un fenómeno transatlántico. Apoiándose nas teses posmodernistas do 'relativismo cultural', no nome da 'tolerancia relixiosa mutua' -suposto garante dunha comunidade plural harmoniosa- no Reino Unido, as chamadas faith schools ('escolas confesionais'), creadas durante a lexislación laborista 1997-2007 de Blair (outro iluminado relixioso) e financiadas en 85% por diñeiro público representan case un terzo de toda a oferta educativa pública obrigatoria (non se consideran centros privados ou concertados). Sen control externo ningún sobre os contidos do ensino relixioso nestes centros, chegaron a darse casos en que se ensinaba o creacionismo dentro das aulas de bioloxía, sen falar do escándalo dos libros de texto saudís homófobos e antisemitas que ensinaban como cortar as mans a un ladrón ... Fronte a esta situación aberrante, o goberno expresou a súa negativa perante a solicitude de crear a primeira unha escola laica que non pedía máis que a supresión da sesión matinal  diaria de oración cristiá obrigatoria, argumentando que era 'politicamente imposíbel': non vaia ser que se ameazar con romper a hexemonía da relixión (entendido en sentido plural, claro está).

E todo isto, como nos afecta a nós? Pois, para alén de paralelismos coa evidente nostalxia por parte da xerarquía (nacional)católica polos tempos cando tamén dirixía o política terreal no Estado Español, a verdadeira ameaza non é o fundamentalismo relixioso tal e como defenden @s defensor@s dunha relixiosidade moderada, senón que provén do concepto mesmo de 'fe', quer dicir a capacidade de crer e actuar en función dos supostos desexos dun(s) ser(es) dotado(s) de poderes sobrenaturais cuxa existencia non se pode -pola súa propia natureza- nin demostrar, nin tan sequera refutar de xeito empírico, ao desligar a actuación humana da reflexión racional, levando sempre implícito o risco de nos levar polos vieiros nun escurantismo neomedieval.

Para colocalo en termos moi simples -pensemos, por exemplo, como a administración Bush quixo impedir a investigación con células nai en 2006 grazas á presión exercida sobre o goberno por parte dos lobbies relixiosos- a escolla é moi fácil: Estamos dispostas/os a renunciarmos aos 'milagres' cotiáns que nos brinda a ciencia, desde a electricidade, até a erradicación da varíola, pasando polo esperanzador coñecemento do xenoma humano ou as marabillas da astronomía moderna, en troca do xuízo a Galileo (a historia non é tan antiga, pois a igrexa non rectificou até 2008) e dos 67 'milagres'  recoñecidos oficialmente pola igrexa nos 150 anos desde a aparición da Virxe en Lorda en Occitania (francés: 'Lourdes'), o que supón unha taxa de eficacia da orde de 0,0003% cando se contrasta co número total de 20 millóns de visitas...?

En definitiva, para preservarmos os logros da Ilustración co fin de garantir o avance social e a mellor convivencia social posíbel, o que fai falta de xeito urxente é menos peso da(s) relixión(s) -por moi plural que for- na sociedade civil, non máis: unha sociedade laica baseada na ética humanista. Non debemos consentir que a relixión siga a monopolizar os conceptos de 'ética' e 'moral': iguais dereitos humanos para todas e todos baseados no racionalismo sempre mellorábel son os verdadeiros garantes da liberdade e a xustiza social, fronte aos preceptos 'divinos' inmutábeis dos tempos neolíticos que lexitiman a lapidación de mulleres acusadas de adulterio e o asasinato de profesionais do aborto.


[02-02-2011 22:04] O pito dobre. comentou:

A relixión non buscou nunca outra cousa que o control político a traverso do control da conciencia individual e colectiva. Por iso, a súa insistencia pola "necesaria" e obrigatoria repetición mecánica dos mantras, rezos, e a aprendizaxe de memoria dos catecismos e textos "sagrados". Trátase de gravar, formatear, o disco duro do individuo, o máis tempranamente posíbel, de xeito que, se nalgún intre actúa de xeito contrario á doutrina, sufra e se auto-castigue e reprima, e volva ao rego.
Arrepía pensar que o governo das principais potenzas mundiais está nas mans de persoas ou colectivos que teñen os mesmos traumas morais da idade media.
Observando e comparando a sociedade galega con outras, chego a idea de que, a día de hoxe, os ateos temos sorte de viver eiquí, porque contrariamente ao que poidera parecer dada a primacia ideolóxica conservadora, o povo galego estase mostrando no relixioso como moi tolerante. Eu cheguei a idea de que o cristianismo do povo galego é en realidade, hoxe mesmo, unha forma de paganismo santificada para non ter problemas co poder foraneo. A xente, sobre todo no rural, cumpre coas costumes que lles ensinaron os seus parentes, por tradición, porque así o viron facer desde nenos, pero en realidade nin cren, nin comparten isa doutrina rancia da igrexa.

[29-01-2011 17:06] Robert Neal Baxter comentou:

Ligazóns que poden ser de interese:
The Root of all Evil?
http://www.youtube.com/watch?v=I_1Gpt6dKFo
The Enemies of Reason
http://www.youtube.com/watch?v=gyQ57X3YhH4
Faith School Menace
http://www.youtube.com/watch?v=ulX8nZjeCXE
Hell's Angel: Mother Teresa by Christopher Hitchens
http://www.youtube.com/watch?v=9WQ0i3nCx60
Jesus Camp
http://www.youtube.com/watch?v=VC_gOT5hSmk&feature=fvw

[28-01-2011 11:58] Diego comentou:

As relixións teñen esa parte de seguir as xerarquías que limita por completo o pensamento individual en favor dun idiotizamento colectivo entre os seus adeptos. Claro exemplo disto é a igrexa católica, onde o rebaño ten que seguir os pastores... en fin!! Outra relixión que me chama a atención é a hindú e o seu sistema de castas. Se naces pobre eres pobre e non hai máis que asín está escrito... moi forte. A cuestión é que estos grupos de xente na súa maioría son manipulables e deixanse levar bastante polo sistema(nótase sobremaneira cando hai eleccións).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña