14:25 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-01-2011

No cemiterio de San Miguel de Reinante, hai un tumba sen nome, clandestina

No cabodano de Moreda

Valorar (43)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



No segundo andar do panteón familiar de Dona Amadora, aquela avoa tenra que volveu de Cuba co pano na cabeza para parir emigrantes, hai un nicho sen lápida, anónimo, ao que concorren cantas almas anónimas penan, a forza da desmemoria, polos vieiros dunha historia nosa que se nos resiste. Non toca garda en uniforme de gala como no Congreso Galego da Emigración, cando aliñamos en posición de firmes diante dun Picallo que falaba a Castelao, para recibir aos irmáns da Galiza emigrada ou exiliada. Chegan lentos con paso firme, semellan despistados, non desorientados, no seu camiño nunca houbo perda. O primeiro Lois Ares, vello irmandiño de Betanzos que rubricou o Manifesto de Lugo, na compaña dalgúns dos libros da Biblioteca do Centro Galego cos que cincelou patriotismo entre mozos, contra todo. Vicente Barros, da Presa e Olveira, fan corro a parte, lembrando a vella "Fouce", reencarna noutro "Adiante" que é, outra volta, nacionalismo de lei, rexo, sen saudade, inequívoco para festa de Bieito de Grou, o noso Bieito Fernández, ou do Ernesto Atanasio, o noso Corcheiro, exiliados de Galaxia que o reparten na Terra. Alonso Ríos, Afranio do Amaral ficou para sempre na Galiza esgazada do sur, sorrí, cousa rara, o país ten futuro, con novos verbos que se conxungan a xeito de Neira, Abraira, Santamarina, Tizado, Conles, Filgueira. Nun outro corro, os da AGUEA, a "Galiza Emigrante" de Seoane, sen racanitos, abourando, política máis política, acción, hai que actuar, diante dun fardel de exiliados que preguntan polo cano de Basalo Gómez. E están ao caer o Pepe Velo de Caracas, toda Galiza é a "Sierra Maestra", e de México, o López Dura, penalista de tantas penas do Castelao en guerra e no exilio, e o Caridad, Xosé, Padroado da Cultura Galega en México, o novo arquitecto do vello Partido, o arquitecto vello do Partido dos novos, e tamén Canabal, e Prada e Perfecto López, disposto fronte a indisposición dos da Rosaleda. A emigración galega en congreso na Terra.

Antón Moreda

No cemiterio de San Miguel de Reinante, fortín que foi contra o vendaval de Elsinor e o nordés desta Beiranorte, antes que o cemento se impuxese ao talento, hai unha tumba sen nome, clandestina, onde se agochan todos os clandestinos que puxeron as bases  para reconstruír o nacionalismo, como movemento político dirixido a restaurar a soberanía da nación galega. O niño da nosa pomba mensaxeira é parada de xuntas fora de hora con citas de seguridade, reservado para asembleas con dereito de admisión, lugar seguro contra a oficina de galeguismo de Xelmírez 15. É 1963, Galiza móvese, Bautista, Patiño e Arxona maniféstanse pola Unión do Povo Galego. No Fingoi de Lugo, na Xistral de Monforte, pénsase o mesmo. Xuntanzas, hai que xuntarse, frontismo, como no vello Partido. Todo o mundo ten sitio, atraiamos a democracia cristiá, Fontenla armándoa no Viño, tamén a socialdemocracia, Rodríguez Pardo, García-Bodaño, xa saberán quen é Piñeiro. Asembleas ao longo e ancho de Galiza, Galiza outra vez en marcha. Consello da Mocidade, facción xuvenil do Consello de Galiza. Xa temos unha estrutura para axir politicamente. Lubumba, Ben Bella, Galiza/Arxelia, somos nós. Lugo, a 7 de xaneiro de 1964, decrétanse purgas no Consello. O nacionalismo é o cabalo de Troia do comunismo en Europa Occidental, afirma Piñeiro. Movemento de Mozos Europeos, federalismo, europeísmo, ordea García-Sabell ou García Spengler, que tanto ten, porque é o mesmo. Aínda queda Carolina, sempre Carolina, quen puidera namorala, días de amor, angustia e miseria en Barcelona. 1966, Porta Blindada, García-Sabell ou García Spengler, prescribe electroshocks e reclusión como pobre de solemnidade no psiquiátrico de Castro.

No corredor central do cemiterio de San Miguel de Reinante, ao pé da porta, fronte ao panteón familiar de Dona Amadora, no andar de abaixo fica Rosita, enterrabamos fai perto dun ano a Antón Moreda. Alí estaban moitos dos anónimos que o rescataron en vida, os brigadistas da chaira, os ollomaos das mariñas, os mozos e mozas de todas as Galiza Novas, pero tamén outros moitos clandestinos que queremos seguir a percorrer con el as chairas e as mariñas da nosa soberanía. Mentres lle daban terra, cuberta con aquela bandeira que Rodríguez de Bretaña trouxera de México e que amantara o cadaleito de López Durá, Xosé Caridad ou o vello Beiras, sabíamos que se ía un algo daquel nacionalismo que agromou en América, esencialista a forza de feniano, bravo por descoñecer a verba transacción, firme porque xa había quen claudicara por eles. Cando escoitabamos a Ana oficiar coa voz crebada, non sentíamos a choiva, e valorabamos os esforzos do que custou construír o nacionalismo na etapa contemporánea, e reparamos no risco que supón o descoñecemento do noso patrimonio ideolóxico, e entendemos porque os nacionalistas seguen fornada tras fornada a bater na mesma pedra. Xa remataramos o himno galego, os puños converteranse en palmas, e alí galegos e galegas palmeiros, durante varios minutos, dicíndolle ao mundo galego que temos que comezar a querernos, recoñecéndolle a Antón Moreda que fixo por Galiza o que puido. E iso é moito.


[01-02-2011 06:59] Ermida. comentou:

Constame Xulia. Teño ben presente aquela data e o propio acto, onde Moreda anunciou a súa intención de enterrarse en San Miguel. Tamén o enterro vai para un ano. Agardo que o acto que convoca o sabado 5 de febreiro Ollomao e moitas outras asociación da Mariña, con motivo do seu cabodano civil, sexa outra mostra de cariño de San Miguel, que volve a ser a Galiza enteira.

[30-01-2011 16:30] Xulia comentou:

Na praza do Souto de Sann Miguel (espazo civil) colocouse um a praca na casa familiar de Moreda, na homenagem civica que lhe foi organizadael le no 2007. O povo de San Miguel lembra ao seu vizinho.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña