03:32 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-01-2011

Só Marrocos e a súa dinastía ten asegurada a continuidade... polo momento

Había unha ditadura en Tunisia?

Valorar (24)

XURXO MARTIZ CRESPO


Harissa tunisiana


Hai anos que no Magreb existe unha pulsión grande por botar do poder as distintas satrapías que durante décadas desempeñan o poder "democraticamente" coa benzón dos Estados Unidos (EUA) e da Unión Europea (UE) e de costas aos seus propios pobos. O exemplo máis patente témolo nas continuas marchas a prol do pobo palestiniano no Magreb e a complicidade dos seus gobernos, que calan, con Israel.

Dentro deste Magreb de Estados que apertan o pescozo á súa poboación só Marrocos e a súa dinastía ten asegurada a continuidade... polo momento. Curiosamente, de todos os estes Estados noraficanos, o único que ten un nivel alto de aceptación e vida para a súa poboación  é precisamente o que para Occidente resultou sempre unha molestia: Libia.

Un dos intentos do fuxido presidente tunisino para procurar apoio estadounidense e europeu foi asegurar que detrás das revoltas civís estaba o "integrismo islámico". Fallou no intento dese apoio, non porque non fóra verdade, que pouco lles importa a europeus ou estadounidenses, senón porque tiña os seus días contados.

Os estadounidenses dividen a súa xeopolítica no mundo árabe, africano e latinoamericano en "fillos de puta" e nos "nosos fillos de puta". A historia e xeografía está chea dos seus "nosos": Pinochet, Videla, Mubarak, Trujillo, Noriega, Franco, Hassan II... e cheo dos outros que non son "deles": Arbenz, Fidel, Gadafi, De Gaulle, Chávez, Evo, Allende, Velasco, Ahmadineyad...

As ditaduras magrebís, Alxeria, Exipto, disfrazaron o descontento co disfrace do radicalismo islámico sen ir á causa dese agromar ante ditaduras tinxidas de "democracia". Os exemplos máis comúns son a forza de Hizbullá e Hamas que os media europeus disfrazan co sustento de Siria e Irán sen aclarar que gozan dun gran respaldo e prestixio entre a poboación. Malia presentarse nas eleccións e arrasar (Alxeria), os seus partidos, islámicos, foron prohibidos. O que non puideron por medio das urnas téntano por medio da violencia e a represión.

Mentres EUA argalla mobilizacións "pacíficas" e "espontáneas" da "sociedade civil" en Caracas, Santa Cruz de la Sierra, Rangún ou Teherán, a verdadeira sociedade civil de Tunisia, Exipto, Palestina e Alxeria tenta derrocar as tiranías bendicidas polos EUA e a UE que os gobernan. Os media cualifícanos de "integristas islámicos". No caso de Tunisia non puideron cualificalos como integristas ou non lles interesou: son poucos nun país pequeno e pouco poden facer porque teñen escaso peso no mundo, por iso sacrificaron a Ben Alí.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña