03:04 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-01-2011

Onde está o problema? Está claro que no deseño das políticas a aplicar e na ideoloxía das organizacións

A onde imos

Valorar (8)

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ


Viñedos na Galiza


Nestes tempos de convulsión ideolóxica, cos altofalantes do capital funcionando a pleno rendemento indicando-nos de cara a onde se deben dirixir  as políticas socioeconómicas, e recomendando-nos  que debemos prescindir de certos avances sociais conquistados anos atrás, para contentar ao mercado. Para eles é preciso que o poder político apoie esas "ofertas" do capital, así que, por unha banda a dereita e pola outra a social-democracia participan e acreditan nas receitas do capitalismo, sen reparo ningún. Temos que contentar aos mercados (que por certo ninguén di o que son, onde están, quen os dirixe, ou quen os elixe,) e ao mesmo tempo ao FMI e o seu BM, entes elixidos pola elite do capital privado asesoran, recomendan e ditan aos gobernantes as políticas a seguir, por certo, xa o fixeron en África e América latina, os primeiros seguen as recomendacións e os segundos decidiron dar un paso cara os seus intereses nacionais (nacionalismo), e os resultados están aí.

Encanto ao chamado primeiro mundo, USA, Europa os gobernos camiñan como o caranguexo, no que son as defensas dos intereses nacionais e sociais, poñémonos (os gobernantes) ao servizo da banca e das multinacionais (do gran capital), e utilizan aos ex gobernantes e as súas influencias para cumprir os ditames do capitalismo (vexamos ao señor Filipe González ao servizo de Gasnatural-fenosa, o Sr. Aznar con Endesa, a Schröder con Gazprom, etc) todos eles traballando para empresas enerxéticas, vitais e necesarias para o funcionamento da economía.

No agro levamos sufrindo as lesivas políticas dende a implantación da PAC, que favorecen os intereses da industria multinacional e da agricultura especulativa. Así vemos como o 80% das axudas á agricultura son absorbidas polo 20% das explotacións, baseando as políticas en dar cartos a que máis ten, esquecendo totalmente o carácter social, o cal reverte no abandono da produción e en consecuencia no despoboamento do medio rural, favorecendo a concentración dos alimentos en explotacións intensivas (cada vez mais grandes), sen importar o tipo de alimentación para a sociedade; o fin é o diñeiro rápido, producindo moito e utilizando o que sexa para sacar produtos mais baratos aos mercados, aínda que se utilicen hormonas, aceites para a industria, etc,  con tal de abaratar os prezos, como sucedeu hai pouco na  Alemaña.

Onde está o problema? Está claro que no deseño das políticas a aplicar e na ideoloxía das organizacións que é o que marca a tendencia de favorecer as clases populares ou o capital. Non é novidade que a dereita favoreceu e favorece os intereses do capital (e seguen sendo coherentes). A socialdemocracia perdeu a orientación hai tempo, vaise disolvendo como as clases medias, van a menos, e máis clasistas, orientando o rumbo cara postulados máis neoliberais ao servizo dos intereses do capital, Así podemos observar: contratos homologados para os produtos agrarios, o PP non está de acordo, e favorábel ao libre mercado, a lei da selva; que fai o PSOE? Ponse ao servizo das empresas e está cociñando unha lei para que se creen grupos de produtores/as (lóbis) os cales serán os negociadores (segundo a cantidade de produto que agrupen) e marcarán o prezo do produto; que pode pasar?... pois que catro empresarios con explotacións intensivas de leite, por exemplo, marquen un prezo segundo os seus intereses e vinte explotacións (por producir menos no seu conxunto que os primeiros) teñan que asumir os postulados e os intereses dos máis grandes. Pero aquí non só está en xogo o deseño económico, tamén o social e o ideolóxico, non importa a xente, importa a cantidade de produto, e de paso eliminamos as organizacións sindicais e o que en si representan, isto é política regresiva propia da ideoloxía da dereita que recalco asumida pola social-democracia.

No sector vitícola, a anterior ministra de agricultura do PSOE puxo o sector ao servizo dos intereses dos grandes grupos industriais coa creación da marca "vinos de España" uniformando todas as D.O.´s e zonas de produción vitícola para crear incerteza no consumidor, ao non diferenciar as características específicas de cada zona, que terá que ver un Ribeiro cun viño da Mancha?, nada pero aproveitando a fama e calidade dunha D.O. fagamos unha minestra e así poñemos ao mesmo nivel todo para que as grandes plantacións e empresas da Mancha  (por exemplo) teñen acceso aos mercados, beneficiándose do esforzo dos outros.

Tampouco é de recibo que a carne galega certificada coa indicación xeográfica protexida "ternera gallega"  teña boa aceptación no consumidor, e se pague a prezo por riba da carne "normal" sen que repercuta no produtor/a, é preciso dun contrato homologado para que os beneficios producidos do consumidor repercutan na produción.

Agora PPSOE adoptaron a idea de bancarizar as caixas de aforros, as cales tiñan unha porcentaxe para actividades sociais, que desaparecerán, xa que a nova idea de privatizar estes entes en mans privadas implicará que todas as ganancias se repartan entre os socios, e iso parece normal nesta sociedade do sálvese quen poida, e que se salve o mais listo, o que mellor especule e o mellor colocado. Esta idea de meter a gadoupa na caixa parece estar asumida, din os especuladores que hai que sacar dos consellos das caixas a parte pública (sindicatos, políticas...) e deixalos nas mans dos que sempre foron ricos, dereita e social-democratas apoian  a medida para tranquilizar o mercado, pero sería máis xusto que as caixas apoiaran iniciativas sociais como unha participación do tan desexado grupo lácteo galego? por exemplo. Isto crearía estabilidade no sector lácteo e competitividade fronte a agresión de grandes grupos industriais que nos inundan cos seus produtos, pero o certo e que isto daría beneficios pero moi repartidos, e aquí a cuestión e que o acceso a torta só pode ser para uns poucos.

De cara onde imos? Esta era a pregunta do inicio. Eu penso que a actual situación é complicada, é preciso dar moito debate, pero é imprescindible a claridade ideolóxica. Se a ideoloxía está definida, temos que analizar o medio e escoller as compañías xa que non somos todos iguais como pretenden, interesadamente, meter nos miolos da xente. A social-democracia virtual aliada da esquerda virou a dereita e nos non podemos acompañar ese virxe, somos diferentes, defendemos as clases populares (ou iso creo) polo que de cara o futuro haberá que pensar como serán as alianzas, non vaia ser que o efecto dominó nos tire primeiro a nos, que é moi probábel, xa que os mercados, a banca, os medios de todos os poderes fácticos non nos van a favorecer, mais ben o contrario.

Loxicamente, a movilización social é imprescindíbel para a proxección ideolóxica e para poñer en contradición os intereses do capital e os seus socios, para elo temos o día 27 de xaneiro outra oportunidade de movernos contra das directrices establecidas, hai que participar pensando que cada un de nos responde contra da agresión, debemos tirar cara adiante sen mirar para atrás a ver os que quedan, é hora das responsabilidades de cada un. Folga Xeral!!    


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña