04:35 Mércores, 01 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-01-2011

Co argumento da lei anti-tabaco o que pretenden é experimentar novas formas de control sobre a sociedade

Converter aos fumadores en apestados e ao resto en policías

Valorar (52)

RAÚL RÍO DÍAZ



Eu, que fun un gran fumador e que xa fai moitos anos deixei de selo por decisión propia, penso que a lei anti-tabaco non é inocente nin moito menos. Estou seguro que non se fixo pensando na saúde dos fumadores activos nin pola dos fumadores pasivos. De ser así houberan prohibido o tránsito dos coches polas rúas das grandes cidades, potenciarían o transporte público e a Xunta non quitaría o NoiteBús. Houberan cumprido rigorosamente os tratados internacionais como o Protocolo de Kioto. O Goberno español derrogaría o "Decreto do Carbón" para que as nosas centrais térmicas de Meirama e As Pontes contaminaran menos utilizando carbón doutros países, que é moito mais barato, menos daniño, e non obrigándolles a consumir o do Estado que xa fixo desaparecer, por causa da chuvia ácida, até as lorbagas dos nosos loureiros e que serve de xustificación e argumento principal para incrementar a cota que temos que pagar pola electricidade que consumimos. Se verdadeiramente se interesaran pola nosa saúde non privatizarían os servizos sanitarios, pero moito me temo que os tiros non van por aí.

A min non soamente me preocupa a persecución que se exerce sobre os fumadores coma se fosen xentes verdadeiramente apestadas, que tamén, pero o que verdadeiramente me preocupa é o que subxace baixo esa lei e a utilización que están a facer dela para exercer un férreo control ditatorial sobre a cidadanía en nome da democracia. O Gran Irmán, que dicía Orwell (e non o da televisión) está detrás deste lerio.

Co argumento da lei anti-tabaco o que pretenden é experimentar novas formas de control sobre a sociedade, e para convencernos desa necesidade de cambio están utilizando os medios de comunicación submisos ao ditado das ordes que chegan de arriba. A intención é dicirnos claramente que agora non se trata de reivindicar o estado de benestar que no seu día prometeu o capitalismo. Por iso as noticias mais importantes que poñen os seus medios en primeira páxina son as chamadas de inseguridade cidadán. Antes tiñan para elo aquel sinistro periódico chamado "El Caso", pero non é cousa de volver a editalo en plena democracia borbónica. Non van volver a editar esa entelequia franquista, que para iso teñen agora outros medios onde facer resaltar e darlle mais solemnidade a noticia. Agora, poñendo os crimes como noticia principal en primeira páxina, trátase de converter todos os periódicos adictos ao réxime (que son o noventa e nove por cen) en algo parecido, para crear un estado de alarma e unha inseguridade ficticia convertendo en potenciais asasinos ou perigosos terroristas a determinados grupos de persoas: inmigrantes, xitanos, negros, sudamericanos, musulmáns, etc. Nestes tempos, din, tratase de sobrevivir entre tanta barbarie.

O que temos que reivindicar agora é seguridade, mais policía ou ¿porque non? o mellor é converternos a nosoutros mesmos en policías. É o mais normal e eficaz, porque así servimos mellor a súa causa denunciámonos uns aos outros e utilizando o anonimato que nos dan as leis somos mais eficaces.

Franco no seu tempo tamén fixo algo parecido e para elo habilitou, como agora Zapatero, unha lei pola que un paisano podía denunciar ao veciño que lle quería mal por comunista, sedicioso ou outros adxectivos que utilizaban daquela, para quedarse co seu patrimonio cando este o puxera diante do pelotón de fusilamento ou, como mal menor, dera cos seus osos na cadea ou no desterro. Isto se o veciño denunciado non era pertencente ao réxime, pero está claro que nese caso a ninguén se lle ocorrería denuncialo.

Intelixentemente o Estado crea dous bandos enfrontados: Os amigos do Estado que teñen dereito a denunciar aos seus "inimigos", xa que si os denunciantes son os outros, coma nos casos de tortura, ninguén os vai crer e o Estado vai apoiar aos denunciados. No caso contrario non cabe dúbida de que a denuncia estará argumentada e o denunciado pagará economicamente ou con moitos anos de cadea a ousadía de enfrontarse a esta democracia establecida por decreto e de obrigado cumprimento.

Que lle queremos mal ao veciño do lado, dicimos que estaba fumando na marquesiña do autobús, diante dun colexio ou no parque da cidade. Nosoutros estamos protexidos pola lei e, como calquera mentireiro covarde, temos dereito a refuxiarnos no anonimato, que para iso está a Lei e o Estado de Dereito.

Así, mentres desvían a nosa atención dos problemas importantes obrigando por lei a denunciarnos uns aos outros e preocupándonos por cousas mais ou menos triviais, eles teñen tempo para dilapidar os nosos servizos públicos, aumentar a idade de xubilación coa colaboración necesaria dos sindicatos españois, rebaixar as nosas pensións e os soldos a todos os traballadores, sexan funcionarios ou non.

Sinto que esta lei anti-tabaco é unha tapadeira de algo moito mais grave que se nos ven encima. Ogalla me equivoque e este artigo quede aí no esquecemento. Preferiría que soamente sexa iso pero, como noutras tantas veces, tamén nesta ocasión vai ser certo o refrán de que si pensas mal acertarás.


1 2 3 4 seguinte

[24-01-2011 12:36] Raul Rio comentou:

Sabia eu que por desgracia non me equivocaba nos meus análises, sabia que tarde ou cedo o tempo ía dar a razón a este artigo pero o que non pensaba era que se cumpriran tan axiña os meus presaxios, xa que a pesar de ser Euskal Herria onde mais policía hai por habitante de toda Europa e onde mais corpos policiais existen: Policía Nacional, Ertzaintza, Policía Foral, Garda Civil, policías municipais, grupos antiterroristas, Policía Xudicial, o CNI espiando a cidadanía e mais de 1.500 escoltas parece ser que aínda son poucas e agora Gemma Zabaleta, conselleira de Traballo e Asuntos Sociais do Goberno Vasco, ven de anunciar a creación de unha “Policía Administrativa” coa misión de “vixiar e controlar” o cumprimento da lei Anti-tabaco e impoñer as correspondentes sancións.

Non se lles ocorre prohibirlle as tabaqueiras botar drogas que enganchen ao tabaco e outros aditivos mais prexudiciais para a saúde, pero é mais doado zurrarlle a badana aos de abaixo que a esas poderosas multinacionais e, como xa dicía eu, os tiros non van por preservar a nosa saúde.

Mentres nos converten nunha sociedade policial e de delatores, tanto os que non fumamos como os que fuman, teremos que costear mais policía que para iso non hai crises que valla. A mais crises mais control para que ninguén se mova do seu rol.

[18-01-2011 16:33] Eu comentou:

Non, se aínda vai resulta que imos ir da man das multinacionais tabaqueiras cara á construción dunha sociedade máis xusta!

[18-01-2011 10:58] Luar comentou:

Estar contra do tabaco e dos malos fumes non quere dicir que non se poida criticar o que se pretende agochar baixo a lei anti-tabaco. Por sorte, como poderedes ver no enderezo: http://www.gara.net/paperezkoa/20110117/243470/es/La-salud-ante-todo hai mais xente que pensa o mesmo e utiliza argumentos parecidos aos deste artigo porque tampouco cree nas bondades absolutas desta lei. Os que pensades o contrario seguide así, seguide practicando ecoloxismo de salón made in spain elaborado cariñosamente desde Madrid para todos os seus dominios peninsulares e con matizacións para as illas Canarias. Será porque aos canarios aféctalles menos o fume ou, ¡vai ti a saber!, porque o demandan así os mercados, como din pola televisión. Seguide a mirar para o dedo que sinala a lúa, que non hai nada que ver mais alá dos vosos fociños veredes como vola dan con queixo. Non pensedes, que xa outros pensarán por vos.

[17-01-2011 15:24] Traballador comentou:

Traballadores e traballadoras tamén tivemos durante toda a vida que SOPORTAR aos fumadores que nos obrigaban a fumar pasivamente en todo momento e lugar. Fume fora da Galiza, artigos como estes teñen moito que ver co tabaco, especialmente, porque INTOXICAN.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña