02:14 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-01-2011

Cómpre seguir manifestando a nosa oposición aos recortes de dereitos, sexan lingüísticos, laborais ou políticos

Vuvuzelas pola lingua e o emprego

Valorar (15)

XOÁN COSTA


Cativos soprando a vuvuzela


Sempre, cada fin de ano ou comezo do seguinte, voltamos a vista para atrás e procuramos reter o mellor dos días que pasaron e imaxinar o bo dos que restan por viren. Os medios de comunicación non deixan de nos lembrar as vodas máis chiques, as parellas  máis guai, as guerras máis espantosas e as accións máis nobres de famosos e famosas que visitan campamentos de ONGs onde malviven nenos e nenas que a ninguén importan pasados estes días. Os divorcios e os xuntoiros forman tamén parte deste cóctel que nos serven pouco a pouco e que nos vai distraendo da realidade, ou inseríndonos nela, segundo o queiramos ver. E acabamos asumindo todo isto como algo natural, espontáneo, que forma parte do balanzo anual, igual que os IPCs ou os inquéritos sobre tendencias de voto; intentos de  reflectir as preocupacións sociais dos cidadáns e, en certa maneira, indicadores de como se ordena o mundo.

Sen dúbida a lingua é a mellor maneira, e a máis antiga, que unha sociedade ten para configurar a realidade, para a ordenar o pensamento, para estruturar o mundo que nos rodea, cada lingua dunha maneira distinta porque a realidade é percibida de maneira diferente por cada un e cada unha de nós e por cada sociedade no seu conxunto. Eis a razón de existir tantas linguas como maneiras de ver a realidade ou, se quixermos,  tantas realidades como linguas para as expresaren.

Neste contexto non é de estrañar que entre os  medidores do estado de ánimo dunha sociedade se achen iniciativas como, por exemplo,  a de procurar as dez palabras que mellor reflectirían o que pasou durante o ano, cousa que en principio pode non ter máis valor que o dunha simple brincadeira mais que no fondo indica tendencias e preocupacións sociais. Foron moitas as feitas públicas nestes días, mais reparei nunha delas levada a cabo por iniciativa da Porto Editora. Tratábase de elixir a palabra do ano 2010 en Portugal. Finalizada e feita pública a  votación, saíu elixida  a palabra vuvuzela en primeiro lugar seguida da palabra desemprego e continuando en terceiro e cuarto posto déficit e rede social.

Vuvuzeladesempregodéficitrede social reflicten e ordenan necesidades e preocupacións humanas, persoais e sociais, irrenunciábeis, atinentes unhas ao ámbito socioeconómico e laboral e ao ámbito das relacións persoais, o lecer e a comunicación as outras. Todas elas recollen dereitos, expresan conceptos e son o resultado, tal como hoxe os coñecemos, dunha conquista lenta ao longo dos derradeiros séculos, dereitos que na actualidade están seriamente cuestionados: o dereito ao lecer, ao ocio no que as persoas son as protagonistas e non meras consumidoras  dos produtos que o mercado lles ofrece e o dereito ao traballo.

Os ruídos da vuvuzela en África do Sul mostráronse como unha rebelión contra a maneira de vermos  o fútbol en Europa (lembremos que mesmo os futbolistas se queixaron de que non podían "concentrarse" con tanto ruído  -naturalmente non se cuestiona que en determinados postos de traballo o ruído a que están expostos traballadores e traballadoras é moi superior aos limites asumibles polo ouvido humano, e durante bastante máis tempo que os noventa minutos de duración dun partido de fútbol- e as cadeas de televisión protestaron porque non podían emitir en condicións satisfactorias. Mesmo houbo equipas que culparon do seu pobre resultado ás inocentes vuvuzelas).

Agora que, nestes primeiros días de 2011, o Goberno galego, a través do Sr. Conselleiro de Educación e aproveitando as ferias parlamentares e escolares, presenta un novo proxecto de regulamentación educativa no que o galego, sinal identitario que molesta as elites deste país partidarias do centralismo lingüístico e cultural, vai ser silenciado un grao máis, é hora de reivindicar o valor e o significado das vuvuzelas. Agora que o goberno do Estado deu un paso máis na desregulamentación do mercado de traballo, atacando directamente o sistema de pensións, é hora de considerarmos o valor da palabra emprego.

Voto pola palabra vuvuzela, porque inmenso é o valor das palabras, inmensa a necesidade delas. Porque se fai necesario seguir manifestando a nosa oposición aos recortes de dereitos (lingüísticos, laborais, políticos) a nosa voz ten que se ouvir forte como a da vuvuzela até lograrmos que, por non se poderen "concentrar" no seu traballo os destrutores do idioma e os destrutores do emprego abandonen esas prácticas destrutivas.

Vuvuzelas pola lingua e o emprego.

Vuvuzelas por Galiza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña