08:12 Sabado, 13 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-01-2011

Os socialdemócratas que no 2007 se amosaban tan dispostos a "meter en cintura ao capital" están actuando sen chiar aos seus ditados

As liñas vermellas e a folga xeral

Valorar (12)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO


Reunión dos magnates españois


Cando nos finais do ano 2007 abrollou con total crueza a crise financeira e económica foron diversas as forzas políticas e sociais que non dubidaron en definila como unha crise sistémica, unha evidencia do fracaso do sistema capitalista baseado na especulación, no abandono da economía produtiva e na perda acelerada de peso das rendas do traballo na economía por simplificar. Daquela foron diversas, pola súa instalación ideolóxica e procedencia, as voces que preconizaban a necesidade de modificar os alicerces sobre os que se tiñan baseado as relacións e o crecemento económico poñendo especial énfase na necesidade de superar o modelo do capitalismo neoliberal.

Algúns e algunhas incautas, entre as que me conto, interpretamos que todas aquelas voces e o que representaban estaban a facer unha aposta real por frear as desmesuras do capital, por aproveitar a crise para volver ao apoio á economía produtiva, aos sectores produtivos que xeran desenvolvemento para os pobos e emprego de calidade para os e as traballadoras, por devolverlle a soberanía aos pobos e que as decisións e regulacións referentes aos intercambios comerciais e financeiros, ás relacións laborais, aos servizos públicos..., se adopten en institucións elixidas e sometidas ao control democrático da cidadanía e non nas corporacións financeiras trasnacionais ou en organismos como o FMI, Banco Mundial, Axencias de Calificación ou Banco Central Europeo que carecen de calquera lexitimidade democrática para tais decisións.

Mais a realidade foi e está sendo ben outra. Para quen este disposta ou disposto a observar a realidade cun mínimo de obxectividade e de sentido crítico resulta revelador ver como tanto socialdemócrata e "progre" de pacotilla que se amosaba tan disposto a "meter en cintura ao capital" están actuando sen chiar aos ditados do capital, executando todas as reformas que este lle ordena en nome disque da necesidade de sacrificios colectivos para superar esta terríbel crise.

Xa coñecíamos moitos instrumentos do capital para inocular unha única liña de pensamento que permitise os avances das súas pretensións: un grande abano de supostos expertos "independentes" pagados polas grandes corporacións financeiras que nos agasallan día si día tamén cos seus agoiros e receitas sempre unidirecionais, as axencias, as institucións e organismos da Unión Europea, os Bancos Centrais, os Gobernos dos Estados desde os detentados pola socialdemocracia até a dereita máis recalcitrante, os medios de comunicación que cada día nos ofrecen máis variedade de oferta pero menos pluralidade de discurso.

Todos estes axentes colaboradores levan meses terzando no debate da reforma do sistema público de pensións. Todos na mesma dirección: ou reformamos o sistema ou non se poden garantir as pensións do futuro e todos poñendo o énfase no retraso da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos, cuestión accesoria se temos en conta que o fondo da reforma pretende camiñar cara a privatización do sistema dotando cada vez de máis peso aos fondos privados de pensións e o incremento do período de cotización tanto para ter dereito a unha pensión como para o cálculo da súa contía.

Neste contexto resulta revelador  que antes de se sentar a "negociar" a reforma co Goberno as organizacións sindicais CC.OO e UGT puxeran como liña vermella que non se pode traspasar o retraso da idade de xubilación convertendo este no único elemento de debate e controversia que se transmite aos traballadores e traballadoras e á sociedade.

Malia non terse producido ningún avance positivo nin modificacións na posición do Goberno do Estado en relación coa reforma pretendida, onte nunha entrevista nunha emisora de radio en relación coa marcha das "negociacións" da reforma do sistema de pensións o Sr. Toxo, líder do sindicato Comisiones Obreras manifestou con total rotundidade, nunha nova manobra de despiste,  que este non era o momento de convocar unha folga xeral porque estaban nunha negociación máis ampla que ademais da reforma das pensións atinxía á reforma laboral e á negociación colectiva.

O Goberno convoca unha "negociación" con data de caducidade: o 28 de xaneiro. Cun ultimato: o Goberno quere chegar a un acordo cos axentes sociais, mais ou o acordo é nos termos prefixados polo Goberno para contentar aos mercados ou o 28 haberá reforma con ou sen acordo. Desde logo neste contexto, ante esta posición, resulta difícil explicar que UGT e Comisións non consideren nin a posibilidade evidenciar unha posición de forza: ou hai cambios substanciais na posición do Goberno e retira a súa reforma do sistema de pensións ou o día 27 de xaneiro haberá unha folga xeral.

Tíñano tan doado como manifestar o seu apoio á iniciativa adoptada polo sindicalismo nacionalista de convocar folga xeral en Galiza e en Euskadi. Era tan fácil como unirse á posición da CIG e facer extensiva a convocatoria para o conxunto do Estado. 

De non ser así, as galegas e os galegos, que nos dotamos dunha organización sindical propia, como a CIG, que non responde máis que aos intereses das traballadoras e traballadores e do pobo galego, temos a responsabilidade de sermos vangarda e de darlle un respaldo masivo á folga e ás mobilizacións do día 27 de xaneiro, para botar abaixo unha reforma regresiva e inxusta que pagaremos con especial intensidade os traballadores e traballadoras galegas, no noso nome propio mais tamén no nome de milleiros de traballadores e traballadoras do Estado que non poderán secundar a folga, malia estaren de acordo coas súas reivindicacións, por non estaren convocados.

O extemporáneo non é convocar unha folga xeral mentres se está na mesa de negociación o extemporáneo,  que nin entende nin perdoa a clase traballadora, é facelo outra vez cando o "bacallau xa estea vendido".


[17-01-2011 16:08] Eu comentou:

O recorte de dereitos non o está a facer o PSOE desde os concellos, non creo que se deba misturar...

[15-01-2011 23:26] Rafa comentou:

Unha cousa á ter a razón e outra ter capacidade para difundila, pero alguén pode crerse que se o BNG racha os pactos co PSOE en toda Galiza iso ía ser recompensado polo pobo nas municipais de maio?
Deixémonos de soñar e traballemos para un grande éxito da folga xeral do 27 de setembro e un aumento de representación do nacionalismo nas municipais.

[14-01-2011 16:20] xosé comentou:

pois non lhe falta razón ao comentario 1,Saúdos

[14-01-2011 09:33] FOLGA e ruptura do pacto comentou:

O paso dado pola CIG é fundamental, outra cuestión é a posición do BNG.

Cada vez un maior número de persoas non ente que ante os maiores recortes ao Estado do Benestar por parte do PSOE, que en moitas cuestión vai da man do PP, o BNG contribua ao mantemento da cota de poder do PSOE.

Cara as municipais o BNG debería rachar agora os pactos co PSOE, non é posible apoiar nos Concellos e Deputacións a quen recorta dereitos sociais.

Que o infame Abel Caballero goberne co apoio do PP, deixemos de facer o ridiculo apoiando a politicuchos dese calado e que por outra parte apoian sen reparos a política que lle marcan dende Madrid.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña