01:18 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-01-2011

Ficamos perante unha dura batalla, de fondo carácter estratéxico, que no marco da loita de clases que erradamente algún negaron pouco tempo atrás

Máis unha folga xeral

Valorar (17)

XABIER PÉREZ IGREXAS



A decisión da CIG de impulsar unha nova convocatoria de Folga Xeral contra da política antisocial, de claro nesgo neoliberal, que está a levar adiante o goberno español presidido por José Luís Rodríguez Zapatero, coloca máis unha vez ao sindicalismo nacionalista e de clase na vangarda do combate social.

A contrareforma das pensións, que sigue á reforma laboral contestada masivamente na folga do pasado 29 de setembro, e á que previsibelmente seguirá a reforma da negociación colectiva -que nace da pretensión de esmagar a acción sindical- esixe unha contundente e rápida resposta por parte das clases populares que encarnan a maioría social da nosa nación.

Estes duros ataques contra dos dereitos e intereses da clase traballadora non son medidas illadas, nin froito da improvisación. Ao contrario, conforman un conxunto de actuacións políticas que o social-liberalismo español (PSOE) está a enxergar ao ditado do capital e dos intereses das oligarquías empresariais europeas e española. Non representan axustes puntuais, nin circunstancias, nin de conxuntura como teiman en defender os altofalantes do discurso sistémico e os seus cómplices -que os hai- no seo do sindicalismo pactista de ámbito estatal.

Ficamos perante unha dura batalla, de fondo carácter estratéxico, que no marco da loita de clases que erradamente -cando non por puro oportunismo- algún negaron pouco tempo atrás, só pretende garantir a maior acumulación -centralizada- de riqueza para uns poucos a costela da maioría social, mediante o paulatino e progresivo recorte en dereitos e severos retrocesos en políticas sociais. Un combate que volve deixar en evidencia a plena vixencia da contradición capital versus traballo.

Non son políticas resultantes do marco de crise sistémica que padece o capitalismo globalizado (ou imperialista), senón que son consecuencia do desmedido afán das clases dominantes, dos poderosos, do capital, de evitar a asunción dos custes que a súa cobiza especulativa provocou co colapso financeiro do sistema, optando para iso por transferir estes ao conxunto do pobo traballador.

A idea de que todo volverá ser como era, de que se regresará ao vieiro das elevadas taxas de crecemento económico da última década (malia que en paralelo supuxera o empobrecemento de amplas capas sociais), semella estar a ser superada pois apenas é un espellismo intencionado co que o sistema pretende anestesiar os efectos duns axustes tremendamente antisociais e que afondan nunha maior inxustiza e desiguladade.

Neste marco, a firme posición da CIG amósase non só como correcta e necesaria, senón tamén como valente e audaz, colocando a CCOO e a UXT no difícil desfiladeiro das súas propias contradicións. Pois o sindicalismo de ámbito español terá moi difícil explicar e convencer á súa propia base sindical, cada vez máis afastada das posicións das súas cúpulas centrais, unha eventual negativa a incorporarse ao combate da regresiva reforma das pensións que están a iniciar e promover as centrais sindicais nacionalistas de Euskadi e Galiza, que desta volta só pode pasar por -como pouco- unha nova xornada de folga xeral.

O nacionalismo galego ten na convocatoria do vindeiro 27 de xaneiro un excepcional espazo de oportunidade, que non debe desaproveitar, para acadar unha maior adhesión social ao seu proxecto político situado -sen discusión- nas coordenadas opostas ao do discurso sistémico de PSOE e PP, evidenciándose como a xenuína alternativa de esquerda transformadora para o noso pobo. Xa que logo, esta nova Folga Xeral debe ser asumida polo conxunto do Movemento Nacionalista Galego, principiando polo seu principal referente político -o BNG- como unha xornada de loita propia que vai alén do ámbito estritamente sindical ou laboral. Pois o que está en xogo tamén é a posibilidade de acumular máis conciencia para a disputa do poder político.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña