12:17 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-01-2011

O deporte en España utilízase para vender produtos e para transmitir unha certa ideoloxía

Máis alto, máis forte, máis rápido

XOSÉ MAGARIÑOS MACEIRAS



...a utilización do deporte como propaganda política fai que se vexan obrigados (aínda que algúns o fan gustosos e convencidos da bondade dos seus actos) a gañar para así poder transmitir unha mensaxe susceptible de ser empregada polos gobernantes.

Ultimamente os medios de comunicación estannos a "bombardear" con dúas cuestións: por un lado o "escándalo" da dopaxe no atletismo español e polo outro o bo que foi o ano que rematou para o deporte "nacional".

Estas dúas cuestións móstrannos que o que se lle transmite á sociedade non é a idea do deporte como un medio para mellorar a saúde do cidadán ou para a súa superación física; o que se transmite, en realidade, é a idea de que o único que vale é gañar... ben, non só gañar, senón facelo dentro duns determinados parámetros (non esquezamos que existen moitos deportistas que gañan pero que non conseguen portadas nos xornais nin referencias nos telediarios, nin fotos con políticos, nin ,moito menos, vai alguén da familia "real" para velos -falo, por exemplo, do deporte paralímpico, da maior parte do practicado por mulleres, do que non sexa fútbol ou, en casos estremos, do que non sexa Barcelona ou Real Madrid- ).

De todo o dito no parágrafo anterior é fácil deducir que estamos asistindo a unha comercialización cada vez maior do deporte que, en consecuencia, se ve obrigado a resultar rendible; neste estado de cousas, non é de estrañar que os atletas de elite se vexan sometidos a unha forte presión para obter marcas deportivas cada vez mellores. É evidente que, se esta xente pretende vivir do seu traballo, ten que cambiar o famoso slogan: "máis alto, máis forte, máis rápido" por outro máis "moderno" que podería ser algo así como: "máis alto, máis forte, máis rápido,... máis audiencia". E é que nos grandes eventos deportivos o importante xa non é competir limpamente e derrotar o adversario, senón facelo conseguindo unha marca mundial que permita optar á forte recompensa económica caso de obter un récord do mundo.

Pero non só a actividade comercial exerce unha gran presión sobre os deportistas, tamén a utilización do deporte como propaganda política fai que se vexan obrigados (aínda que algúns o fan gustosos e convencidos da bondade dos seus actos) a gañar para así poder transmitir unha mensaxe susceptible de ser empregada polos gobernantes; no caso español, en concreto, sería a da pertenza a un estado forte e sen fisuras, onde todos están a tirar do carro da "patria" (eu teño gravada na cabeza a imaxe de xente, despois dese triunfo no mundial de fútbol que sae até na sopa, berrando polas rúas "soy español, soy español").

Parafraseando o dito por Xosé Carlos Solla Lago [1] neste mesmo medio: "o deporte é un amplo xerador de posturas colectivas e vertebrador social, polo que xoga un papel importante na identidade nacional e na autoestima do país"; estas cuestións son de sobras coñecidas e explotadas polos ideólogos da España unitaria e, en moitos casos, son as causantes da presión á que se ven sometidos moitos atletas e que pode levalos á dopaxe.

En resumo, o deporte en España utilízase para vender produtos e para transmitir unha certa ideoloxía. A este respecto parécenme aclaratorios dous exemplos que puidemos ver recentemente nos medios de comunicación. O primeiro foi unha frase que aparecía nas páxinas deportivas do Pais o pasado 31 de decembro "No quiero defraudar ni a la Federación ni a España" posta en boca dun atleta nacionalizado español e o segundo un anuncio televisivo dunha coñecida marca de material deportivo onde saen tres deportistas "gañadores" (polo menos un deles catalán) enumerando, cunha música moi flamenca de fondo, as grandes vitorias que lograron, o pasado ano, deportistas españois. Ambas noticias, sobre todo a última, transmiten a mensaxe de: "somos españois, somos gañadores".

[1] Xosé Carlos Solla Lago (2010), Temos dereito a unha actividade física xeneralizada?, Terra e Tempo Dixital.


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña