04:12 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-01-2011

A Xavier Gómez Noia, dúas veces campión do mundo de Triatlón, a Xunta retíralle o patrocinio de Galicia Calidade

O PP e a súa concepción clientelar das institucións públicas, neste caso o eido deportivo

Valorar (14)

XOSÉ CARLOS SOLLA LAGO


Xavier Gómez Noia recibindo o trofeo de Campión do Mundo de Triatlón en Budapest (Hungría). Setembro de 2010


O pasado xoves saltaba nos medios de comunicación a nova negativa do noso grande atleta Xavier Gómez Noia, nado en Basilea (Suíza) no ano 1983, pois alí os seus pais viviron por razóns de traballo, e aos tres meses retornarían ao Ferrol onde o noso protagonista medraría, estudaría e se formaría como deportista. Pois si, o actual campión do mundo de triatlón da edición 2010, a anterior fora no ano 2008, vai ter o premio ao seu esforzo por parte das autoridades deportivas da Xunta de Galiza, a retirada do patrocinio de Galicia Calidade, quizais os parámetros de "calidade" non semellan acordes para os méritos que Gómez Noia atesoura no seu curriculum deportivo. O Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, campión do sectarismo político. Que ben ficaría no seu anterior cargo deportivo na Comunidade de Madrid, baixo a reccionaria batuta de Esperanza Aguirre. Mais na Galiza xa abonda Louzán e compañía...

Nos últimos tempos os responsábeis da Xunta de Galiza na materia deportiva están sendo moi exemplificadores nos seus feitos, pois a Resolución do día 18 de outubro, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concurrencia non competitiva, a clubes deportivos e agrupacións deportivas escolares de Galicia, para o desenvolvimento de actividades deportivas. A gravidade desta convocatoria moi demorada xa que logo correspondía publicala seis meses antes, preténdese xustificar a actividade do ano 2010, pero non será financiada polos orzamentos do ano 2010, senón polos créditos que se aproben definitivamente para o ano 2011. É dicir, a Secretaría Xeral para o Deporte amortiza neste ano 2010 a importantísima cantidade de tres millóns de euros que tiña que ir aos clubes de base e agrupacións deportivas escolares de toda Galiza. Como foi denunciado no mes de novembro en rolda de prensa polos concelleiros de deportes do BNG das cidades e o deputado portavoz de asuntos deportivos Alfredo Suárez Canal, chegaron a calificar: "É o maior escándalo político-deportivo en toda a democracia", Xabier Alonso, Concelleiro de Deportes de Vigo. Asemade, descóbrese o destino dos cartos, o INEF da Coruña, pois no seu momento o grupo parlamentar do BNG xa advertira do erro de que non estaba consignado o orzamento para esta sede, responsabilidade da Secretaría Xeral para o Deporte, cuestión que o PP non fixo caso algún da emenda que presentara o BNG no debate parlamentar de hai un ano, co sectarismo que o caracteriza, e agora comprobamos quén paga o erro, o tecido asociativo deportivo de base do noso país.

O pasado martes 28 de decembro, en Compostela no Salón de Actos do Centro Social Novacaixagalicia, en réxime de autoconvocatoria, datas na que tradicionalmente se celebraban os partidos do combinado masculino e feminino de fútbol, organizacións e persoas do eido deportivo, con cargos institucionais de concellos como A Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra e representantes das federacións galegas de fútbol, taekwondo ou triatlón, subscribiron un Manifesto no que lle demandaron ao Goberno da Xunta de Galiza que apoie as seleccións deportivas nacionais galegas. O acto contou ademais co apoio de diversos deportistas entre os que se atopaba o atleta Gómez Noya, que finalmente non puido dar lectura ao Manifesto por non dar chegado a tempo o voo no que viaxaba dende Alemaña. Malia este imprevisto Alfredo Suarez Canal, portavoz de deporte no G.P do BNG e o presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva, deron conta dos argumentos que motivaron esta iniciativa. Polo seu interese achego o texto do Manifesto:

As organizacións e persoas que nos achegamos en réxime de autoconvocatoria a este Acto, queremos reivindicar a existencia das Seleccións Deportivas Nacionais Femininas e Masculinas de Galiza como un feito de normalización deportiva. Despois da exitosa implantación das Seleccións Deportivas Nacionais Galegas, unha vella demanda da sociedade galega, baixo a dirección das anteriores autoridades deportivas da Xunta de Galiza no periodo 2005 ao 2008, co novo goberno da Xunta de Galiza xurdido no ano 2009, desapareceu a iniciativa nestas datas, nomeadamente as seleccións de fútbol feminina e masculina, da organización de encontros internacionais de ampla repercusión social e mediática. Unha teimuda actitude dos responsábeis políticos deportivos actuais do goberno galego de secuestrar a vontade popular, amosada nos distintos eventos organizados cun éxito amplamente acadado e a posibilidade de que os nosos e nosas deportistas tiveran a oportunidade de defender a nosa camiseta nacional, así como as e os siareiros facerse partícipes de expresións positivas de representación galega fronte a combinados doutros países. Unha vez máis o retorno ao túnel do esquecemento, da nosa identidade nacional deportiva ao que se nos foi relegado durante décadas.

O deporte como factor de cohesión social, autoestima colectiva, orgullo da súa representación polos deportistas, mulleres e homes, que neses catro anos (2005-2008) encetou unha xeira de normalidade deportiva, non pode caer na ocultación baixo o paraugas da indiferencia, ou peor, mesmo da actitude de auto-odio boicoteadora das autoridades deportivas actuais da Xunta de Galiza, pois elo expresa, en esencia, a negación da nosa existencia e cercena as múltiples posibilidades de amosar o extraordinario vencello do deporte, os anceios de expresión e unidade colectiva das galegas e galegos.

Parabéns ao esforzo por manter a actividade e a participación de diferentes Seleccións Deportivas Nacionais, que veñen desenvolvendo algunhas Federacións Deportivas Galegas.

Por todo isto, as organizacións e persoas hoxe representadas ESIXIMOS do poder político, é dicir, o goberno galego da Xunta de Galiza, políticas executivas inmediatas para que as Seleccións Deportivas Nacionais Femininas e Masculinas de Galiza poidan desenvolver as súas actividades con total apoio e colaboración ao máximo nivel.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña