19:32 Xoves, 05 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2010

A necesidade de competencias plenas para blindar a nosa estrutura económica e produtiva

Deslocalización e soberanía política

Valorar (8)

DAVID PENA DÍAZ


Manifestación contra a deslocalización de Caramelo


No actual contexto social corremos o risco de simplificar e atribuir á crise todos os fenónemos que se producen nos planos económico ou laboral. Ímonos referir, nomeadamente, ao fenómeno da deslocalización, o cal ten unha xénese moito anterior ao colapso dos mercados financeiros. Fenómeno consistente, en esencia, en trasladar a produción de diferentes sectores económicos a zonas con nula regulación económica, laboral e sindical, aproveitando a práctica do dumping social para obter maiores beneficios económicos.           

Como dicimos, este fenómeno non nace ao abeiro da actual crise económica e isto en Galiza sabémolo moi ben en sectores como o téxtil ou o telemarketing. No  Telemarketing, sen ir máis lonxe, desde o ano 2.005 a deslocalización deixou sen emprego a máis de mil galegas en empresas como IBERPHONE SAU, ATENTO, BOSCH, EUROCEN ou, recentisimamente, cun ERE en trámite, SYKES. Outro tanto se pode dicir do sector téxtil, onde tamén nos últimos anos se puxeron en marcha operacións de traslado da produción a terceiros países. Véxase, como caso paradigmático e máis recente o da empresa CARAMELO, coa lamentábel connivencia da Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza.           

Chegados aquí alguén podería preguntar o por qué do encabezado deste artígo "Deslocalización e soberanía política". En efecto, os procesos de deslocalización precisan, nunha parte importante, que non única, da permisividade e connivencia dos poderes públicos en forma de autorizacións administrativas a expedientes de regulación de emprego, de traslado de dados persoais e financeiros a eses terceiros países ou directamente da concesión de millonarias subvencións públicas que finalmente conducen ao traslado da produción fóra de Galiza. É aquí onde a sociedade galega ten algo que dicir, é aquí onde a sociedade galega debe esixir a asunción de competencias plenas -soberanía política- para blindar a nosa estrutura económica e produtiva. E é que unha nación que aspire ao progreso social, económico e político non pode ficar, na súa articulación económica e laboral, ao ditado da (i)lóxica do mercado. Debe, ao contrario, blindarse e dirixir os procesos de vertebración industrial, facendo que os mesmos teñan dinámicas autocentradas. Soberanía política para defender proxectos económicos e de creación de emprego autocentrados e con amplas marxes de protección e defensa frente a fenómenos como o da deslocalización de empresas.            

Ter soberanía política e económica -gobernar, en definitiva, por e para as clases populares da nosa nación- pasa, tamén, por dar resposta a este tipo de prácticas empresariais. Pasa por poñer en marcha, desde as institucións, medidas activas como a creación dunha Axencia Galega de Protección de Dados que impida o tratamento dos ficheiros con dados de carácter persoal fóra de Galiza, a elaboración dun corpo normativo que obrigue a facilitar a opción do galego nos servizos de atención ao cliente -algo que, obviamente, non acontecerá co traslado das empresas de telemarketing a países sulamericanos-, pulando pola transferencia a Galiza das competencias en materia de telecomunicacións ou exercendo o control para que as subvencións públicas ás empresas revirtan en beneficios para o país.           

Por último e como reflexión final, cómpre desmontar a afirmación interesada segundo a cal fenómenos globalizadores como o da deslocalización fomentan o benestar dos terceiros países aos que se desvía a produción. Frente a isto debemos indicar, en primeiro lugar, que esta práctica prodúcese en sectores amplamente precarizados e feminizados -véxase sector téxtil ou telemarketing, nos que se cronifica non só a precariedade mais tamén a precariedade de xénero- e, en segundo lugar, que en modo algún senta os alicerces do progreso económico e social nos países de destino, sendo precisamente a dependencia, os baixos salarios -que facilitan o dumping social- e a inexistencia de regulación en materia laboral e sindical o principal argumento para se instalar neses lugares.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña