09:01 Mércores, 30 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-01-2011

Decretar o estado de alarma ilegalmente foi estrear na historia da nunca consolidada democracia o que se facía, con tanto fundamento legal, na ditadura franquista

Estado de dereito

Valorar (11)

EDUARDO ÁLVAREZ


Chacón, Rubalcaba e Blanco declarando publicamente o Estado de Alarma


"Non importa que o gato sexa branco ou negro, dixo hai anos o daquela presidente do
Goberno español Felipe González, o que importa é que cace ratos"


A expresión "Estado de dereito" serve para designar a suxeición do poder político ás normas constitucionais e ao resto do ordenamento xurídico. Nun denominado Estado de dereito debe garantirse, pois, o funcionamento responsábel e controlado dos órganos do poder, o exercicio da autoridade conforme a disposicións coñecidas e a observancia dos dereitos individuais, colectivos, culturais e políticos. Este concepto xurdiu a principios do século XIX como oposición ao Estado absolutista, caracterizado pola concentración do poder, a irresponsabilidade dos seus titulares e a ausencia de liberdades. No século XX, o concepto "Estado de dereito" serviu de antítese ao totalitarismo.

En todos os tratados de Dereito político, a expresión "Estado de dereito" contrasta co poder arbitrario e contraponse a calquera forma de absolutismo ou de totalitarismo, como ocorre co chamado "Estado policía", caracterizado por outorgar facultades discrecionais aos órganos da administración, sobre todo á policía, para conseguir calquera clase de fins que se propoña alcanzar. En definitiva, a expresión "Estado de dereito" é un argumento que os cidadáns poden opor ao Estado, pero non ao revés.

Pois ben, son frecuentes os actos procedentes do poder e as manifestacións dalgúns políticos que, ignorando propositadamente o significado xurídico desta expresión, proclaman a estas alturas sen enrubecer, e coincidindo con Maquiavelo, que a norma de actuación política debe estar presidida polo "interese do Estado" e non polos principios do "Estado de dereito". Como se explican, xa  que logo, as declaracións do ex presidente do Goberno Felipe González nas que recoñece que durante o seu mandato tivo a oportunidade de acabar "dun plumazo" coa cúpula de ETA antes da operación de Bidart en 1992 e que non o fixo e que aínda hoxe dubida se actuara correctamente? Como se explica tamén que a Embaixada de Estados Unidos en Madrid despregase nos últimos anos importantes recursos para frear causas xudiciais abertas en España contra políticos e militares estadounidenses involucrados en casos de torturas en Guantánamo, en crimes de guerra no Iraq ou en secuestros nos voos da CIA coa colaboración, nin máis nin menos, do Fiscal Xeral do Estado e de varios fiscais da Audiencia Nacional?

Se un Presidente do Goberno ou un Fiscal Xeral consideran que o Estado de dereito estabelecido no artigo primeiro da Constitución española debe prostituírse en beneficio de certos intereses superiores, terían que explicar que é preciso para conseguir que se faga xustiza perante un feito delituoso. Porque, deste xeito, tiramos a conclusión de que en calquera momento podemos ser asasinados (como lle sucedeu a Xosé Couso), secuestrados e torturados de forma impune, sempre que os autores deses delitos actúen ao servizo do "ben superior" do Estado ou para compracer os intereses dos EEUU.

O día 6 de decembro de 1978 aprobouse en referendo a Constitución española. Nesa data, así se nos recorda reiteradas veces, instaurouse o Estado de dereito que, desde aquela, tantas e tantas veces foi violado por "razóns de Estado"
O día 6 de decembro de 1978 aprobouse en referendo a Constitución española. Nesa data, así se nos recorda reiteradas veces, instaurouse o Estado de dereito que, desde aquela, tantas e tantas veces foi violado por "razóns de Estado": expulsáronse dos órganos parlamentarios representantes elixidos democraticamente polos cidadáns, ilegalizáronse partidos políticos, practicáronse desaparicións de persoas desde as cloacas do Goberno, enterráronse cadáveres en cal vivo, expropiáronse bens arbitrariamente en interese da especulación inmobiliaria, amputouse a liberdade de expresión pechando medios de comunicación, amañáronse probas selectivas á Administración para beneficio de parentes e achegados, relegáronse á subsidiariedade as linguas nacionais, criminalizáronse persoas que denunciaron publicamente o incumprimento da legalidade por parte de membros do Poder xudicial...

Para coroar esta enumeración, e con motivo da celebración do trixésimo segundo aniversario da Carta Magna, o Goberno bota man dunha nova acción consonte coas anteriores e aproba o Real Decreto 1673/2010, de 4 de decembro, "polo que se declara o estado de alarma para a normalización do servizo público esencial do transporte aéreo". Decretar o estado de alarma ilegalmente, mantelo ilegalmente e prolongalo ilegalmente foi estrear na historia da nunca consolidada democracia o que se facía, con tanto fundamento legal, na ditadura franquista. Trátase dun colofón perfectamente proporcionado á magnitude e importancia da paulatina demolición do Estado de dereito establecido na Constitución de 1978.

O que fixeron os controladores posibelmente non sexa xustificábel, pero o Estado nunca pode equipararse a quen, en ocasións, carece de consideración cara aos seus concidadáns. O Estado é unha máquina xurídica e legal: xurídica e legal na súa raíz lexitimadora e necesariamente xurídica e legal no seu comportamento. Podemos comprender e mesmo desculpar, por moitos prexuízos que nos cause, a un conxunto de traballadores que deixan de recoller o lixo durante semanas ou que non nos permiten gozar dunha ponte vacacional porque se paraliza o transporte aéreo, mais non podemos comprender nin desculpar nin xustificar endexamais a quen utiliza a máquina do Estado facéndoa funcionar en contra daquilo que a lexitima.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña