17:06 Martes, 26 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-01-2011

Non haberá na Cidade da Cultura un Museo da Historia de Galicia e seguiremos a ser un país sen institucións culturais nacionais de referencia

Roberto Varela condúcenos á melancolía

Valorar (5)

XAVIER CAMPOS LÓPEZ


Roberto Varela


Lembro decote unha frase de Ortega y Gasset que repetía Hernán Naval con frecuencia: os esforzos inútiles conducen á melancolía. A min hai tempo xa -en realidade case desde o comezo, vista a forma na que se estreou no cargo- que a análise da política cultural deste Goberno me produce, máis que melancolía, unha grande sensación de cansazo e de fastío.

A pasada semana tivemos ocasión de ler na prensa unha nova achega do sorprendente revolto conceptual no que se move o noso Conselleiro, adubado cunha rechamante imprudencia que converte a lectura das súas verbas nunha experiencia semellante á visita a un parque de atraccións: movémonos entre o disparate, a tensión e a risa floxa.

Para alén de nos confirmar que non haberá na Cidade da Cultura un Museo da Historia de Galicia e que seguiremos a ser un país sen institucións culturais nacionais de referencia - visitábeis por todos e dedicadas a investigar, espallar e espellar a nosa historia, cultura e identidade-, as perlas coas que Varela nos agasalla nesta ocasión son, ao meu parecer, as seguintes (con comentario posterior):

1. Sobre a liquidación dos Premios Nacionais da Cultura, a creación dos Premios da Cultura Galega e o rexeitamento deste último por parte de Agustín Fernández Paz:

"Creamos uns premios moi transparentes asumindo todas as consecuencias, e é moi meritorio que lle désemos un a unha persoa que pedira a miña dimisión pouco antes. Dificilmente se me pode acusar de facer algo mal."

Causa asombro que alguén que elimina por criterio ideolóxico uns Premios existentes (molestaban no PP pola súa denominación "nacional") fachendee despois duns outros que recibiron amplas críticas, provocaron manifestos de resposta e mesmo foron rexeitados por un dos premiados. Contodo, máis asombro causan os motivos do entusiasmo: 

a) Os premios son uns premios "moi transparentes"
b) O conselleiro é un home xeneroso, capaz de premiar a alguén "que pedira a miña dimisión pouco antes"

Vaites, mira ti! Pensará logo o conselleiro que merece os nosos parabéns por non censurar, por cumprir a legalidade e por valorar os méritos dos creadores e non a súa adscrición partidaria ou ideolóxica? Pensará que merece o noso agradecemento por facer o que se supón que ten que facer calquera representante público? Chama tanto a atención ese sacar peito que non dou acertado os motivos subxacentes. Ocórrenseme tres:

a.- Que revele, desde o subconsciente, a singularidade desta ocasión nun contexto no que a práctica habitual é outra.
b.- Que queira deslizar sospeita sobre os méritos dos premiados e o proceder dos membros do xurado dos Premios anteriores -todos independentes, ningún deles vinculado á Consellaría- .
c.- Que a transparencia da que se gaba sexa produto discursivo non dunha feliz ausencia de opacidade, que debemos reclamar en todo caso, senón da infeliz deserción da solidez argumental e da razón moral coa que os premios actuais foron creados e da que o Conselleiro, polo demais, é moi consciente. O mecanismo psicolóxico é coñecido e ten a ver coa mala conciencia: dime de que presumes e direiche...  

Inclínome, coñecendo os antecedentes, por esta terceira.

2. Sobre a reestruturación orgánica da Consellaría:

"Propuxen darlle un rango superior ao mundo da edición coincidindo co Ano do Libro e a Lectura, aínda que só sexa un rango, porque os orzamentos son os que son, e coller un modelo que está practicamente adaptado en todo o resto do Estado. Significa darlle máis categoría á Biblioteca de Galicia como órgano de xestión, para que a xente teña que ir fisicamente alí e non só a consultar libros. Será a interlocutora do mundo do libro."

Pouco comentario merecen palabras tan esclarecedoras. As políticas do libro -que veñen do fracaso evidente do Ano do Libro e da Lectura- van padecer en 2011 un importante recorte de orzamentos e seguirán sen horizonte nin definición estratéxica. Pola súa parte, a referencia a que o modelo novo está instaurado no resto do Estado simplemente non é certa.  Mais tranquilos! Aínda que sen recursos e sen peso político, o libro terá formalmente unha Dirección Xeral propia que -atención e redobre de tambor- estará situada no monte Gaiás "para que a xente teña que ir fisicamente alí, e non só consultar libros". Quedamos coa boquiña aberta e facémoslle públicas reverencias ao conselleiro. Tal xenialidade para levar xente á Cidade da Cultura, como non se lle ocorrera antes a ninguén? Vese que este home viu mundo e ben merece o que cobra.

3. Sobre a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción internacional da cultura galega:

"(...) xa tiven contactos co Instituto Cervantes para ver en que bibliotecas da súa rede queremos abrir unha biblioteca galega. Interésannos Centroeuropa, Brasil e Iberoamérica, sobre todo. Temos que aproveitar os mecanismos que ten o Estado."

Desta volta decídese polo caneo escapista e as manobras de distracción. Parécenos estupendo aproveitar os recursos do Estado, basicamente porque se pagamos impostos nel deberemos esixir, consecuentemente, que se comprometa, cara dentro e cara fóra, coa difusión da nosa lingua e cultura. Mais, para alén diso, será cousa de lembrar que cando falamos de Instituto Rosalía de Castro pensamos nun modelo precisamente homólogo ao do Cervantes, e nunca nunha web e nunhas bibliotecas rexionais dependentes del ou graciosamente concedidas por el? Será que nos toma por parvos o conselleiro Varela e pensa que fronte á existencia de institutos coma o Cervantes, o Camoes ou o LLull -cos que podemos e debemos colaborar, claramente- a cultura galega e os seus creadores habemos de nos conformar coa súa concepción rexional e subalterna sobre o noso? Ou é que confunde Varela a creación do Instituto Rosalía de Castro, un organismo estratéxico para o conxunto da cultura galega, co que pode ser unha acción interesante mais sectorial e concreta -a creación dunha oficina virtual- de apoio ao sector do libro?

En fin, deixámolo aquí por hoxe. Seguiremos en vindeiras ocasións, se houber forzas e algo salientábel que comentar. Nesta -e sirva a anécdota como feche- a casualidade quixo que á lectura da entrevista ao conselleiro de Cultura a precedese a relectura do ensaio -moi interesante e no que tamén hai moito para discrepar-  La cultura en la era de la incertidumbre, de Ferrán Mascarell. Os dous, un aquí e outro en Cataluña, coñecen  o mesmo cargo.  A comparación dos seus discursos resulta, ademais de odiosa, francamente demoledora.


[23-01-2011 18:47] FERNÁNDEZ comentou:

Eu non sei como non morren de vergonza por non darlle un premio a OTILIA SEIJAS.
Quen leva feito máis pola nosa literatura ca ela?

[01-01-2011 17:15] Alberte Agudo comentou:

En liñas xerais estou totalmente dacordo con vostede. Agora ben, isto que vostede di estaría ben que traspasase o ámbito da revista e che gase ao gran público, porque a xente da rúa está na inopia, non chegan os mensaxes e é o pobo que despois elixe o goberno que temos. Teñen que facer un esforzo por chegar a masa social, senón vostedes escoitaranse a si mesmos e non mudará nada. Unha aperta .

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña