23:19 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-12-2010

En Galiza temos as pensións máis baixas de todo o Estado, e nin PP nin PSOE fixeron nunca nada por mellorar as cousas

É tempo de reaxir

Valorar (6)

PAZ ABRAIRA SOBRADO


Cartel da manifestación convocada polo BNG para o 25 de xullo de 2010


Os últimos datos  que vén de facer públicos o Ministerio de Traballo e Inmigración confirman a situación de discriminación que padecen os nosos pensionistas en relación cos do resto do Estado e que o BNG denunciou repetidamente. O titular de prensa podería ser de hai quince, dez ou tres anos e convértese no estribillo reiterado que escoitamos cada vez que se publica o informe. Todos os datos apuntan en sentido negativo e afondan na distancia existente entre os ingresos dos pensionistas galegos cos dos vascos, madrileños ou asturianos. Galiza segue tendo a pensión media do sistema (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares) máis baixa de todas as comunidades autónomas, con 657,24 euros.

Máis alá da frialdade das cifras, detrás destes números está a vida diaria de milleiros de galegos e galegas que teñen que afrontar os gastos semanais e as subas nos produtos básicos, en evidente desvantaxe co resto dos pensionistas do Estado. Nin os distintos gobernos estatais do PSOE nin os do PP asumiron modificar esa situación, e a día de hoxe, mantemos  o pouco envexábel  honor de seguirmos ocupando a derradeira posición na cobertura social pública do sistema de pensións. Sospeito que se eses "mercados"  que adoito deciden as medidas regresivas e antisociais dos gobernos de PSOE e PP analizasen eses datos, que se os seus laureados estudosos debullasen as manobras que os nosos pensionistas teñen que facer para chegar a fin de mes, sospeito, -dicía- que se empezarían a preocupar pola "solvencia" dos nosos xubilados e polos riscos da súa débeda "soberana". Supoño que se decatarían de que sería preciso e xusto acudir ao seu rescate con ese diñeiro público que, pola contra, si se lle deu á banca para manter os seus beneficios. Mágoa que as decisións políticas que se toman desde o goberno do Estado e da Xunta vaian xustamente na liña de dirixir ese rescate cara a aqueles que máis teñen, e cargar de subas e impostos as maletas dos máis desfavorecidos.

Vivimos un momento histórico de patentes e enormes recortes sociais, dunha antisocial reforma laboral, un momento no que o que se propón é alongar a vida laboral até os 67 años, estender o período sobre o que se calcula a pensión dos últimos quince anos aos últimos vinte e cinco ou máis e usar esa medida para lle reducir as cotizacións ás empresas. Se escoitamos falar ao Presidente da Confederación de Empresarios (ao de antes e ao de agora) é sempre para falar de novos recortes, de cambios cada vez máis negativos, de que a clase traballadora ten que facer un maior esforzo, traballar máis horas e por menos salario.. Dentro de pouco xa nos dirán que non podemos nin falar nin protestar e que o que nos queda é apandar co que nos veña enriba.

Parece case imposíbel que a sociedade non reaccione ante o que está pasando. Estamos tan abafados polos medios de comunicación que chegamos a crer que o gran problema do Estado é que se manteña aberto o espazo aéreo, cando boa parte da poboación non xamais vai subir a un avión nin se achegou nunca a un aeroporto. A anormalidade actual lévanos a pensar que ese é o problema real e non que o salario mínimo siga a ser unha miseria, nin que nos vaian subir a luz de novo un 10%.

Ninguén quere recoñecer que os gobernos  cada día deciden menos e que quen mandan son os famosos "mercados", é dicir, os intereses das grandes empresas e dos grandes negocios. A verdade é que cando cheguen as elecións xerais, ao PP xa non lle vai quedar nada que facer, vaillo deixar todo feito o PSOE. Pensións máis baixas, salarios indignos, maior xornada laboral para ganar menos, sen servizos públicos, sen dereitos sociais nin laborais...

Vai comezar un novo ano e está claro que temos que reaxir, temos que enfrontarnos ao tempo que nos tocou vivir poñendo sobre a mesa a nosa alternativa, unha alternativa nacionalista e de esquerdas, centrada nas persoas e non nos mercados.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña