02:36 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-12-2010

Ten ben mérito que nun país historicamente desamparado polos poderes se dera este notable nivel precisamente nas tecnoloxías máis avanzadas

Encheocos

Valorar (13)

XOSÉ LOIS GONZÁLEZ, "O CARRABOUXO"



Os 25 anos de existencia da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo, que se festexaron este ano, canda o mesmo aniversario da creación da CRTVG, e o 50 de que Televés empezara a encher o mercado de toda a península de antenas de televisión de aluminio dame pé para recordar unha vez mais que Galiza é unha potencia en Telecomunicacións. Ou teño que dicir que é potencialmente unha potencia? Porque aquí sempre temos que andar poñéndolle potencialidade as nosas riquezas. Potenciar, poñer en valor, visibilizar, desarrollar as nosas potencialidades,potenciar as nosas potencias...

É a eterna canción do pobo galego, sempre pedindo palancas, fulcros e ramplas para acadar o desenvolvemento que non temos do que temos. Se Machado fora galego coma o seu apelido e o seu avó, seriamos os galegos os pedinchóns de escadas do famoso poema.

Pero ten ben mérito que nun país historicamente desamparado polos poderes se dera este notable nivel precisamente nas Tecnoloxías máis avanzadas. Claro, que non precisan dunhas infraestructuras caras, senón de formación e creatividade. Somos o país con mais enxeñeiros de Telecomunicación por metro cadrado de Europa. Temos empresas punteiras no mundo do deseño de equipos e sistemas, e elaboración de proxectos innovadores.Temos a empresa que mais decodificadores de TDT fabrica no mundo. O proxecto tipo para a cobertura da TDT no noso complicado hábitat, para levar a televisión aos recunchos máis apartados, que se chaman en casi todo o mundo  GAP FILLERS (recheo de fendas) elaborado na época do bipartito, foi modelo que adoptaron as demais Comunidades Autónomas, e todo o mundo recorda o experimento da Fonsagrada, o primeiro apagón do Estado, deseñado e dirixido con éxito por enxeñeiros galegos. Claro que para experimentar a cobertura nun terreo difícil, que mellor que a Fonsagrada? O malo é que cando se planifica  en Madrid parece que a nosa orografía e dispersión poboacional son culpa nosa. E así están aínda sen cobertura, tanto de TDT como de banda larga moitos cidadáns de Galiza. En cambio os impostos si que os pagamos. En impostos hai cobertura universal; dende sempre; antes os cobradores chegaban aos sitios apartados con cabalos e con trallas. Agora dos cabalos só queda o rabicho que lle colga por tras á máscara do Cigarrón, pero é a xente a que baixa a pagalos á vila.

Un día destes vai saír tamén a Nova lei do  Espectro Radioeléctrico e se a miña experiencia non me falla, unha vez máis van pasar por aquel sitio as nosas particularidades orográficas e de dispersión poboacional. Antes de realizarse o apagón analóxico había en Galiza tantos reemisores de TV coma no resto do estado xunto. Nin que dicir ten que o oitenta por cento estaban fóra de todo plan estatal, eran legalmente clandestinos, pero foran instalados pouco a pouco pola Xunta en convenio cos concellos e a cambio duns votiños, como única maneira de completar a cobertura. Con esa ancestral cegueira centralista se fixo a planificacón da cobertura TDT, e por eso aínda hai xente esperando, sen TV, que non é que valga moito, pero polo menos acompaña, agora que os vellos volven estar sós porque seica non hai cartos para atendelos, que fan falla para atender ao Papa e outras cousas polo estilo. Parece ser, que o que por lei debía ser gratis, un sistema por satélite para que recibiran  os que aínda non tiveran cobertura unha vez desplegados todos os reemisores oficiais, por esa planificación ignorante das nosas particularidades, as contas quedaronse curtas, e teñen que pagar a parabólica os usuarios ou os seus Concellos, se teñen sorte.

O dinamismo e a iniciativa desta pléxade de Enxeñeiros que temos, mirando cara o país, conseguiron que a proposta do BNG no Congreso, se aprobara a candidatura de Galiza para ser sede da futura Axencia Estatal de Radiocomunicacións (AER), que será o organismo engargado de xestionar o Espectro Radioeléctrico. Traer esa axencia a Galiza, como foi a Comisión do Mercado das Telecomunicacións a Cataluña, si que seria unha boa escada para acadar importantes metas económicas, pois non se trata só da xestión do espectro, senón do mercado  de frecuencias.

Pois isto ocorreu hai mais dun ano, e até hoxe; nin se creou a AER, que está regulada xa  dende o 2003, e por suposto non se trouxo a Galiza.

E O Sr. Feixóo nin pío dende Monte Pío. Él de traer algo de Madrid non é. E máis de  LEVAR. E de perseguir ao idioma galego.

Pois dígolle unha cousa, señor Feixóo: O colectivo dos enxeñeiros de Telecomunicación de Galiza é un dos sectores profisionais MAIS GALEGUIZADOS. O  Colexio oficial de Enxeñeiros (COETG) ten a súa páxina web totalmente en galego, como o seu boletín e a súa revista A Nosa Rede.

E todas as súas publicacions e actividades se fan no noso idioma. Hai modelos de proxectos avanzadísimos nas novas tecnoloxías en galego, si en galego, ese que según vostede non serve para as matemáticas nin a física nin a química, que por certo, nestas tres disciplinas se basean exactamente todos os avances nas Novas Tecnoloxías dos ultimos anos: algoritmos, circuítos e compoñentes. Non lle hai outra cousa! Vostede dáse conta de que se cadra boa parte do circuíto por onde lle da instruccións ao Sr. Vázquez para aplicar a lei da represión lingüística no ensino é un proxecto feito en galego? Eu creo que se dá, pero non lle gusta. Tamén descoñecerá o Sr. Feixóo, claro, foi na época do Bipartito, o Diccionario galego das novas tecnoloxías que presentou o COETG, o 17 de maio do 2008, Día das Letras Galegas e, pásmese, Día Mundial das Telecomunicacións!

E non sei se asistiría vostede á Noite Galega das Telecomunicacións (O Sr. Touriño asistía, xunto co conselleiro do ramo, Fernado Blanco) que celebra o COETG todos os anos, onde os que amamos o galego desfrutamos de varias horas onde o noso idioma reina nun entorno en que non é frecuente, por culpa de xente coma vostede, en discursos técnicos, exposicións avanzadas, e ponencias de última xeración, sen ningún problema nin límite. O galego non limita, como di o seu conselleiro, o que limitan son vostedes!

E dígolle tamén que aqueles artiluxios tecnolóxicos dos que falei antes, que serven para levar a TDT aos recunchos máis apartados de Galiza, os reemisores dixitais de frecuencia única, os chamados GAP FILLERS en todo o mundo, aquí non se chaman así, senón que se adoptou polos profesionais e industrias poñerlle o nome en galego: "ENCHEOCOS". E así figuran nos Proxectos. Non nos fai falta nin o inglés, Sr.Feixóo!                             


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña